A xestión dos bens comúns ambientais, isto é, dos recursos naturais (montes, auga, pesca,…) e servizos ecosistémicos (regulación do clima, polinización, conservación dos solos, lecer,…) indispensábeis para o noso benestar, é un dos eidos nos que máis urxe un cambio político nas institucións do noso autogoberno, despois de tantos anos de hexemonía conservadora. Desleixo, curtopracismo e depredación mercantil caracterizaron unha gobernanza do patrimonio ambiental que, polo xeral, abriu as portas de par en par á súa deterioración e espolio para beneficio privado.
É tamén un dos ámbitos de goberno máis desafiantes e complexos, no que cómpre facer canto antes todo o necesario que for politicamente viábel, conscientes de que será bastante menos de todo o que é preciso facer. Trátase de contribuír á que, para o antropólogo galego Emilio Santiago Muíños, é a dupla tarefa do noso tempo: evitarmos o mal maior e procurarmos o ben maior. O mal maior é excedermos o límite dos 1,5ºC de quecemento global (ou, sendo máis realistas, lograrmos que a magnitude e duración da superación sexan pequenas). O ben maior é avanzarmos cara a un horizonte que asegure a calquera vida “o dereito non só a sobrevivir, senón o dereito a florecer”.
As políticas que a emerxencia ecolóxica reclama deben ter visión de país, mais tamén conciencia planetaria. Na nova época xeolóxica na que estamos a entrar, o Antropoceno (ou Capitaloceno), marcada pola descomunal escala dos impactos antropoxénicos no “sistema Terra” e dos intercambios ecolóxicos entre países, cómpre non perdermos a perspectiva global. Especialmente nun país europeo como Galicia, que se quere ver só como vítima ambiental, mais que presenta uns niveis de produción e consumo relativamente elevados, importando masivamente e sen apenas salvagardas socioambientais recursos do resto do mundo, en grande medida do Sur global: petróleo, gas fósil, minerais metálicos, biocarburantes,… Nin espoliados nin espoliadores.
O cambio político urxe especialmente no tratamento de tres grandes asuntos socioambientais: a emerxencia climática, o freo ao declive da diversidade biolóxica e o combate á contaminación.
Estarmos á altura como sociedade na mitigación da crise climática global implica profundar no recorte das nosas emisións territoriais de gases de invernadoiro durante o que resta desta década crítica, para atinxirmos xa en 2030 unha redución de polo menos -65% con respecto a 1990.
A desfosilización da economía
Estarmos á altura da nosa responsabilidade e capacidades como sociedade na mitigación da crise climática global implica profundar no recorte das nosas emisións territoriais de gases de invernadoiro durante o que resta desta década crítica, para atinxirmos xa en 2030 unha redución de polo menos -65% con respecto a 1990. En 2021, ano máis recente con datos oficiais, eran un 34% inferiores. O obxectivo actual da Xunta é -55%, mais resulta pouco críbel, polo menos mentres non se actualizar a vixente estratexia climática, adoptada en 2019, que só pretendía acadar -24,5%.
Un 70% das emisións galegas de gases causantes de cambio climático orixínanse no consumo de combustíbeis fósiles no sector enerxético e en usos finais. Polo tanto, loitarmos contra o cambio climático desde o noso país significa, sobre todo, acelerar unha transición enerxética na que desde 2010 non houbo máis avance destacábel que o recente abandono do carbón na xeración eléctrica, inducido por políticas europeas. Usada xa, con pesar das institucións galegas, a “bala de prata” do peche das centrais térmicas de carbón, a diminución das emisións de orixe fósil ten que progresar agora, con ben máis esforzo, mediante a planificación do peche ou transformación do que resta de industria enerxética fósil (refinaría, centrais eléctricas de ciclo combinado con gas fósil,…) e a rápida redución do consumo interno de produtos petrolíferos e gas fósil, sempre nun marco de transición xusta.
Para diminuírmos o consumo de combustíbeis fósiles en liña co Acordo de París é preciso decrecer a demanda enerxética e desenvolver na medida necesaria as enerxías renovábeis a todas as escalas, desde pequenas instalacións de autoconsumo doméstico até grandes parques, con maiores beneficios sociais que os actuais.
Para diminuírmos o consumo de combustíbeis fósiles en liña co Acordo de París é preciso, ao mesmo tempo e sen perder máis tempo, decrecer todo o posíbel a demanda enerxética e desenvolver na medida necesaria as enerxías renovábeis a todas as escalas, desde pequenas instalacións de autoconsumo doméstico até grandes parques, con maiores beneficios sociais que os actuais. Aforrar enerxía é ben máis fácil de dicir que de facer nunha economía en crecemento, mais non é imposíbel, por exemplo, acelerar o ritmo da rehabilitación enerxética de edificios, priorizando os fogares máis vulnerábeis, ou tomar dunha vez en serio o cambio modal no transporte, facendo moito máis por favorecelo e deixando de malgastar diñeiro en contrarialo, por exemplo, ampliando aínda máis a rede de estradas de alta capacidade.
Unha das chaves para avanzarmos na descarbonización durante os próximos anos é aumentar notabelmente a electrificación dos usos enerxéticos finais, coa finalidade de substituír petróleo e gas fósil por electricidade 100% renovábel. Isto require desviar para consumo propio excedente hoxe exportado ao resto do Estado español e a Portugal e incrementar a capacidade de produción e almacenamento de electricidade renovábel, mentres se acaba, antes de 2030, coa electricidade fósil, que aínda supón un 25% do total da obtida. Para conseguirmos todo isto, e dadas as condicións do país, cabe á “macroeólica” un rol fundamental.
A conservación e restauración da natureza
Porque necesitamos a que temos e moita máis potencia eólica, a minimización do considerábel impacto socioambiental dos futuros e actuais parques eólicos é un dos principais deberes da Xunta en materia de defensa da biodiversidade. Ademais, non se trata só de evitar novos danos graves, senón tamén de reducir os prexuízos causados pola primeira vaga de desenvolvemento eólico na que, aí si, e non agora, houbo “barra libre”. Se o maior avance nesta cuestión foi a decisión tomada polo bipartito PSOE-BNG en 2007 de prohibir nos espazos naturais incluídos na Rede Natura 2000 a construción de parques eólicos (mantida polo PP, mais para a que vén de contemplar posíbeis excepcións), o próximo tanto que se debería apuntar un hipotético novo bi ou tripartito progresista sería duplicar a superficie protexida ao abeiro desta rede de ámbito europeo, conxelada nun cativo 12% do noso territorio desde 2004. E, alén diso, debería impulsar a restauración nela dos terreos afectados por parques eólicos erguidos antes da prohibición da súa instalación, a medida que chegaren ao fin da súa vida útil.
Non abonda con multiplicar a superficie protexida pola rede Natura 2000. Cómpre tamén mellorar moito a súa xestión, poñendo fin á escandalosa indixencia actual en materia de recursos e de planificación e á visión dos nosos espazos naturais máis valiosos como pouco máis que reclamos turísticos.
Non abonda con multiplicar a superficie protexida pola rede Natura 2000 ou outras figuras (parque natural, paisaxe protexida,…). Cómpre tamén mellorar moito a súa xestión, poñendo fin á escandalosa indixencia actual en materia de recursos e de planificación e á visión dos nosos espazos naturais máis valiosos como pouco máis que reclamos turísticos. É inxente o labor pendente en materia de conservación e restauración de hábitats e especies ameazadas presentes nestes espazos.
Tampouco é suficiente unha boa rede de espazos naturais protexidos para frearmos a perda de biodiversidade. Aquí vén ao caso pór en primeiro plano a urxencia da transición agroecolóxica, pois a agricultura e a gandaría son, xunto coa explotación forestal e a pesca, os maiores usos do territorio, con notábeis impactos negativos asociados, en boa medida externalizados a outros países, especialmente a través da importación de alimentos para o gando. Transformación agraria que esixe tamén a loita contra a crise climática, pois o sector agrario (incluída a maquinaria) lidera, xunto co transporte, as emisións de gases de invernadoiro en Galicia. Mudanzas na produción que deberían ir acompañadas de mudanzas na alimentación, reducindo o desperdicio alimentario e o consumo de “alimentos quilométricos” e de proteínas de orixe animal.
Unha produción agroalimentaria ecolóxica e máis orientada á obtención de alimentos vexetais e á atención do consumo interno limitaría as presións sobre a biodiversidade propia e allea e contribuiría á redución da contaminación, pois o sector agrario é hoxe un dos que máis contamina.
Un medio ambiente limpo e saudábel
Unha produción agroalimentaria ecolóxica e máis orientada á obtención de alimentos vexetais e á atención do consumo interno limitaría as presións sobre a biodiversidade propia e allea e contribuiría á redución da contaminación, pois o sector agrario é hoxe unha das maiores fontes de contaminación de augas, solos e aire, xunto coa industria e o transporte, por causa do uso xeralizado de biocidas e da intensificación gandeira. Este cambio produtivo implicaría a extensificación da produción gandeira, o que podería contribuír á prevención dos lumes rurais.
A transición agroecolóxica, o descenso no uso de combustíbeis fósiles, a mellora da depuración das augas residuais ou un compromiso forte coa redución, a reutilización e a reciclaxe de residuos son accións fundamentais para conseguir que toda a poboación galega deixe de sufrir niveis de contaminación atmosférica nocivos para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), para atinxir un 100% de masas de auga superficiais continentais e costeiras en bo estado, tal e como esixe a Directiva europea Marco da Auga, ou para limitar a abafante contaminación mariña por plásticos, que a marea de pellets causada polo buque Toconao tornou socialmente moito máis visíbel, malia ser só a punta do iceberg.





