Unha folla de ruta para desfosilizar a península Ibérica en 2040

Como poderiamos abandonar o uso de combustíbeis fósiles na península Ibérica en 2040? O estudo “Enerxía para vivir mellor”, encargado por Greenpeace ao Institute of Sustainable Futures da Universidade Tecnolóxica de Sidney, ofrece unha resposta concreta e ben fundamentada a esta pregunta vital.

Os escenarios enerxéticos non son predicións senón instrumentos que nos axudan a enxergar diferentes futuros posíbeis e os camiños para os alcanzarmos. Resultan moi úteis para esclarecer e aterrar o debate enerxético.

“Enerxía para vivir mellor” define tres escenarios enerxéticos para a transición enerxética no Estado español e en Portugal. Un é o Busines as Usual (BAU), baseado nas políticas actuais. Os outros dous procuran acadar emisións netas cero de gases de invernadoiro en 2040, dez anos antes do que pretenden os Gobernos español e portugués.

Os dous escenarios enerxéticos climaticamente máis ambiciosos baseánse nunha combinación de eficiencia e de renovábeis, pero un deles, o preferido por Greenpeace, incorpora tamén a suficiencia, o que implicaría unha redución do consumo de enerxía aínda maior que a lograda só con eficiencia e con renovábeis. Ambos os dous escenarios demostran que, non sen dificultades, é posíbel deixarmos atrás os combustíbeis fósiles nos próximos 15 anos e facer a parte xusta que nos toca na mitigación da crise climática, cumprindo o Acordo de París. E tamén gañando autonomía e seguridade enerxéticas, benestar social e calidade ambiental. E todo sen necesidade de deteriorar os espazos naturais ibéricos máis valiosos.

A mellora da eficiencia pasa en grande medida pola electrificación da maioría do consumo enerxético, nomeadamente no transporte, á cabeza en emisións e en dependencia fósil. Isto obrigaría a multiplicar a demanda ibérica de electricidade en 2040 con respecto a 2020 entre 1,94 e 2,09 veces, segundo for o escenario. Para tornalo posíbel só con renovábeis habería que multiplicar por entre 3 e 3,6 veces a capacidade de produción (a potencia) renovábel instalada hoxe, recorrendo sobre todo a novos parques eólicos e fotovoltaicos. Os tellados fotovoltaicos poderían xerar unha parte significativa, mais relativamente pequena, da electricidade necesaria.

Certo é que a transición enerxética non son só parques eólicos e fotovoltaicos pero si grande parte dela. A pouco que se fagan números conclúese que non hai transición enerxética climaticamente comprometida, sen o que, con intención alarmista, se denomina no noso país “invasión eólica”. Nin sequera con recortes fortes do consumo e deixando de exportar electricidade podemos prescindir en Galicia de moita máis potencia eólica (e solar). Por non falar do almacenamento (baterías, centrais hidroeléctricas reversíbeis,…).

O escenario do estudo que inclúe a suficiencia lograría un descenso da demanda enerxética final do 39% en 2040. Isto implicaría multiplicar “só” por tres a potencia renovábel eléctrica na península Ibérica.

O estudo asume que o PIB e a poboación seguirán crecendo. Con suficiencia, eficiencia e renovábeis e, alén diso, menos PIB e/ou menos poboación, a desfosilización sería máis rápida. Mais, por suposto, non abondaría só coa diminución do PIB e/ou da poboación.

O sector con maior potencial para reducir a demanda enerxética, tanto con eficiencia (electrificación) como con suficiencia, é o transporte. Podería baixar nada menos que nun 70%. Como? A electrificación do seu consumo tería que atinxir o 69%. A aposta pola proximidade, o teletraballo,… deberían decrecer o tráfico de mercadorías nun 10% e o de persoas nun 16% (excluído o transporte aéreo, que se recortaría o 36%). O cambio modal outorgaría un protagonismo ben maior ao tren, ao transporte colectivo e aos desprazamentos a pé e en bici, en detrimento dos coches, que minguarían en número e en tamaño.

“Enerxía para vivir mellor” achega elementos para unha transición enerxética xusta e rápida na península Ibérica. Se non é xusta, non será rápida. Se non é rápida, non será xusta co Sur global e coas xeracións futuras.