A volta ao “drill, baby, drill” do outro lado do Atlántico ofrécenos a oportunidade de poñernos á vangarda da transición enerxética, apostando de maneira decidida polas enerxías renovables. O noso único obxectivo non debe ser o control de novas fontes de enerxía, senón tamén poñer as persoas e os territorios no centro deste proceso. Europa debe demostrar que a evolución tecnolóxica e a conservación medioambiental poden camiñar da man.
Mais aló da motivación verde, o ambicioso interese da Unión Europea por reducir a nosa dependencia de combustibles fósiles ten o seu sentido económico, xa que estes adoitan proceder de zonas en conflito. En Galicia estase a contribuír a este fin cun renovado pulo da enerxía eólica mariña, ultimamente tan omnipresente que parece que as nosas costas xa están listas para albergar muíños de vento. Así o fai entender a crecente presenza en prensa de voces da industria, que prepara o terreo para implantar os seus proxectos, aínda pilotos.
Europa debe demostrar que a evolución tecnolóxica e a conservación medioambiental poden camiñar da man.
Porén, desde a miña posición como científico neste campo de estudo, sorpréndenme esta présa. Estamos poñendo o carro diante dos bois. Por suposto, a investigación non é exactamente como a planificación industrial, pero si deben ir da man, sincronizadas, non a dous ritmos que semellan incompatibles. Mentres que algunhas empresas parecen listas para vender parques eólicos, a situación hoxe está moi lonxe de tornar ese soño en realidade. En España, só existe unha turbina flotante instalada e esta é, ademais, aínda un prototipo. Pero é que a nivel europeo a situación non é moi diferente: unha das empresas tecnolóxicas máis punteiras do sector tan só conseguiu poñer en funcionamento un total de doce turbinas, a máis grande, de 10 MW no mar Mediterráneo. Ben sabemos que o Mediterráneo non é o Atlántico, e a nosa costa galega reserva ventás de oportunidade moi curtas para levar a cabo as tarefas de instalación, operación e mantemento das ancoraxes, dos amarres, das subestruturas flotantes e das turbinas. Se ademais temos en conta que o sector busca instalar turbinas de 15 MW para mellorar a rendibilidade dos parques eólicos, comprobamos que estamos lonxe dunha implantación inmediata dos mesmos nas nosas costas.
Que non se trate dunha realidade inmediata, non implica que non sexa unha realidade a medio prazo. Neste sentido, algo ben fixeron as administracións ao poñer enriba da mesa un plan para a demarcación do espazo para a eólica mariña, ademais de empezar a identificar criterios para valorar os proxectos que se presenten a concurso. E neste momento é onde atopamos a mellor oportunidade para fixar uns alicerces fortes en todos os sectores implicados (enerxía, pesca, investigación, medio ambiente, construción…) e non repetir erros do pasado. Desta vez, temos a oportunidade de regular atendendo os intereses do país e non, máis unha vez, os duns poucos. A dubida é se as licitacións estarán á altura.
Mentres que algunhas empresas parecen listas para vender parques eólicos, a situación hoxe está moi lonxe de tornar ese soño en realidade.
Cos nosos impostos impulsamos o sector enerxético a través de proxectos de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico e industrial como Horizon 2020, ou mediante financiamento público grazas ao European Investment Bank e os fondos NextGenerationEU. Por que non aproveitamos os seus resultados que son tamén, dalgunha maneira, nosos? Dentro da UE estanse a fomentar diversos proxectos de I+D que buscan coñecer e, ulteriormente, mitigar o posible impacto negativo que os parques eólicos teñen nos ecosistemas mariños, unha preocupación compartida polos sectores produtivos galegos vencellados ao mar. Estes proxectos desenvolven os chamados Nature Inclusive Designs ou deseños integrados no ecosistema. Unha maneira de acomodar a investigación, os intereses do país e o desenvolvemento industrial pasa por que a Administración regule a licitación dos novos parques eólicos mariños cun requisito sine qua non: que as empresas teñan a obriga de construír e explotar o seu parque eólico ao tempo que preservan o ecosistema mariño, de acordo cos marcos normativos estatal e europeo. Poderiamos pedir aínda máis: que estes proxectos inclúan os deseños integrados no ecosistema para mitigar e asegurar a recuperación ou, mesmo, a mellora do ecosistema como xa se fai nos Países Baixos.
A implantación da enerxía eólica mariña en Galicia supón unha oportunidade para a nosa terra. Podemos ceder os nosos mares a empresas con solucións rápidas ou podemos esixir que este cambio de produción da enerxía impulse tamén outros sectores industriais, científicos e tecnolóxicos. Podemos poñer as nosas costas á vangarda de Europa. E a nós con elas.