Após uns anos nos que o mundo viu como se materializa ás portas da súa casa a crise climática, o 30º Cume do Clima celebrado en Belém (Brasil) estaba chamado a ser un encontro chave. Non só polas efemérides que se cumprían —dez anos do Acordo de París, vinte da entrada en vigor do Protocolo de Kioto, 80 da creación da ONU—, senón pola situación de emerxencia climática na que estamos.
As expectativas desta vez eran moi altas. O lugar elixido, a Amazonia, o pulmón e regulador climático do planeta, facían imaxinar un cambio de rumbo, un “COP da verdade” que supuxese un antes e un despois na acción climática. Nada diso pasou. Os Cumes do Clima (COP) son un bucle interminable de retórica ambiciosa e acordos finais descafeinados.
A declaración final da Cimeira e outros textos, se ben recollen algúns avances pouco concretados, como a posta en marcha do Mecanismo de Belém para a Transición Xusta, quedan moi lonxe das expectativas dunha presidencia brasileira que puxera o listón moito máis alto, pero que foi freada por unha unión de países petrolíferos e nacións en mans de gobernos partidarios de atrasar —cando non torpedear— a loita contra a crise climática.
Os Cumes do Clima (COP) son un bucle interminable de retórica ambiciosa e acordos finais descafeinados.
Abonda saber que 1.600 delegados oficiais participantes nas COP teñen lazos directos coa industria petrolífera, o que dá unha idea do poder do lobby fósil no encontro. Mentres os lobbies sigan patrocinando e asistindo a estes eventos, de pouco van servir os Cumes do Clima.
Sen folla de ruta para o fin dos combustibles fósiles nin un plan concreto para deter a deforestación —as dúas apostas iniciais da presidencia brasileira—, o acordo final, malia ser asinado polos asistentes, supón un triunfo das posicións máis retardatarias e negacionistas.
O principal erro é que a aposta da presidencia en materia de mitigación fracasou e non hai mención á publicitada folla de ruta para o fin dos combustibles fósiles, algo que si aparecía no primeiro borrador do texto final presentado o martes 18.
O acordo final, malia ser asinado polos asistentes, supón un triunfo das posicións máis retardatarias e negacionistas.
Cantísimos cumes farán falta para afrontar definitivamente o quecemento global? Cun planeta enfadado por fenómenos extremos que xa está a superar o límite imposto polas nacións no Cume do Clima celebrado en París en 2015 —non superar a barreira dos 1,5 ºC de quecemento global medio fronte aos niveis preindustriais— impoñía urxencia. Pero a declaración final do COP30 non fai referencia ningunha á eliminación progresiva dos combustibles fósiles, principais causantes do cambio climático. O 90% do CO₂ que requenta o planeta provén da queima de petróleo, gas e carbón.
A financiación climática, especialmente a dedicada á adaptación e mitigación do cambio climático nos países máis vulnerables e pobres, foi outra das grandes perdedoras, xa que pouco se concretou na última cimeira. Se na cimeira de Bakú o ano pasado se alcanzou un acordo de mínimos que quedou moi lonxe das necesidades reais —con só 300.000 millóns de dólares anuais de fondos públicos comprometidos ata 2035 e unha proposta sen concretar para sumar 1,3 billóns mediante financiamento privado—, o grupo dedicado a discutir a chamada Folla de Ruta de Bakú a Belém (B2B) para aumentar esa financiación non conseguiu moito avance concreto. O texto pide ás Partes triplicar a financiación para adaptación climática do Sur global nos próximos dez anos, o que supón un retroceso respecto ao primeiro borrador presentado, que falaba de 2030 e non de 2035.
A financiación climática, especialmente a dedicada á adaptación e mitigación do cambio climático nos países máis vulnerables e pobres, foi outra das grandes perdedoras, xa que pouco se concretou na última cimeira
Institucións como o FMI ou o Banco Mundial si teñen cartos, pero pasan COP tras COP sen acordar como transferilos. Cantidades como 300.000 millóns de dólares discútese como se fosen imposibles, cando son “o chocolate do loro” comparado co que se extrae do Sur global.
Parte do problema é a configuración das propias conferencias climáticas. As decisións tómase por consenso. O sistema polo que hai que acordar cada texto, cada palabra en cada decisión, baséase no consenso, o que significa que calquera dos case 200 países que participan pode levantar a man e paralizalo todo. Este sistema, durante máis de tres décadas de conversas sobre cambio climático na ONU, fixo que os acordos sempre se vexan rebaixados e diluídos. Ademais, ao non contar cun órgano con capacidade sancionadora que vele polo cumprimento dos acordos, todo queda ao albur dos estados.
Foros como os COP son necesarios, pero cabe preguntarse se, no seu formato actual, van achegar solucións reais. É moi difícil conciliar os intereses de Vanuatu, un país condenado a desaparecer no océano, e un gran produtor de fósiles como Arabia Saudita, que historicamente encabezou unha coalición de países petrolíferos que loitaron por eliminar toda mención aos combustibles fósiles. En Belém, fixeron o mesmo.
Foros como os COP son necesarios, pero cabe preguntarse se, no seu formato actual, van achegar solucións reais.
A información científica é cada día máis relevante e máis contundente. Non imos na boa dirección: os plans actuais dos países levarían a un quecemento entre 2,1 e 2,8 ºC, moi por riba do obxectivo do Acordo de París de non superar os 2 ºC e aspirar aos 1,5 ºC. A comunidade científica segue avisando de que o cambio se acelera e cada vez son maiores os efectos e consecuencias da crise climática.
Os COP, aínda que manteñen a presión e evitan anos “mortos” nos que non se avanzaría nada, teñen que ser outra cousa. Ademais, no seo dos COP hai tres grandes problemas: a desigualdade, a falta de compromiso e o peso dos intereses fósiles.





