Temos que situar a recente chegada de pellets á costa nun contexto máis amplo. A contaminación por plástico é, de feito, unha preocupación crecente na UE. A vertedura de plásticos e  microplásticos é algo continuo na cadea de produción, transformación, transporte, uso e restos destes materiais, que se acumulan no chan, no aire e na auga. Esta polución no mar vai en aumento desde os anos 70, agudizada puntualmente por accidentes como o actual. Diariamente, desde distintas zonas de Asia, viaxan polas augas do planeta contedores con toneladas de pellets que xa supoñen unha boa parte dos micropláticos que acaban no mar. Desde 2011, oito grandes accidentes de barcos verteron un trillón de pellets. E isto só é a punta do gran iceberg do plástico acumulado no mar desde o Ártico ata a Antártida.

Sen desprezar a gravidade dos accidentes, hai que ter moi presente que a maior parte do plástico que chega ao mar, entre un 60-80%, débese a procesos habituais. En datos da CE, entre 2000 e 2015 aumentou o 79% a produción de plásticos; en 2019 producíronse 460 millóns de toneladas de pellets no mundo; o 29% do plástico fabricado é para embalaxe; o 49% do lixo mariño son plásticos dun só uso; cada ano vértense de 4 a 12 millóns de toneladas de plástico ao mar. Só hai que pasear polas praias para observar a prevalencia destes restos na beira.

A CE cifra un impacto da contaminación por plásticos na nosa economía de entre 259 e 695 millóns de euros, fundamentalmente na pesca e o turismo. Non é de estrañar a crecente preocupación deste organismo europeo que xa estableceu medidas para frear esta marea.

Todos os estudos sinalan o dano para a vida mariña que ocasiona o plástico. Atópase xa na maioría dos organismos mariños, desde o plancton – base das cadeas tróficas mariñas- ata os peixes e aves mariñas. Ocasionan a perda de fertilidade e a morte por inxesta, unha diminución lenta das poboacións de organismos mariños, a perda de biodiversidade, etc. Son danos estes que teñen tamén a súa dimensión económica. A CE cifra un impacto desta contaminación na nosa economía de entre 259 e 695 millóns de euros, fundamentalmente na pesca e o turismo. Non é de estrañar a crecente preocupación deste organismo europeo que xa estableceu medidas para frear esta marea de plástico: reducir o seu uso en embalaxes, utensilios dun só uso e cosmética, mellorar a xestión de residuos, incrementar a reciclaxe… Son medidas que aspiran a eliminar polo menos un 30% a vertedura de microplásticos en 2030. Ademais, recentemente, tamén a UE está a traballar en medidas para mellorar as condicións do transporte dos pellets e plástico nun intento de controlar o transporte destas mercadorías, agora barato e sen demasiados controis, difuminado nun labirinto de bandeiras e compañías opacas, que orquestran a irresponsabilidade organizada nunha maraña global.

Diante deste panorama, a Xunta de Galicia primeiro oculta, logo nega a gravidade e finalmente distribúe a responsabilidade a outros para xustificar a súa inacción: todo un “déjà vu”: É moi grave  que a conselleira de Medio Ambiente ignore os estudos científicos e as directrices europeas acerca da contaminación que xeran os plásticos e banalice a súa gravidade. É un exemplo máis da perigosa actitude dunha dereita negacionista das crises ambientais, incapaz de actuar en situacións de risco, incapaz de afrontar a contaminación en aspectos para os que ten toda a competencia necesaria; incapaz de articular a cooperación entre todas as administracións implicadas; incapaz, en suma, de protexer un recurso natural prezado e valioso: a costa. Ademais, deberiamos esixir a retirada sistemática e periódica de todo tipo de plásticos das praias.