Outro decreto, outro espectáculo. E nós, fóra

Hai dúas semanas e media, PP, Vox e Junts cargáronse a prórroga dos alugueiros. Desde entón, o Goberno leva negociando consigo mesmo. O PSOE mira para o aluguer de tempada. Sumar tira pola prórroga. Junts pide rebaixas fiscais. E mentres montan ese circo, o aluguer subiu case un 9% nun ano. Eu non sei vós, pero moita xente que coñezo non pode esperar a que se poñan de acordo.

Entre 2008 e 2023, un millón e trescentos mil pisos novos entraron no mercado do aluguer en España. Non os construíu ninguén. Eran casas de familias que as perderon na crise e que os fondos de investimento e os grandes propietarios pillaron a prezo de saldo. Iso é “o gran acaparamiento”, e é o corazón do problema. Mentres iso non se toque, regular o aluguer de tempada é como poñerlle un apósito a unha hemorraxia.

Na Plataforma de Afectadas pola Hipoteca sábeno de sobra, e non porque o lean nos xornais senón porque o viven cada día con cada familia que acompañan. Vivenda pública real, non simbólica. Topes de prezos. Fin dos desafiuzamentos sen saída habitacional. E regulación do aluguer de tempada que non teña buracos polo que escapar, porque cando se apretou o mercado normal, os propietarios fuxiron en masa ao turístico e ao temporal. Regulalo agora, só iso, é tapar un burato mentres se abre outro.

E logo está o de Junts, que xa é para non dar crédito. Votan contra a prórroga. Pasan semanas intentando baleirar a lei de aluguer temporal no Congreso. E agora anuncian que están dispostos a negociar. Eso si, con condición, deducións fiscais para quen pague hipoteca ou aluguer. Ou sexa, axudas para quen xa ten onde vivir. Para quen leva meses buscando e non atopa, nada. O PSOE ve negocio aí. Sumar traga. E nós, mirando.

Este país precisa unha política de vivenda que estea á altura do problema, non un decreto cosido con fío de última hora para que o Goberno poida dicir que fixo algo. Precisa control de prezos real, un parque público que non sexa catro pisos nunha foto de inauguración e acabar cos incentivos fiscais que fan rendible ter pisos baleiros mentres a xente vive en habitacións compartidas con trinta anos. Nada diso está enriba da mesa. O que hai é un mercado que gana e unha cidadanía que perde. Como leva pasando demasiado tempo.