COP29: Pouco de máis, tarde de máis

Vén de concluír en Bakú (Acerbaixán) a chamada COP29, un cumio climático máis celebrado ao abeiro das Nacións Unidas. Nela abordáronse dous asuntos chave: un novo obxectivo de financiamento climático para axudar aos países empobrecidos a enfrontaren unha emerxencia climática da que non son responsábeis, e o reforzamento da mitigación climática, que pasa sobre todo por unha rápida redución  da produción e o consumo de combustíbeis fósiles.

A avaliación deste novo cumio climático non difire moito do de calquera dos 28 anteriores. Os seus acordos poden cualificarse como insuficientes e serodios, como facemos no titular deste artigo, se temos en conta a enorme dificultade de lograr consensos significativos nun foro onde están representados todos os estados do mundo. Mais tamén poderiamos considerar a COP como un fracaso ou unha traizón, se contrastamos os seus cativos resultados coa dimensión e urxencia do desafío climático. Así foi a acción climática até hoxe e por iso estamos onde estamos: a piques de superar outro limiar de quecemento global, os 1,5⁰ C. A desestabilización do clima inducida polas emisións acumuladas xa ten sido suficiente para causar un enorme padecemento humano. Con cada décima de grao máis será peor.

A acción climática comeza e acaba en cada país, non nas COPs. Sen ollarmos para as realidades nacionais non se entenden as limitacións do combate mundial á emerxencia climática. Por iso, é conveniente referirse a elas, no noso caso a galega, á hora valorarmos os cumios climáticos.

En Galicia, unha senda de reducións futuras ambiciosa, á altura das nosas capacidades e responsabilidades, pasa por baixar rapidamente o uso de gas natural e o petróleo até a súa eliminación antes de 2040.

O obxectivo acordado de aumentar até 300.000 millóns de dólares anuais o diñeiro público destinado polo mundo (sobre)desenvolvido aos países en desenvolvemento para limitaren as súas emisións e adaptárense á crise climática, con 2035 como horizonte, é ben máis que nada e moito menos do que sería xusto, posíbel e necesario: un billón segundo unha comisión de especialistas. Mais reparemos nos orzamentos anuais dos nosos concellos e da Xunta destinados á “axuda ao desenvolvemento” (con ou sen compoñente climática). Tampouco son para alardear. Canto medrarán nos próximos anos?

En mitigación (redución de emisións), como apunta Greenpeace, “nin se avanza nin se recúa”. Aquí o máis relevante é acelerar todo o posíbel o fin da enerxía fósil. A innomeábel nas COPs até o ano pasado. Nada que deba sorprendernos desde Galicia. Fíxense cantas veces aparecen xuntos por aquí combustíbeis fósiles e cambio climático. Combater a crise climática vai moi principalmente de reducir emisións de gases de invernadoiro e recortar estas vai moi principalmente de deixarmos atrás os combustíbeis fósiles. Así de simple e de complicado.

En Galicia xa deixamos atrás o carbón en 2023. Unha senda de reducións futuras ambiciosa, á altura das nosas capacidades e responsabilidades, pasa por baixar rapidamente o uso de gas natural e o petróleo até a súa eliminación antes de 2040. Nas COPs non se quixo definir polo de agora unha folla de ruta para o abandono da enerxía fósil. Mais, en cantos países da “UE líder climática” se ten feito isto?. Desde logo que en Galicia e en España non.

A Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta debuxa de forma tan imprecisa o escenario enerxético para 2030 que non sabemos que peso tería a enerxía fósil nel. Só para a produción eléctrica se apunta un mix, renunciando a que sexa 100% renovábel, conformándose co 85%.

Unha desfosilización da economía galega á altura da emerxencia climática precisaría, pensando  só no horizonte de 2030, a duplicación “grosso modo” da potencia renovábel actual e a eliminación da fósil, que aí está, aínda que case todo o mundo faga que non a ve. Acompañando isto dun salto na electrificación da economía, que suporía en si mesmo unha mellora da eficiencia enerxética. Mais tamén habería que reducir o consumo actuando sobre os usos finais. Por exemplo, no transporte, que acapara hoxe un 30% do consumo, urxe potenciar o transporte colectivo e o “car sharing”, substituír estrada por tren no transporte de mercadorías ou decrecer a mobilidade motorizada.