A ciencia e os vertidos de pelex

| Ecoloxía

Segundo un breve informe emitido o día 9 de xaneiro pola Xunta de Galicia, os pellets que se verteron o pasado día 8 de decembro do barco TOCONAO, de bandeira de Liberia, en sacos etiquetados como “UV9000 light stabilizer” importados por Bedeko Europe e fabricados na India pola empresa CORAPLAST (si, moito de plástico que se consume en Europa prodúcese en Asia) teñen a seguinte composición: a súa matriz é o polímero máis habitual, polietileno, totalmente inocuo. PERO conteñen entre un 10% e un 13% dun aditivo químico empregado como estabilizador ultravioleta (como era de esperar, dadas as etiquetas dos sacos).

Este aditivo denominado uV622 (número CAS 65447-77-0) é á súa vez un polímero non biodegradable con dous compoñentes, o ácido succinico (un ácido orgánico sen problemas a nivel toxicolóxico) e unha substancia sintética da familia das aminas aromáticas que lle dá as súas propiedades antioxidantes (número CAS 52722-86-8). Esta substancia está clasificada pola European Chemical Agency como substancia con toxicidade crónica, é dicir, so sería tóxica en exposicións prolongadas que non é o caso dunhas labores de limpeza puntuais, e irritante para os ollos (polo que na limpeza débese ter esa precaución).

Segundo este mesmo dossier, a súa toxicidade para Daphnia (invertebrado acuático que se usa como modelo para valorar a toxicidade dunha substancia) tería unha CE50 (concentración que causa un 50% de mortalidade) de 160 mg/L, o que a catalogaría como pouco tóxica.

Na folla de seguridade do UV622 figura unha toxicidade para Daphnia de CE50=25 mg/L, o cal, en contrasta co anterior, o catalogaría nun nivel medio de toxicidade acuática. En calquera dos casos, non é de esperar que en costas abertas se alcancen eses niveis.

Ningún dos documentos anteriores aporta información experimental sobre toxicidade en organismos mariños. O grupo ECOTOX está actualmente realizando probas de toxicidade con modelos representativos do fitoplancto e zooplancto para cubrir esta lagoa, cuxos resultados se irán publicando.

ECOTOX é un grupo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña de Universidade de Vigo. Parte do seu traballo céntarse na avaliación do impacto da contaminación no medio mariño costeiro, mediante o uso combinado de ferramentas biolóxicas e de análise química.