O acoso a Greenpeace

Greenpeace é unha organización que dende hai máis de cincuenta anos -1971- se vén destacando pola defensa do medio ambiente en todo este planeta mundo. A súa historia comeza cando un grupo de activistas antinucleares canadenses iniciaron unha campaña de oposición e denuncia das probas nucleares que os Estados Unidos estaban levando a cabo en Alasca. Unha acción que, sorprendentemente, remataría con éxito xa que os Estados Unidos víronse forzados a deter esas probas nucleares e a zona onde estaban previstas converteríase nunha reserva ornitolóxica.

Vista esta traxectoria exitosa de defensa do medio ambiente e tamén o enorme eco que as súas accións estaban tendo a nivel internacional estes activistas, agora localizados tanto a ámbolos dous lados do Atlántico como no Pacífico, decidiron crear en 1978 Greenpeace International, que ten a súa oficina central en Amsterdam (Holanda). En España, no ano 1984, crearíase Greenpeace España.

A partir desas datas Greenpeace pasaría a estar presente en multitude de actuacións contra o cambo climático -sería pioneiro en denuncialo e en defender os desenvolvemento sostible para a súa mitigación- e a prol de superar como fontes enerxéticas o carbón e o petróleo por medio da súa substitución progresiva polas fontes renovables; contra as centrais nucleares -por consideralas unha fonte de enerxía perigosa, contaminante, cara e non renovable- e as probas nucleares así como contra os residuos tóxicos -mediante campañas como “roupa sucia” ou “Moda Delox”-. Campañas a prol do medio ambiente mariño -denunciando a sobrepesca e a pesca ilegal ademais da urbanización masiva das costas-, dos bosques primarios -contra a súa deforestación conseguindo neste caso que a Unión Europea (2010) decidira prohibir a madeira de tala ilegal- e contra os transxénicos -polos seus efectos negativos sobre a saúde humana e a seguridade ambiental-. Greenpeace tamén ven realizando campañas en defensa de contornas naturais paradigmáticas en risco tal como a campaña de “salva-lo Ártico” que intenta parar a busca de petróleo e gas nesa área a como a pesca industrial e as operacións militares.

Un xuízo que está sentando un perigosísimo precedente, xa que se as grandes corporacións, utilizando o seu enorme poder económico, poden castigar financeiramente as organizacións civís, a manifestantes e a periodistas, quen freará os constantes e crecentes abusos destas grandes corporacións contra o medio ambiente?

Actuacións que, se por unha parte están contribuíndo a que, hoxe por hoxe, esta organización teña un grande prestixio e un non menor apoio internacional, tamén teña que soportar non poucas demandas de empresas e gobernos, accións de espionaxe das súas actividades, infiltracións nas súas oficinas, ameazas de ataques violentos e incluso de morte, ataques terroristas como os sufridos polo seu buque insignia “Rainbow Warrior”. Tampouco estivo libre de problemas internos -abandonos de lideres destacados-, de acusacións nunca demostradas de corrupción. Pero a realidade é que na actualidade Greenpeace é un referente mundial na defensa do medio ambiente e a natureza.

Unha defensa que, como sinalaba anteriormente, lle carrexa importantes problemas, como sucede actualmente coa demanda da poderosísima petroleira Energy Transfer que lle esixe á oficina de Greenpeace en Estados Unidos a obscena cifra de 667 millóns de dólares por participar nunha protesta pacífica en contra daquela. Un xuízo que se iniciou no mes de xullo deste ano, que ten lugar en Dakota do Sur e que está poñendo a proba a liberdade de expresión ambiental. Un xuízo que presenta fondos interrogantes sobre o uso do poder xudicial coma ferramenta de disuasión.

Cómpre lembrar que todo empezou cando miles de manifestantes, incluso membros dunha tribo síux, se opuxeron á construción do oleoduto Dakota Access (DAPL) que busca transportar ata 570.000 barrís de petróleo cru ao día desde as formacións de Bakkan, en Dakota do Norte, ata Illinois, pero pasando por debaixo do río Missouri que é unha fonte de agua vital para os pobos orixinarios desa rexión.

Un xuízo que está sentando un perigosísimo precedente, xa que se as grandes corporacións, utilizando o seu enorme poder económico, poden castigar financeiramente as organizacións civís, a manifestantes e a periodistas, quen freará os constantes e crecentes abusos destas grandes corporacións contra o medio ambiente? Nunha era na que o cambio climático azouta cada vez con mais forza por mor, entre outras, das actividades das grandes corporacións petroleiras, senón se consegue parar os seus abusos e desmáns…. que será da humanidade? Porque este xuízo non é so contra Greenpeace senón contra todos aqueles que queremos un medio ambiente e un mundo mellores, contra os que defendemos a democracia fronte os ataques das empresas e corporacións que destrúen o medio ambiente para o seu beneficio económico.

Polo momento a empresa DAPL, de non haber modificacións no veredicto xudicial e non prosperar o recurso de Greenpeace, xa conseguiu que esta estea valorando declarar en bancarrota a súas divisións en Estados Unidos o que, na práctica, significará o seu peche neste pais.