Luís Álvarez Pousa recibe o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

”Medios e xornalistas están obrigados a actuar como un contrapoder ao servizo da verdade”

“Sempre fun, e seguirei sendo, un xornalista incómodo”, aduciu Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos e Tempos Dixital, no decurso do acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde recibiu o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo que lle outorgou un xurado integrado por representantes das organizacións de xornalistas e das Facultades de Comunicación de Santiago e Vigo, pola súa longa traxectoria profesional. Recuperou vivencias que a marcaron, describindo de seguido as causas que explican por que “a función social e política dos medios, do xornalismo e dos xornalistas pasa actualmente por un dos momentos máis críticos dos últimos 50 anos”. Urxiu un camiño de volta, que só será posible nunha confluencia entre vontade política, toma de conciencia social, revalidación do xornalismo como profesión e recuperación da credibilidade perdida.

“O que hoxe en día prima é o valor económico da información, a súa venda, e non o valor da verdade”. Un escenario, subliñou, que facilita a circulación de todo tipo de intoxicacións malintencionadas (desinformacións, bulos e mentiras), contando moitas veces, consciente ou inconscientemente, coa complicidade que aporta unha práctica xornalística de “ritual”, entreguista e eticamente condenable, que incita á autocensura. Que é, canda a económica, a máis eficaz das censuras en democracia. O resultado manifestase nun “xornalismo de sensacións -sensacionalista- e non de contextos, simplificador da realidade, incapaz xa que logo de interpretar un mundo cada vez máis complexo, e que non garante en absoluto o dereito da cidadanía non só a ter noticia dos feitos e acontecementos, senón tamén, e sobre todo, a coñecer a verdade ou verdades que aqueles ocultan”.

Diante desa que definiu como unha “degradante tendencia”, que se traduce á larga nunha adulteración da democracia, lonxe de aplicar medidas para detela, “os poderes políticos acaban someténdose ás esixencias desreguladoras dos que a provocan e protagonizan. E non só satisfeitos con iso, aproveitan tamén o estado de necesidade financeira de moitos medios privados establecendo con eles fórmulas subvencionadoras e publicitarias que os atan en curto, e aos xornalistas con eles”. Sen que se libren dese irresponsable absentismo os medios públicos de radio e TV. “Se, como veu sucedendo entre nós desde que foron creados vai para corenta anos, os gobernos utilizan o mando a distancia para sometelos ao seu servizo, todo o que se podería esperar deles como reequilibradores dese pervertido sistema mediático queda practicamente en nada”.

Denunciou por iso o que de ameazante comporta o proxecto dunha nova lei para a gobernanza da CRTVG que a Xunta vén de enviar á Cámara. “Aparte de infrinxir a lei europea de medios aprobada o pasado mes de marzo no Parlamento de Estrasburgo, a reforma da lei de medios públicos que se tramita actualmente no Parlamento galego amartela ese control ao servizo do goberno, do partido que o sustenta e do partido ou partidos que o sustenten no futuro”.

Diante dun escenario tan degradado, Álvarez Pousa preguntouse en voz alta se o xornalismo e os xornalistas non estarán en vías de extinción. “Obrigados a competir -afirmou- cunha multitude de novos e indiferenciados provedores/vendedores de información (algúns deles, os chamados influencers, charlatáns de feira que arrastran riadas de incautos) que teñen en Internet, nas plataformas e nas redes sociais unha ferramenta desregulada, gratuita e anónima, medios e xornalistas acaban traizoando algúns dos máis importantes principios nos que viñeran asentando a ideoloxía (o pluralismo, a obxectividade, a imparcialidade, a verdade) e a cultura do xornalismo”.

Denunciou por iso decisións políticas que non só refrendan co seu absentismo esa perigosa deriva, senón que tamén a alimentan e potencian con evidente carga reaccionaria. “Hai gobernantes que aplauden coas orellas. Nada como utilizar esa escusa para negarlles a función de mediación -de vixilancia e control, por delegación da cidadanía- e impedir que os xornalistas fiscalicen a súa política de comunicación. Xustificarse como vén de facer un deles en que “a verdade non necesita intermediarios” é, aparte de acientífico, propio de quen non ten prexuizos autocráticos”. Unha referencia expresa ao alcalde ourensán Pérez Jácome.

Rematou reivindicando “o xornalismo como profesión, e aos xornalistas como intermediarios necesarios, imprescindibles, nos procesos de comunicación informativa. Porque nestes tempos de posverdades, ruídos, desinformación, bulos, mentiras e présas, son o único avan que ten a cidadanía para ver satisfeito o seu dereito a unha información veraz e de calidade. Da que depende que sexamos quen para decidir libremente a nosa maneira de convivir en sociedade e de participar en democracia. Que a sociedade tome conciencia disto é vital. Para estarmos vixiantes e impedir que nos secuestren a verdade. Empezarmos por facer extensible esa reivindicación de dereitos ante os poderes públicos, que son os que teñen o deber de regular e democratizar o escenario no que o sistema de medios, o xornalismo e os xornalistas teñen a obriga de actuar como un contrapoder ao servizo da verdade”.

Luís Menor: “Respectar para sermos respectados”

Ademais de aludir á traxectoria do premiado, afirmando que “foi un adiantado, un pioneiro para o xornalismo galego e ourensán entre as décadas dos 70 e dos 80, abrindo fiestras nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da Transición”, e de resaltar tanto o seu traballo como cronista político e como mestre de xornalistas , o presidente da Deputación ourensá, a institución que convoca e organiza a concesión do premio, Luís Menor, defendeu a función mediadora –“imprescindible”, dixo textualmente- , dos xornalistas. Porque é “garante da información veraz, contrastada e de calidade que precisa toda sociedade sá e madura”.

Asumiu, en resposta ás palabras do premiado, que os xornalistas sexan incómodos para o poder, porque é como os políticos con responsabilidades públicas mellor poden confrontar e ser autocríticos na súa xestión e na súa relación coa xente á que representa. “Os políticos -dixo- debemos respectar á profesión xornalística para sermos respectados”.

 

Ler o discurso completo que pronunciou Luís Álvarez Pousa no acto de entrega do premio celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.