O custo da inacción climática

O cambio climático é un dos maiores desafíos da nosa época. Os fenómenos meteorolóxicos extremos están a aumentar en frecuencia e intensidade, agravando os impactos que recibimos: á dramática perda de vidas humanas engádese unha destrución do territorio e danos crecentes, como exemplifican as DINAS, os virulentos temporais, os incendios, as secas prolongadas e as ondas de calor recentes.

Os datos son contundentes: a Organización Meteorolóxica Mundial alerta das perdas económicas por fenómenos climáticos, que se multiplicaron por sete desde 1970; a Cámara Internacional de Comercio estima que os eventos extremos custaron 2 billóns de dólares entre 2014 e 2023; en Europa as perdas acumuladas desde 1980 estímanse en 738.000 millóns de euros, dos que un 22% concentrouse entre 2021 e 2023, evidenciando unha aceleración crítica dos danos; un recente informe da Universidade de Mannheim e do Banco Central Europeo cifra o custo a curto prazo das ondas de calor, as secas e as inundacións do 2025 en Europa en máis de 43.000 millóns de euros a curto prazo, o 0,26% do PIB de toda a UE, e calcula en máis de 126.000 millóns para 2029 -estas estimacións son probablemente conservadoras, pois non inclúen outros desastres como os destrutivos incendios forestais de xullo e agosto.

O impacto do cambio climático non é só unha proxección para o futuro senón que se converteu nunha realidade actual contabilizada.

Desde hai tempo as compañías aseguradoras, conscientes do aumento do risco, incrementaron sistematicamente as súas primas. Segundo estimacións globais, os fenómenos extremos xa representan entre o 35% e o 40% das perdas aseguradas anuais, un custo que repercute directamente en todos nós.  É máis, a medida que os eventos se volven “prediciblemente extremos”, moitos bens deixan de ser asegurables.

Está claro que o impacto do cambio climático non é só unha proxección para o futuro senón que se converteu nunha realidade actual contabilizada. Estamos a falar dunha ameaza sistémica e non só para os sistemas naturais senón para a economía global, pois esta depende daqueles. Estímase que, de non alcanzarse os obxectivos do Acordo de París para conter as emisións de CO2, a economía mundial perderá preto do 20% do seu PIB para 2050.

Galicia presenta vulnerabilidades específicas fronte ao cambio climático. Non se trata só dun aumento de temperatura media, senón da alteración no réxime de precipitacións e de ventos, dun cambio no comportamento do Atlántico que xa está a causar serios impactos.

Un dos sectores máis afectados é o marítimo-pesqueiro: episodios de choivas torrenciais reducen a salinidade das rías de forma brusca, provocando mortaldades masivas de moluscos (ameixa e berberecho) e un descenso na produtividade do cultivo de mexillóns. As perdas en campañas recentes cóntanse por millóns de euros. Ademais, o aumento da temperatura da auga está a provocar a migración climática cara ao norte de especies comerciais habituais buscando augas frías, unida á perda xeral de biodiversidade, obriga á frota de baixura a inverter máis na procura de novos caladeiros ou a enfrontar menores capturas.

Outro impacto que afrontamos é a intensificación dos incendios forestais de nova xeración, e unha tempada de risco máis longa, que aumentan danos e custos. Os incendios repercuten no PIB galego e obrigan a incrementar o orzamento anual para a prevención e defensa contra incendios. Outros danos de máis difícil avaliación producidos polo lume son a erosión e perda de produtividade do solo, a destrución de biodiversidade e servizos dos ecosistemas, e outros impactos encadeados como o efecto das choivas torrenciais que arrastran cinza ás rías, danando aínda máis a súa produtividade.

Na costa, o ascenso do nivel do mar e os temporais máis enerxéticos son unha ameaza directa para as infraestruturas e para a poboación, riscos que aumentan alí onde é maior a ocupación e urbanización da franxa litoral. A secuencia de borrascas deste inverno permitiunos visualizar os graves impactos, especialmente nas Rías Baixas: destrución de muros, paseos e infraestruturas e unha perda de area nunhas praias que ven ameazada a súa supervivencia, incapaces de reasentarse dada a rixidización e invasión da liña de costa.

Paradoxalmente, a pesar da intensidade das choivas invernais, a posibilidade de estrés hídrico e secas estivais máis prolongadas empeza xa a afectar a subministración de auga en moitas zonas durante o verán.

O sector agrícola e vitivinícola tamén se ve afectado. O cambio nos ciclos de maduración da uva, especialmente no Albariño e o Ribeira Sacra, está a obrigar ás adegas a investir en novas tecnoloxías ou a trasladar viñedos a maiores altitudes. As choivas intensas deste ano arruinaron practicamente a colleita de patacas e de cereais de inverno na comarca da Limia e afecta a outros cultivos como por exemplo os pementos de Padrón. Paradoxalmente, a pesar da intensidade das choivas invernais, a posibilidade de estrés hídrico e secas estivais máis prolongadas empeza xa a afectar a subministración de auga en moitas zonas durante o verán.

Neste contexto, os criterios tradicionais utilizados en economía e ordenación do territorio quedaron obsoletos. Enfrontámonos hoxe ás consecuencias de décadas de desorde do territorio, dun urbanismo que selou o chan con formigón, que permitiu a edificación en solos inundables -nas chamadas xeoloxicamente  “chairas de inundación”-, que ocupou a costa sen ter en conta a súa dinámica natural -alterada por paseos marítimos, diques e outras infraestruturas que requirirán cada vez máis investimentos en reparación tras o inverno. É hora de revisar os usos do solo e as actividades que destruíron os ecosistemas imprescindibles para a estabilidade das nosas sociedades.

A degradación da natureza e a crise climática repercuten severamente na nosa sociedade, ameazan a estabilidade do Sistema Terra e a economía global. Como o World Economic Forum estima, máis da metade do PIB mundial depende da estabilidade dos sistemas naturais. Ao cabo, este escenario obríganos a afrontar a mitigación do quecemento global, reducindo emisións, como prioridade absoluta. E, considerando os impactos que estamos a experimentar, a adaptación é, así mesmo, crucial: urxen as medidas para limitar a escalada de danos climáticos.

O custo de restaurar un planeta danado é alto, pero o custo derivado de non facelo e de permitir a súa deterioración progresiva é, sinxelamente, inasumible. Os expertos calcúlano: por cada euro investido en adaptación e resiliencia, afórranse entre 4 e 7 euros en custos de resposta ante desastres. Os datos son claros: o máis caro é, sempre, a inacción climática.