Desextincións ou Pleistoceno Park?

Recentemente, a empresa Colossal Biosciences anunciou a desextinción do lobo xigante, unha especie que habitou o planeta no Pleistoceno ata hai 12.000 anos, cando se extinguiu coa derradeira glaciación. Uns días despois desa sorprendente mensaxe, a mesma empresa comunicou o nacemento dun híbrido de lobo vermello fantasma -especie en perigo de extinción- portador de xenes ancestrais que, afirman, foron recuperados previamente. Os dous anuncios nos medios de comunicación – os traballos non se publicaron en revista científica algunha- suscitaron inmediatamente certeiras críticas de moitos expertos en xenética e en bioloxía da conservación.

En primeiro lugar, non se trataría dunha desextinción senón do nacemento de novos animais transxénicos: o material xenético do actual lobo gris foi modificado, mediante a técnica de edición de ADN Crispr, engadindo só 14 xenes localizados nos fósiles do lobo extinto. Non coñecemos o xenoma completo dos lobos xigantes, que se separaron da liñaxe que deu lugar aos actuais lobos grises hai 5,7 millóns de anos; longo período de evolución por separado no que deberon acumularse moitas máis variacións que os 14 xenes recuperados nos restos parciais de ADN dun dente e dun cranio fósil do lobo extinto. Ademais, aínda que tiveran todo o ADN dun ou varios individuos, para considerar exitosa unha “desextinción” precisaríase garantir una diversidade xenética, nunca comprendida nuns poucos individuos dunha especie. A variabilidade xenética das poboacións é fundamental para a súa supervivencia fronte aos cambios ambientais. Tampouco debemos esquecer que a adaptación é o resultado da coevolución entre especies diferentes, nun ambiente determinado tamén en evolución. Ten sentido, entón, “revivir” unha especie adaptada a un ecosistema ancestral que xa non existe? Queremos facer un “Pleistoceno Park”? Non debemos menosprezar, por outra banda, os riscos que tería introducir especies novas na natureza sen saber a repercusión que terá para o resto das especies e os seus equilibrios. A reintrodución de especies nun hábitat é unha práctica de risco, pois ben poderíamos estar a liberar novas especies invasoras que ameacen as existentes.

En primeiro lugar, non se trataría dunha desextinción senón do nacemento de novos animais transxénicos.

Colossal preséntase ademais na súa web como unha gran solución para frear o declive das especies actuais en perigo de extinción:

“A extinción é un problema colosal que o mundo afronta. E Colossal é a empresa que o vai arranxar. Combinando a ciencia da xenética co negocio do descubrimento, esforzámonos por impulsar o latido do corazón ancestral da natureza. Para ver ao Mamut laúdo tronar sobre a tundra unha vez máis. Avanzar nas economías da bioloxía e da cura a través da xenética. Para facer a humanidade máis humana. E para espertar as perdidas selvas da Terra. Así, nós, e o noso planeta, podemos respirar con máis tranquilidade”.

Non cabe dúbida de que a extinción é un grave problema. Un recente estudo publicado en Nature apunta que dos terzos das poboacións analizadas están ameazadas actualmente e perdendo diversidade xenética, e reclama urxentes intervencións de conservación. Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza afrontamos unha “sexta extinción” inducida pola transformación do uso do solo e fragmentación dos ecosistemas, a contaminación, a sobreexplotación de recursos naturais, o cambio climático e a introdución de especies invasoras. Pero, neste contexto, é realista recrear no laboratorio toda a biodiversidade que destruímos e liberala logo a uns ambientes degradados polas nosas actividades? Ten sentido este esforzo para a conservación sen virar o rumbo do que facemos co territorio? E, en síntese, é esta unha estratexia factible para conservar a biodiversidade ameazada?

Ten sentido este esforzo para a conservación sen virar o rumbo do que facemos co territorio?

As promesas de Colossal desenfocan unha discusión necesaria sobre como e cara onde imos dirixir os nosos esforzos para a conservación da biodiversidade. Sinalar á biotecnoloxía como a gran solución, ensombrece as máis sensatas e realistas propostas dos verdadeiros expertos en conservación. Hoxe están en perigo tantas especies – máis de 40.000 especies- que é impensable recuperalas no laboratorio. O que precisamos son políticas do territorio que permitan a recuperación das condicións que garanten a biodiversidade. Preservar os hábitats é a única fórmula para a supervivencia das especies, pois estas non son entidades illadas senón que se manteñen grazas a un complexo sistema de interaccións entre elas e co medio, unhas relacións intricadas entre atmosfera, hidrosfera, biosfera e xeosfera que non podemos substituír. É así que segundo Conservación Internacional necesitamos naturalizar e manter a calidade do 40% dos ecosistemas para evitar a perda de biodiversidade.

O transhumanismo, a nova corrente filosófica que confía na mellora da humanidade a través da ciencia e a tecnoloxía, parece inspirar agora esta pretensión de mellorar a biodiversidade con técnicas de edición do ADN. Mitigar a perda de diversidade xenética é un importante desafío para manter a biodiversidade global e a estabilidade do planeta. Pero o que precisamos é un cambio na nosa relación coa natureza, atender aos equilibrios dos ecosistemas naturais e conservar polo menos un 40% da superficie do planeta inalterada. Non vemos, pois, solución ningunha nas “ilusións tecnolóxicas” de volver a recrear no laboratorio o que destruímos transformando o planeta ao noso antollo.