A conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3), cuxo obxectivo é velar pola conservación e o uso sostible dos océanos, tivo lugar en Niza entre os días 9 e 13 de xuño. Aínda que non se trataba dun evento vinculante, serviu como foro global para que os países asumisen compromisos políticos, podendo evaluarse a situación na que se atopa cada país en relación á conservación dos océanos e ao seu posicionamento nos temas tratados durante a conferencia.
Os tres piares clave para abordar durante o evento eran moi claros: O Tratado Global dos Océanos, a minería submarina e o Tratado Global de Plásticos.
O Tratado Global dos Océanos é un acordo internacional cuxo obxectivo é a protección de, polo menos, o 30% das augas internacionais para 2030. Tras máis de 20 anos de loita incesante, conseguimos que o Tratado fora acordado en marzo de 2023 por consenso. Os países comprometéronse a alcanzar as 60 ratificacións necesarias para a súa implementación antes de UNOC3 e que o tratado puidese entrar en vigor o antes posible, os océanos necesitan que actuemos canto antes. Antes do comezo da conferencia ratificaran só 28 países pero, durante esa semana, a cifra subiu até os 50, quizais sentiron a presión e non quixeron ser “os sinalados” durante ese encontro por non ter cumprido a súa promesa.
Unha vez entre en vigor, os países poderán propoñer a creación dos primeiros santuarios oceánicos no marco do Tratado. O ideal tería sido que durante UNOC3 se trazara unha folla de ruta clara con propostas enriba da mesa, pero aínda queda moito traballo por diante. Desde Greenpeace temos claro cales son as 3 zonas prioritarias a protexer pola súa relevancia ambiental: o mar dos Sargazos (Atlántico Norte), os Montes emperador (Pacífico Norte) e o Sur do Mar de Tasmania/Colina Lord Howe (Pacífico Sur).
A nivel estatal, tamén é esencial alcanzar un 30% de superficie mariña protexida para 2030 nas nosas augas e así dar cumprimento a compromisos internacionais como o Cumio de Biodiversidade na que se acordou este obxectivo. Ademais, o goberno comprometeuse durante o mandato de Teresa Ribera a alcanzar un 25% de superficie mariña protexida para 2025 como fito intermedio. Durante UNOC3 o presidente do goberno expresou publicamente a declaración de 5 novos espazos Rede Natura 2000 e unha Área Mariña Protexida ao norte da illa de Menorca, por tratarse da única zona de cría constatada no Mediterráneo occidental dunha especie ameazada como o cachalote (Physeter macrocephalus). Coa declaración destes novos espazos estímanse que a superficie mariña protexida será dun 25,7%. Son por tanto boas novas, pero temos que lembrar que é de vital importancia que estes espazos conten con plans de xestión efectivos que aseguren a súa conservación e recuperación, e na actualidade hai moitos espazos que non contan con estes plans de xestión e non podemos permitir que isto siga así, máis aínda cando está a ocorrer polas diferenzas de intereses entre ministerios, cando o que debe primar é asegurar o futuro dos océanos fronte á explotación dos mesmos.
A minería submarina ocupou un lugar destacado nos debates da Conferencia, amosando a urxencia de opoñerse a esta industria. Catro novos países comprometéronse a apoiar a moratoria, co que o total ascende a 37. O Secretario Xeral da ONU, Guterres, declarou que “as profundidades mariñas non deben converterse no salvaxe oeste”, e o presidente Macron indicou que “a moratoria a esta industria é unha necesidade internacional”. Agardábase que Niza servira para que os gobernos avanzasen cara ao fin da minería submarina, pero non foi así. A atención céntrase agora nas reunións da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA) de xullo. Diante a asociación de The Metals Company con Trump para explotar os océanos do mundo, a próxima ISA é un espazo no que os gobernos poden unirse para defender as profundidades oceánicas mediante a adopción dunha moratoria que poña fin a esta industria destrutiva.
Os avances logrados en Niza parecen baleiros, xa que concluíron sen compromisos claros para alcanzar o 30% das augas internacionais protexidas para 2030 e deter a minería submarina. Necesitamos que os países sexan valentes e defendan a cooperación mundial, teñen a oportunidade de facer historia poñendo fin este ano a unha nova industria como é a minería submarina antes de que comece e sexa demasiado tarde.
O Tratado Global de Plásticos, acordo internacional que busca abordar e mitigar a crise global da contaminación por plásticos, logrou durante UNOC3 que 95 gobernos asinaren unha firme declaración para que avance. Os próximos pasos serán durante o mes de agosto en Xinebra, onde terán lugar as próximas negociacións vinculantes no marco deste tratado.
Marta Martín-Borregón é responsable de océanos y pesca de Greenpeace





