Aprendices de Malinche

| Ecoloxía

A eólica mariña é un novo asalto aos recursos galegos, con unha agravante, que ten un alto custo ambiental, económico e de postos de traballo.

O potencial eólico da costa galega é o maior da península, e desde Madrid decidiron onde, como e quen ía sacar rendemento diso. Fixeron sen ter en conta o prexuízo, deseñando unhas zonas NOR 1, 2, 3, 4 e 5 en plena plataforma continental, enriba de zonas de pesca. O dano ao sector pesqueiro e incluso ao marisqueiro galego sería de grandes dimensións, mais iso nunca se tivo en conta, nin tampouco os danos ambientais. Todos os proxectos presentados son para producir mais electricidade que toda a eólica instalada en terra na Galiza. Para desenvolver proxectos aquí? Non, para levala fora. Incluso os propios xeradores e pas veñen de fora, aquí so se construirían as bases de flotación, o mais simple barato e sen desenvolvemento tecnolóxico.

Todo polas renovábeis, todo por España, e todo sen Galiza, que ficaría ausente, nas propostas, nas empresas, nos recursos xerados e as súas capacidades. Perdendo capacidade pesqueira e marisqueira e asumindo os danos ambientais. Simplificando, política colonial de libro, para nos as perdas e para España as ganancias.

Ao mesmo tempo, na maior parte da prensa editada na Galiza, en particular en “La Voz de Galicia”, podemos ler todas as semanas artigos que louvan as marabillas da eólica mariña, o moderna que é, e a riqueza que vai producir. Entre eses textos atopamos xente de fora, mais tamén galegos e galegas que como Malinche venden ao seu pobo. Xente que como Malinche séntense parte dos colonialistas, aínda que como ela non deixan de ser uns traidores ao seu pobo.

O dia 7 de marzo saía un destes artigos na voz, “En defensa de Galiza?, deja que me ría”. Onde se utiliza Galiza e non Galicia con evidentes intencións de atacar precisamente aos que defendemos o pais, mais nada novo para CC.OO. fiel servidor de España e os seus intereses. Neste artigo, en español por suposto, fala da perda de industria por falta de electricidade, (onde exportamos mais dun 30% da que producimos) e incluso menciona a ALCOA que “está en peligro porque el suministro de energía que necesita está paralizado por las maniobras de algunos irresponsables”, evidentemente, non se refire á multinacional propietaria, ou aos gobernos español e galego. Un artigo cheo de insultos e falsidades por parte dun cutre aprendiz de Malinche.