Anxo Tato, xornalista, creador de Fica coa bola.

“Tes que pensar se che compensa darlle de comer ao algoritmo ou construír algo comunitario” 

Anxo Tato e Antón Vieites son as voces e os rostros de Fica coa bola, unha canle de Twitch e YouTube e proxecto de redes sociais dedicado ao deporte rei que pon no centro o fútbol máis próximo. Gañadores do premio Youtubeiras 2024 na categoría pioneiros, a súa canle dedícase a crear comunidade arredor do fútbol galego.  

Canto tempo levades co proxecto? 

Comezamos con isto cando nos pecharon pola pandemia. Foi nese momento cando nos deu por empezar co proxecto. Inicialmente, faciámolo en castelán e falando da Champions. Aos poucos fomos movéndonos cara ao local e o contido en galego. E fomos creando a comunidade que temos agora. O que máis lle interesa á xente é o que ten máis preto, sobre todo cando está en galego. 

Na afección futbolística galega hai, por suposto, moitos galegofalantes. O que igual non hai tantos son, entendo, produtos informativos dirixidos a ela, e menos que lles falen dos equipos da contorna, do fútbol máis próximo e popular.  

Si, á xente gústalle que lle falen dos equipos da vila. É unha tendencia que vai máis alá do xornalismo ou da creación de contidos, algo que está dentro da propia afección. Gerard Piqué estaba moi equivocado cando dixo que o fútbol perdía interese e que xa só interesaban Javier Tebas ou o Real Madrid, ou o Barça. Vas a Gondomar ao campo das Gaiandas e está a rebentar. No play off Portonovo-Lemos a bancada estaba chea. Por iso damos voz a equipos dese tipo. O fútbol das vilas, que semellaba esquecido, vai medrando cada día máis. A comunicade agradécenolo porque os grandes medios non chegan a eses equipos pola infraestrutura que teñen. As persoas que van o domingo ver o equipo de fútbol do seu concello agradecen ter un proxecto como Fica coa bola 

Cal foi ese punto de inflexión que vos levou a facer os contidos en galego?   

Abandonar ese parvo prexuízo de que se falas en galego non chegas a tanta xente. É ao contrario, realmente: canto máis preto da xente máis comunidade creas. Eu son galegofalante de sempre, e facelo en castelán ata me parecía estraño, non me expreso da mesma maneira. Pasar o contido ao galego foi algo naturalizado á vez que trocabamos os temas que tratabamos, cara a unha cobertura máis rexional e local. E creo que ese cambio natural ao galego foi unha das chaves do crecemento posterior. E teño que dicir que é certo que medra o mundo da creación de contidos en galego, pero aínda está pendente galeguización do mundo do fútbol. Nós facemos cada luns entrevistas a xogadores o outro día un xogador caboverdiano de Burela falou máis en galego connosco que moitos xogadores nacidos en Galicia. Iso tamén hai que deixalo claro. 

Que tipo de formato facedes? 

A nosa sección principal é un “once galego” onde valoramos os méritos de xogadores que poidan entrar nel. Calquera xogador que xogue nun equipo galego, nacese ou non en Galicia, ou que nacendo en Galicia xogue nun equipo de fóra, pode entrar. Tanto de fútbol masculino como feminino, ata a Segunda Federación. Iso é o que facemos cada luns, valorando méritos e posíbeis aliñacións, un once ideal. E despois temos cobertura de certos eventos, xa en formato vertical que, como sabes, está de moda nas redes. O outro día co ascenso do Portonovo fomos ao campo e montamos unha serie de vídeos curtos. Pero tamén temos entrevistas, reportaxes… Pero sen dúbida medramos grazas a ese “once galego”, que lle fai ilusión á xente.  

En que redes estades? 

Os directos facémolos en Twitch, e subímolo despois a YouTube, aínda que de cando en vez temos contidos para esta canle. Temos Instagram, TikTok e Fiverr, unha especia de “TikTok do fútbol”, e a maiores X. Tamén temos unha comunidade de Whatsapp onde a xente comparte connosco resultados, ou vídeos para recompilar ese once ideal. Hai unha parte importante por tanto de orgullo comunitario. De crear comunidade arredor do fútbol galego. Eu prefiro, por exemplo, construír ese once ideal con achegas da comunidade, a través deses vídeos que nos mandan. En xeral, os proxectos dixitais que máis e mellor medran son aqueles que fan algo de comunidade, que fan xornalismo independente e que teñan en consideración os seareiros.  

Que plans de futuro tendes? 

Seguir medrando, diversificando e axudando a dinamizar o noso fútbol. Que cada vez máis xente prefira ir un domingo ao campo da súa vila que seguir os partidos pola tele. Os membros deste proxecto temos os nosos traballos a maiores disto, así que ao final non temos unha necesidade imperiosa de profesionalización, pero dedicámoslle ao proxecto unha morea de horas. Temos algún patrocinio, pero evidentemente non vivimos disto porque non dá para vivir. Polo menos si damos sufragado gastos. Agora mesmo conformámonos con que o proxecto medre o máximo posíbel e que á xente lle guste.

  A creación de contidos dixitais en galego está en auxe, pero parece que custa chegar a esa profesionalización. Non no sentido de que non sexa un produto coidado e puído, senón da posibilidade de vivir del. 

Sen ir máis lonxe, as propias aplicacións que usamos, moitas veces, non contemplan o galego como unha lingua oficial. Cando fas un directo en Twitch non ten en conta o galego. En YouTube non che facilita a visibilidade se non pos subtítulos noutros idiomas. Aí tes que pensar se che compensa darlle de comer ao algoritmo ou construír algo comunitario. Pero, igual que agora a música en galego está nun momento espectacular, na creación de contidos tamén hai moita xente en todos os ámbitos facendo cousas moi boas. Facer contido en galego en internet non é de bichos raros. Pero vivir das redes falando en galego é difícil, aínda coa porcentaxe alta de xente que hai facendo bos contidos.