Altri e a deterioración da noción de sistema económico

Unha das razóns mais decisivas da actual deterioración da noción de sistema económico deriva da súa errada identificación coa mera produción de bens e servizos, sen tomar en consideración que moitas destas producións supoñen unha grave desvalorización das fontes primarias de riqueza mesma, os bens fondo. Son as servidumes de determinados cálculos económicos e empresariais.

Servidumes que dende hai algunhas décadas veñen alterando drasticamente os ciclos naturais que producen as riquezas primarias. Unha alteración que, en contra dos dogmas neoliberais, nin o mercado é quen de corrixir nin tampouco a propia natureza, por estar sometida a un estrés que supera a súa propia capacidade de rexeneración. Algo que, por caso, comprobamos acotío, non só coas actividades mineiras e extractivas, senón tamén coas celulosas, metalúrxicas….

Actividades en cuxa avaliación económica e empresarial non entra a extracción e apropiación das riquezas en orixe. Así, estamos vendo como na xustificación da riqueza que supostamente creará ALTRI non entra o cálculo dos custos derivados da deterioración no territorio tanto nas fontes primarias da riqueza (auga, aire, terra…) como noutras actividades produtivas (gandeira, marisqueo, pesca…). Non entra porque na elaboración do balance de xestión só se utilizan criterios económicos ligados á riqueza monetaria sen tomar en consideración os balances físicos e sociais que van xunguidos ao proceso produtivo. Unha lóxica económica na que o que conta é o balance final, a suposta riqueza (valor) que pode chegar a producir unha instalación desta natureza, pero sen tomar en consideración os custos da deterioración física e social causada (o caso de ENCE resulta exemplar). Deterioración diante da que os promotores e defensores deste tipo de actividades produtivas ben pechan os ollos ben negan as evidencias.

Unha alteración que, en contra dos dogmas neoliberais, nin o mercado é quen de corrixir nin tampouco a propia natureza, por estar sometida a un estrés que supera a súa propia capacidade de rexeneración.

Unha negación das evidencias que ten moito que ver coa identificación dos seus intereses particulares (produción de riqueza e de ganancias) cos intereses xerais: “se ALTRI resulta ser un proxecto produtivo que crea riqueza para os seus propietarios e accionistas, tamén o creará para a contorna e para toda Galicia”. Unha visión da riqueza en cuxo calculo non entran, por suposto, as servidumes directas e indirectas que esta factoría ocasionará a estes últimos. Unha visión unidireccional que ignora, voluntaria ou involuntariamente, os custos de reposición dos recursos naturais, do patrimonio natural deteriorado que, xa que logo, non entra na contabilidade do sistema.

As cousas son desta maneira porque neste tipo de contabilidade prima o valor engadido final ligado á comercialización sobre o creado nos procesos extractivos e produtivos. Así, nos casos que cito (ENCE, ALTRI) a parte do león do valor engadido non está no cultivo, por caso, de eucaliptos, nin sequera no tratamento da madeira, na produción de pasta celulosa ou fibra téxtil, senón nas fases posteriores da comercialización e a venda do produto final (ao que habería que sumar as ganancias financeiras na bolsa e outras actividades especulativas). Se trasladamos estas escalas de valor aos diferentes beneficiarios (individuais, colectivos, territoriais) chegamos a entender mellor a lóxica empresarial deste tipo de actividades. Escalas de valor da que non se debería separar o custo físico, que cae exclusivamente sobre as persoas e territorios “beneficiarios” das primeiras fases do proceso produtivo, mentres que o groso do valor engadido lévano as persoas que controlan e dirixen o proceso, a maioría das veces residentes noutros territorios que non soportan o citado custo físico.

Estamos así diante dunha división do traballo (extracción, produción, comercialización, transporte…) que adquire un formato tanto social como territorial.

Estamos así diante dunha división do traballo (extracción, produción, comercialización, transporte…) que, como sinalaba anteriormente, adquire un formato tanto social como territorial. Un formato de grande polarización, dada a moi dispar distribución do valor engadido xerado. Distribución dispar que, a pesar diso, non só recibe o respaldo legal senón tamén a aceptación social. Respaldo legal que en non poucos casos (como sucede con ALTRI, ENCE…) deriva dos vínculos entre o económico e o político (“as portas xiratorias”) que veñen marcando as regras de xogo practicamente dende sempre.

Regras de xogo que, como moi ben sabemos en Galicia, favorecen a proliferación de actividades produtivas que teñen unha moi forte pegada ambiental e ecolóxica.