Aos dez anos do Acordo Climático de París

Unha década despois da asinatura do Acordo de París o 15 de decembro de 2015, o panorama da crise climática mundial cambiou significativamente. Dez anos despois, as emisións e temperaturas globais mantéñense en máximo históricos, e en 2024 excedeuse 1,5ºC, que era o límite que o Acordo de París viña expor para finais do presente século.

O Acordo de París fixou unha serie de necesidades e metas porque se creu no que dicía a comunidade científica. Desde entón, non deixaron de acumularse evidencias de que o quecemento se está acelerando progresivamente e de que os fenómenos meteorolóxicos extremos van ser cada vez máis duros e abundantes. Fenómenos que se traducen en centos de miles de mortes e en centos de miles de millóns en perdas económicas. Tanto o negacionismo ultradereitista como o retroceso nas políticas ambientais -no que parece instalarse a UE- supoñen un perigo.

Moitos modelos sinalen un aumento da temperatura superior a 4ºC para finais de século. No entanto, tamén hai que dicir que por primeira vez na historia, durante a primeira metade de 2025, as enerxías renovables xeraron máis electricidade a nivel global que o carbón, o alicerce enerxético da era industrial durante máis dun século.

Vivimos nun limiar histórico. A era da inestabilidade sistémica permanente é a descrición dunha realidade na que vivimos cada vez de forma máis acelerada.

O motor deste cambio foi o crecemento exponencial da enerxía solar e eólica. Con todo, o progreso non é uniforme. Este avance está a ser impulsado de maneira decisiva por países emerxentes, con China e India á cabeza. China, por si soa, está a instalar máis capacidade renovable que o resto do mundo. En contraste, as economías máis ricas, como Estados Unidos e a UE mostraron unha tendencia oposta, aumentando a súa dependencia dos combustibles fósiles no mesmo período.

O último informe de GlobalData vén dicir que a pesar dos avances considerables no desenvolvemento de potencia renovable, China continúa dependendo de maneira importante da xeración térmica. A gran confianza que ten este país na xeración eléctrica con carbón, ademais de presentar unha gran polución que converteu as cidades chinesas nalgunhas das máis contaminadas do mundo, está a facer que China sexa o maior emisor de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial e vai en aumento.

Vivimos nun limiar histórico. A era da inestabilidade sistémica permanente é a descrición dunha realidade na que vivimos cada vez de forma máis acelerada. Os desastres nos que tivo que ver a crise climática, coa DINA en Valencia, os incendios do pasado verán en Galicia e o noroeste peninsular, os de Los Ángeles e outros territorios non son xa unha excepcionalidade.

Durante o Cume do Clima (COP30) celebrada en Brasil hai un mes, os gobernos e demais institucións volveron certificar a súa impotencia. A declaración final do Cume queda moi lonxe das expectativas con que se iniciaron as reunións, pero que foi freada por unha unión de países petroleiros e nacións en mans de gobernos partidarios de atrasar, cando non torpedear, a loita contra a crise climática.

José María Baldasano, catedrático Emérito de Enxeñaría Ambiental da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), escribiu unha verdadeira historia do negacionismo climático (Dos grados no es para tanto, Editorial Cátedra), onde desentraña as raíces deste intento de negar a ciencia.

Cada vez ten máis peso a acción local, a resposta local. É a hora das comunidades resilientes?

José María Baldasano, vén dicir que “o negacionismo, o escepticismo climático e as teorías dos conspiradores convertéronse nunha nova relixión. É o papel que tiña antigamente a relixión. E este negacionismo intensificouse nos anos 90. Até 1990, o movemento negacionista é moi corporativo, propio das empresas de combustibles fósiles. Pero a partir dos anos 90 o cambio climático deixa de ser un asunto científico para converterse tamén nun asunto político. É o momento en que o movemento económico neoliberal, que xa irá emerxendo desde os finais dos 70, se converte nun compoñente que vai moito máis alá da vertente económica empresarial para ser un compoñente de ideoloxización política. Entón, aí búscase un novo inimigo onde proxectar o modelo de consumo e o modelo capitalista radical”.

E, afirma que “o escepticismo climático fai máis dano que o negacionismo porque as probas da existencia dun cambio climático son xa inequívocas. Pero o escepticismo dá lugar a un retardismo escuro, que di: non tomemos medidas, non regulemos“.

Pero volvendo aos Cumes do Clima (COP), e os seus fracasos, cabe preguntarse: non hai solución “desde arriba”? Non sei se é para tanto. Pero, si que cada vez ten máis peso a acción local, a resposta local. É a hora das comunidades resilientes? Que é unha comunidade resiliente na situación en que vivimos?

Unha comunidade resiliente é aquela que se prepara, que se organiza e adapta para afrontar, resistir e recuperarse da crise climática e doutras; onde existe capacidade de autoorganización; onde hai recursos e coñecemento compartido (alimentos, enerxía, reparacións, primeiros auxilios…); onde emerxen significados comúns, rituais de coidado, outras formas de vida máis sustentables e de xestión de recursos…

Algunhas das claves son a aprendizaxe social, a acción colectiva, a comunicación da información, o asociacionismo e as redes horizontais, que aguantan mellor ante a crise ecosocial. A acción xa está aquí, nos territorios, como as comunidades enerxéticas (onde veciños producen e consomen a súa propia enerxía renovable), os laboratorios sociais (espazos de experimentación de solucións innovadoras), as redes de alimentos circulares (sistemas que reducen residuos e conectan produtores e consumidores locais), e apostar por mecanismos de adaptación que nos permitirán soportar mellor a crise climática.