Días de viño e chumbo

Cada nova tempada, máis de 700.000 cazadores saen ao campo na busca dunha experiencia inmersiva. Baixan do coche, aspiran o recendo do piñeiro e da salvia, escoitan o canto dos xílgaros e das bubelas e, xa cheos de amor pola natureza, comezan a matar animais ata sumar uns 30 millóns ao ano. Resulta difícil aceptar algo así nun momento de enorme precariedade medioambiental, pero aí seguen os ridículos dogmas que sosteñen a caza. Como terán escoitado, esta actividade mantén o equilibrio ecolóxico, revive en nós instintos ancestrais, axuda a recuperar a España baleirada e crea centos de miles de postos de traballo. De momento non aseguran que cure o párkinson e reduza o buraco de ozono, pero déixenlles tempo.

A calquera persoa con dous dedos de fronte xurdiranlle dúbidas, claro. Como é posible usar armas perigosas con total liberdade no 85% do territorio nacional? Por que as administracións subvencionan a morte innecesaria de seres vivos, moitos deles ao límite da extinción? Con que dereito autorizan algunhas comunidades autónomas a eliminar lobos protexidos, a reducir vedas ou a abater exemplares en parques naturais? Por que se crían aves en granxas coa única finalidade de ser fulminadas por diversión?

Un exército fronte á bichería

Un dos problemas radica en que a actividade recreativa, agresiva e industrial que hoxe é a caza aínda se aproveita da lexitimidade da caza tradicional. Sen embargo, a cidadanía xa comeza a percibila coma indesexable, por iso a incorporación de mozos baixou un 90% nos últimos anos. O grupo de idade máis común está entre os 61 e os 70 anos, un exército algo frouxo para un “deporte” perigoso que nos últimos 14 anos causou 800 vítimas, máis de 60 delas mortais.

Pregúntanse agora as forzas conservadoras como imos manter “limpos” os montes sen substitución xeracional, pero esta pregunta falaz ignora a evidencia. Os ecosistemas equilíbranse sós desde que o mundo é mundo e, desde logo, moito antes de que existise a caza recreativa. Á parte diso, a ciencia demostrou hai tempo que a presión cinexética non resolve os problemas de superpoboación.

A ciencia demostrou hai tempo que a presión cinexética non resolve os problemas de superpoboación.

Pero o conto funciona. Para os medios, miles de cazadores que superan probas accesibles para cuadrúpedes, actúan como un exército de expertos en etoloxía, botánica, zooloxía comparada, modelos depredador-presa e fluxos de aves migratorias e, como tales, son os únicos capaces de manter baixo control a bichería nos ecosistemas.

Instintos do Mercadona

O sector cinexético apela tamén aos beneficios de revivir os instintos asociados á caza. Evidentemente, no noso cerebro gardamos mecanismos ancestrais de supervivencia, pero dubido moito de que este pasatempo de tumbar pezas indefensas con armas tecnoloxicamente avanzadas exercite capacidade innata ningunha, agás a do pueril sadismo. Que nos reconcilie coa nosa natureza primixenia eliminar a un corzo dentro dun valado, detectar os rastros dun xabarín macho atrapado entre estradas ou mandar perdigóns ao chou ás bandadas de perdices non parece que teña moito que ver coa nosa supervivencia. Pero, supoñendo que así fose, potencialo sería como soster que debemos queimarnos de cando en vez para non esquecer o instinto que nos fai fuxir do lume. Por certo, non esquezan que ese escopeteiro aspirante a predador cualificado usará GPS para volver a casa, obterá alimento gardando quenda na charcutaría do Mercadona e camiñará sobre parqué, asfalto e formigón. Iso por non dicir que o 98,3% dos non cazadores non parecemos sufrir limitacións emocionais, biolóxicas ou peores niveis de supervivencia; ao contrario, a maioría volvemos novos dun simple e pacífico paseo polo monte.

Dubido moito de que este pasatempo de tumbar pezas indefensas con armas tecnoloxicamente avanzadas exercite capacidade innata ningunha.

Deixemos as fantasías antropolóxicas. A nosa natureza humana vaise apañar perfectamente sen a memoria evolutiva que poidan conservar uns urbanitas perfumados chimpando trofeos de granxa polo campo adiante.

Cartuchos de altruísmo

5000 Tm de chumbo de cazadores pasan á cadea trófica, inundan zonas húmidas e augas subterráneas cada ano, pero eles rexeitan abandonar a munición barata. Os seus poderosos lobbies lograron manter o chumbo igual que conseguiron volver matar lobos protexidos, excluír o maltrato aos cans de caza da Lei de Protección Animal e exterminar rutinariamente predadores naturais (aos que chaman “alimañas”) con prácticas indiscriminadas. Son estes seres de luz os que prometen coidar dos ecosistemas?

Os empregos que promoven nas pequenas localidades son, por forza, ocasionais, escasos e non regulados.

En canto á recuperación do rural, saiban que a gran maioría dos cazadores son urbanitas que acoden ao monte a socializar, a presumir de estatus ou a facer negocios pero, sobre todo, a recrear a súa crueldade nun videoxogo de tiros con vítimas reais. E cando acaban a partida, de volta para a cidade. É dicir, que os empregos que promoven nas pequenas localidades son, por forza, ocasionais, escasos e non regulados. Asegura Ecoloxistas en Acción que “o cociente de empregos é baixísimo, con pouco máis de 1 emprego por couto, e menos de 1 emprego para cada 1.000 Ha de terreo acoutado”.

Volven os cazapantasmas

Por se non fose o suficientemente patética esta afección, agora que escasean os animais silvestres búscase como novo desafogo matar pantasmas. Iso son os millóns de perdices e faisáns que crían en granxas para ser abatidos, ou os corzos e outros ungulados que confinan en coutos co mesmo fin ata desconfigurar a fauna e a flora local. Cómpre engadir ás miles de vítimas accidentais de trampas e velenos destinados aos predadores naturais. Pero os cazadores teñen unha solución para tanta desfeita: batidas contra as “pragas”. Como se non soubésemos xa que a maior praga son os cazadores, que desequilibran e empobrecen a biodiversidade e converten enormes áreas naturais en zonas de recreo para cazapantasmas.

Este é outro dano adicional, o acaparamento de terras para a caza, que está a desposuír á cidadanía de bens comúns inalienables como camiños públicos, ríos e grandes extensións de montes. Un ínfimo 1,7% de cazadores pode converter en zona perigosa un espazo natural no que un 35,5% da cidadanía busca alivio á hostilidade urbana.

Un ínfimo 1,7% de cazadores pode converter en zona perigosa un espazo natural no que un 35,5% da cidadanía busca alivio á hostilidade urbana.

Por todo o dito, os inevitables desarranxos que causamos nas poboacións animais non poden seguir nas mans de miles de escopeteiros que axexan criaturas nos seus hábitats rotos. Deixemos en paz a natureza. Por suposto que haberá desaxustes e superpoboacións puntuais, pero contamos con técnicas incruentas para resolvelo. A natureza é un patrimonio valiosísimo que require coidados, non o maltrato da caza que só a reduce e a empobrece.

Erradiquemos a caza sen dúbidas nin matices. Con sorte, algún día lembraremos os días de viño e chumbo dos cazadores como unha aberración do pasado froito da incultura.