[Tres en raia] Vagas de calor e cambio climático

| Ecoloxía, Tres en raia

Segundo as opinións máis fiables, como por exemplo o Servizo de Cambio Climático Copernicus (C3S) da Unión Europea, este verán do 2024 foi no conxunto do planeta o máis caloroso da historia da humanidade. Foi mesmo terrible en non poucas zonas de Europa como Grecia, onde se chegou a temperaturas superiores aos 50ºC. Isto non supón un fracaso das medidas aprobadas para combater o cambio climático, como por caso o límite do +1,5ºC? Dise que as capas superficiais do océano global están a niveis de récord e pesar de que custa moito máis quentar o mar, polo que resulta máis preocupante. Que está pasando? Estamos nunha situación irreversible? Que futuro nos agarda? Fenómenos climáticos de grande magnitude?

Julen Rekondo

Unha resposta lenta para desafíos urxentes

Cando un bota unha mirada global ao verán de 2024 saltan todas as alertas: nunca antes se rexistrou un tan cálido. O Estado español non se puxo de lado neste récord e xa é innegable que estamos máis de grao e medio por riba da temperatura media do noso planeta antes da revolución industrial. O exceso de enerxía que están a recibir os océanos, os continentes e a atmosfera, que é unha forma de medir o cambio climático, equivale a detonar 12 bombas de Hiroshima cada segundo. Non nos pode estrañar, por tanto, que as consecuencias desta situación non soamente quenten o clima, senón que tamén propicien fenómenos extremos cuxa frecuencia aumenta. Cabe preguntarse: que estamos a facer contra o cambio climático? Mentres que existe un amplísimo consenso científico acerca de que a actividade humana contribuíu enormemente ao quecemento global, que chega a un 97% do conxunto da comunidade científica, a percepción social sobre ese consenso debilítase nos últimos tempos aínda que varía duns países a outros, co auxe das posicións negacionistas.

Na situación actual, a capacidade para protexer a saúde do planeta e dos seus habitantes está a chegar aos seus límites. É a principal conclusión dun novo e amplo estudo levado a cabo por máis de 60 destacados científicos da coñecida como Earth Commission.

Á súa vez, a resposta dos gobernos e organismos multilaterais é lentísima, e iso reflíctese no non cumprimento dos compromisos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, como está a ocorrer co Acordo de Paris (2015), entre outros. O outro quebracabezas para describir a situación e a débil resposta da comunidade internacional hai que atopalo na inexistencia dunha sociedade civil concienciada e mobilizada, aínda que aumentase nos últimos anos, pero aínda de forma insuficiente. Na situación actual, a capacidade para protexer a saúde do planeta e dos seus habitantes está a chegar aos seus límites. É a principal conclusión dun novo e amplo estudo levado a cabo por máis de 60 destacados científicos da coñecida como Earth Commission (Comisión da Terra), un grupo auspiciado por Future Earth (Terra Futura). A investigación, que por primeira vez identifica os “límites xustos e seguros” nos que se poden minimizar os danos causados pola crise climática e ecolóxica, establece as vías para alcanzalos e permanecer dentro deles. Á súa vez, alerta: as proxeccións futuras até 2050 mostran que este espazo desaparecerá, impulsado pola desigualdade, a menos que se produzan transformacións urxentes. A receita que propugna este grupo de científicos, é clara: “A única maneira de prover para todos e garantir que as sociedades e as economías prosperen sen desestabilizar o planeta é reducir as desigualdades na forma en que se accede e utilízanse os recursos críticos do sistema da Terra, como a auga doce e os nutrientes, xunto coa transformación económica e tecnolóxica”. No caso do clima, o documento segue o ronsel do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC): “Se non se realizan cambios significativos agora, para 2050 non quedará ningún espazo seguro e xusto”. Os puntos de inflexión que se cruzarían, como o aumento da temperatura media global no caso do cambio climático, causarían “danos significativos ás persoas de todo o mundo, a menos que se transformen urxentemente os sistemas enerxéticos, alimentarios e urbanos”.

***

Xosé Veiras García

A urxencia de recortar as emisións de gases de efecto invernadoiro

Unha das principais evidencias do cambio climático causado polas excesivas emisións humanas de gases que intensifican o efecto invernadoiro natural é o aumento das temperaturas, un feito incuestionábel, ben documentado cientificamente, a escala global e tamén no noso país. A tendencia ao incremento das temperaturas é inequívoca, o que, entre outros moitos efectos negativos, implica unha maior frecuencia, intensidade e duración das vagas de calor. Meteogalicia constatou que 2023 foi o ano máis cálido en Galicia. A temperatura media foi 1,3ºC superior ao valor medio do período de referencia 1981-2010. Seis dos 10 anos máis cálidos no noso país rexistráronse desde 2011. Galicia está a quecer e, como o resto do planeta, continuará a quecer no futuro, en maior medida canto máis se atrasar a redución das emisións mundiais de dióxido de carbono (CO2) e do resto de gases de efecto invernadoiro. Cómpre acadarmos o antes posíbel a neutralidade climática, isto é, emisións netas cero, igualando emisións a absorcións pola natureza. Para despois entrarmos nun escenario de emisións netas negativas, no que as emisións sexan inferiores ás absorcións.

Ademais de nos adaptarmos, na medida do posíbel, ao cambio climático xa inevitábel, urxe recortarmos de forma rápida e acentuada as emisións globais de gases de invernadoiro. Mais até hoxe non deixaron de medrar, se ben nos últimos anos a un ritmo máis moderado, en parte debido ao crecemento das enerxías solar e eólica.

A Organización Meteorolóxica Mundial estimou que a temperatura media do planeta en 2023 estivo 1,45 ºC por riba dos niveis preindustriais. As tendencias climáticas baséanse nos datos de decenios, non dun ano en particular, mais é claro que nos aproximamos perigosamente ao límite dos 1,5ºC, a meta máis ambiciosa do Acordo de París. O quecemento global é xa irreversíbel, após décadas de procrastinación dunha acción climática vigorosa, mais cada décima de grao de máis ou de menos importa moito. A nosa escolla é entre un futuro de +1,5ºC ou outros aínda máis quentes. Canto máis nos afastarmos do limiar menos prexudicial aínda ao noso alcance, máis probábeis serán acontecementos meteorolóxicos extremos, como por exemplo a calor elevada. O tipo de calor extrema que antes se producía unha vez por década é hoxe tres veces máis probábel. Con +1,5ºC estímase que o sería catro veces máis e a mediados de século centos de millóns de persoas ficarían expostas a vagas de calor letais. Con +2ºC esa calor extrema sería seis veces máis probábel. Con +4ºC a probabilidade subiría até nove veces. Ademais de nos adaptarmos, na medida do posíbel, ao cambio climático xa inevitábel, urxe recortarmos de forma rápida e acentuada as emisións globais de gases de invernadoiro. Mais até hoxe non deixaron de medrar, se ben nos últimos anos a un ritmo máis moderado, en parte debido ao crecemento das enerxías solar e eólica. Algúns analistas achan que o pico global de emisións puido acontecer en 2023 e que en 2024 comezarán a descender. Veremos. Atrás do aumento mundial das emisións hai basicamente dúas realidades. Nos países de ingresos medios e baixos, cunha moita menor responsabilidade histórica na xénese do problema climático, as emisións están a crecer. Pola contra, nos de ingresos altos descenden, aínda que de xeito insuficiente, como no caso de Galicia, onde as emisións brutas (isto é, sen descontar absorcións pola natureza) atinxiron o pico en 2002 e son hoxe (2022) un 33% inferiores ás de 1990, por causa sobre todo da substitución do carbón na produción eléctrica. A día de hoxe, a maior responsabilidade climática recae nos países desenvolvidos, onde cómpre redobrarmos os esforzos na mellora da eficiencia enerxética e no despregue masivo das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica e a solar. Sumado a isto, un certo decrecemento do PIB, planificado de forma socialmente xusta, garantiría o éxito climático e rebaixaría as presións socioambientais en xeral.

***

Xabier Vázquez Pumariño

Cada décima de grao importa

Respecto á primeira pregunta, creo que non supón un fracaso das medidas aprobadas, en absoluto, pola simple razón de que as medidas aprobadas nunca foron implementadas. Como pasa en practicamente toda a normativa ambiental, cando as medidas a tomar son minimamente serias e/ou fan perigar lixeiramente algún privilexio económico, algún tipo de lucro das clases ou compañías dirixentes tanto a nivel global como local (este é un detalle importante), simplemente non se fai nada. O planeta continuou ter maiores emisións e ningunha actividade emisora e ningunha actividade destrutora de sumidoiros de carbono foi detida ou ralentizada. Hai moito matices, loxicamente, nesta afirmación. Si foron implementadas, porén, actividades que en teoría poderían contribuír a unhas menores emisións pero que, pola contra, contribúen momentaneamente a maiores emisións e que se enmarcan no que se deu en chamar transición ecolóxica. Teñen que ver cunha maior produción de electricidade a través de eólica e solar e cunha mobilidade eléctrica.

Non hai situacións irreversibles, o que hai son situacións que non van ser reversibles a escala humana,. […] Agora ben, +1,5º é mellor que +1,6º e 1,6 mellor que 2… e é aí onde hai que insistir, cada décima de grado menos supón posiblemente, millóns de mortos ou desprazados menos, supón menos sufrimento e ecosistemas en mellor estado.

O que está a pasar é basicamente o que se dixo que ía pasar. Hai máis enerxía no medio e esa razón ademais de quentarse, os fenómenos meteorolóxicos extrémanse, incrementan a súa frecuencia e a súa virulencia. Neste senso os modelos climatolóxicos fanse máis incertos xa que nos adentramos no que se denominamos “territorio descoñecido”. Determinadas anomalías superan amplamente o previsto. Non hai situacións irreversibles, o que hai son situacións que non van a ser reversibles a escala humana, esa é a parte tráxica para a humanidade. Na práctica para calquera persoa viva actualmente ou no futuro ata ben pasadas unhas décadas. Por fixármonos un horizonte temporal, si, vai ser unha situación irreversible. Agora ben, +1,5º é mellor que +1,6º e 1,6 mellor que 2… e é aí onde hai que insistir, cada décima de grado menos supón posiblemente, millóns de mortos ou desprazados menos, supón menos sufrimento e ecosistemas en mellor estado. O que nos agarda é unha incerteza moi elevada en canto a estacións, fenómenos extremos que inclúen dende secas a inundacións, temperaturas elevadas ou, incluso, moi baixas nun momento dado e, por suposto, un incremento xeral dos períodos de máis calor. Tamén está no horizonte un posible colapso a non moi longo prazo da AMOC (Circulación de Envorco Meridional do Atlántico) que traería unha diminución das temperaturas en Europa, a diminución da precipitación e que faría, difícilmente habitable boa parte do continente. Isto por suposto, ten consecuencias a todos os niveis. O mundo, tal e como o coñeciamos, dende o Holoceno, vai cambiar.