A inxerencia política goberna a CRTVG, proscribe as boas prácticas xornalísticas e deturpa o seu carácter como servizo público. Máis de 250 Venres Negros denunciando a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos, as pexas para desenvolver o labor informativo con criterios profesionais, e o incumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. Camisolas negras, manifestacións e concentracións, paros parciais, unha xornada de folga en 2018 e outra o pasado 6 de marzo. Control, manipulación e presións sobre os xornalistas para ofuscar as responsabilidades políticas da Xunta. Prácticas antisindicais para entorpecer as accións do Comité de Empresa. Represión dos traballadores por secundar as protestas. Sentenzas xudiciais condenatorias. Reiteradas interpelacións da oposición. Exculpacións en sede parlamentaria abeirándose nas cotas de audiencia acadadas. Escúsanse as represalias como medidas esixidas por unha caprichosa estratexia global de reestruturación dos medios públicos. Un clima laboral insostible. Tratos degradantes, negación de dereitos, sancións e represalias co persoal crítico coa manipulación informativa. Razóns da folga do 6M. A xornada de loita baleirou as redaccións (cun seguimento de máis do 70 % do persoal) e impediu a emisión de programas coma A Revista e Zigzag, na TVG, e o Diario Cultural e Ao Contraataque, na RG. Convocados paros para o 24 e 25 de marzo nos que se anuncian seguimentos masivos, coa complicidade do Goberno de Alfonso Rueda, unha nova vaga de arbitrariedades e sancións encubertas por parte dos directivos da CRTVG.
Cara a un complexo político-mediático autoritario
A xestión autoritaria da CRTVG é a concreción da instrumentalización política do PPdeG dos medios públicos. En 1954, F. Siebert, T. Peterson e W. Schramm publicaron Four theories of the press, iniciando a análise crítica da relación entre os réximes políticos —e as súas elites, partidos dominantes, aliñamentos ideolóxicos…— e os medios —e a súa propiedade e propietarios, programación, contidos, audiencias…—. Daquela, definiron o modelo autoritario como «un sistema no que os medios, como institución, se atopan manipulados no tocante ás súas funcións e operacións por outra institución, o Goberno».
Arbitrariamente engraxado por subvencións, convenios e a repartición de producións audiovisuais, o resultado final é unha unidade editorial que, consonte os intereses do Goberno e do PPdG, acouta a axenda política, os marcos interpretativos dos debates e os criterios de valoración da acción pública.
A Autonomía Galega, reducida a un réxime dun partido dominante, acompáñase dun complexo político-mediático no que se concerta a estratexia informativa dos medios públicos e das principais cabeceiras dos medios privados, cos da Corporación Voz en posición preeminente e os do Grupo Vocento cunha notable influencia doutrinaria, malia súa minguada audiencia en Galicia. Arbitrariamente engraxado por subvencións, convenios discrecionais e a repartición da demanda de producións audiovisuais, o resultado final é unha unidade editorial que, consonte os intereses do Goberno e do PPdG, acouta a axenda política, os marcos interpretativos dos debates e os criterios de valoración da acción pública que son determinantes para fixar as preferencias políticas dos cidadáns. Na conformación autoritaria do complexo político-mediático galego o que non está representado é o interese público, a axenda cidadá, o compromiso co pluralismo ou crear condicións de participación no debate político con garantías de igualdade de oportunidades que eviten a conversión da maioría dos cidadáns en suxeitos pasivos. O dominio do PPdeG carece de vocación integradora e consensual, válese dos medios da CRTVG para determinar que é necesario (despluralizar, despolitizar, despolemizar) e desexable (garantir o continuísmo gobernamental); tamén para ampliar o consentimento —amoestando e instruíndo na pasividade aos dóciles— e facer máis eficaz a súa coerción, acalando, distorsionando, vetando e minguando as voces críticas. As fraquezas do Goberno Rueda esixen medios de obediencia cega até a última coma. O complexo político-mediático da Coalición Inmobilista está orientado a disolver as esixencias de reforma e mellora das políticas públicas, a inhibir o desexo de cambio e a conter os avances democráticos e sociais. As protestas dos traballadores da CRTVG van alén da resistencia sindical fronte a deriva autoritaria dos directivos da CRTVG e a protección de dereitos, sinalan tamén a necesidade de rescatar a TVG e a RG como un servizo público, garantía de calidade democrática e canle de recoñecemento da pluralidade política e social da cidadanía galega. Lémbrannos coa súa coraxe que precisamos de medios públicos abertos, críticos, plurais e inclusivos, non unha factoría de enganos para sufocar o desexo de cambio político.
Un autogoberno zombi
10 de maio de 2022. Alfonso Rueda ocupa a tribuna do Hórreo. Unha hora dedicada ao seu discurso de investidura. Unha apoloxía do continuísmo. Sonia Vizoso, redactora de El País, anota na súa crónica: «Só lanzou un fugaz anuncio que, de cumprirse, suporía un cambio respecto ao seu antecesor: reclamará ao Executivo central novas competencias autonómicas». A declaración solemne de Rueda: «Reivindicaremos para os galegos todo o que consideremos que en dereito lles corresponde. Como o faremos? Reivindicando novas competencias e defendéndonos fronte ao furor que ultimamente observamos no Estado á hora de impugnar as normas emanadas deste Parlamento e do Goberno de Galicia». Que competencias? O presidente comprometeuse a detallalas en breve. Case un ano despois, nada sabemos. Roces competenciais, algún, o último a conta da Lei galega do litoral. Competencias transferidas, ningunha. Unha fugaz vontade de ampliar as capacidades do autogoberno. O último traspaso de competencias é de 2008. Na presidencia do Goberno do Estado, Rodríguez Zapatero; na da Xunta, Pérez Touriño. A maioría dos traspasos fixéronse con executivos do PSOE, 74; cos gobernos «amigos» de Aznar, 34; cos de Rajoy, ningún. Feijóo foi o primeiro presidente que non sumou competencias. Antes, Álbor asinou 72; Laxe, 13; Fraga, 53; e Touriño, 12.
No cabo da VII lexislatura, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade solicitar 70 competencias Moitas foron incorporadas aos programas electorais do PPdeG de 2009, 2012, 2016 e 2020. Catorce anos de promesas electorais incumpridas.
No cabo da VII lexislatura, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade solicitar 70 competencias (museos, arquivos e bibliotecas estatais, bolsas de estudo, Inspección de Traballo, servizos meteorolóxicos, a sanidade penitenciaria, as autoestradas AP-9 e AP-53, e outras referidas á pesca e á ordenación territorial). Moitas foron incorporadas aos programas electorais do PPdeG de 2009, 2012, 2016 e 2020. Catorce anos de promesas electorais incumpridas. En 2009, a Autonomía galega entrou en vía morta. E tornouse nun autogoberno zombi a partir de 2012 coa recentralización da presidencia de Rajoy e, máis aínda a partir de marzo de 2020, tras a centralización de competencias do Executivo central para enfrontar á crise sociosanitaria.
A hipótese da Raíña Vermella
«Para quedar onde estás tes que correr o máis rápido que poidas. Se queres ir a outro sitio, deberás correr, polo menos, dúas veces máis rápido». A hipótese da Raíña Vermella inspírase en Alicia a través do espello, onde hai que correr o máis rápido que se poida, só para permanecer onde estás. De aí nace unha teoría evolutiva que determina que a mellora continua é necesaria para manter tan só o seu axuste cos sistemas cos que está coevolucionando. Vale para o autogoberno. Ana Pontón tomou nota e decidiu colocar en lugar destacado da axenda do BNG a activación do traspaso de competencias. Para manter vivo un horizonte de goberno soberano hai que activar o avance da Autonomía enriquecéndoa con novas competencias e innovadoras políticas públicas, aínda que só sexa para mantela onde está e non recuar.
Ás políticas públicas sobre a enerxía eólica non lle abonda un «non así», cómpre deseñar unha alternativa practicable. Máis no caso do BNG, que en 2008 impulsou unha alternativa vinculando as concesións ao desenvolvemento de novas iniciativas industriais e ao investimento de beneficios en proxectos sociais e ambientais.
O BNG pon no albo 35 competencias de sete áreas: territorio e infraestruturas (traspaso da AP-9 e AP-53, dos aeroportos, portos de interese xeral, salvamento marítimo, a ordenación do litoral e tráfico); laboral e asistencia sanitaria (Inspección de Traballo, Seguridade Social, formación ocupacional, cotas dos MIR…); educación (bolsas e a transferencia dos centros de investigación con sedes en Galicia…); sectores produtivos (inspección pesqueira, seguros agrarios, paradores turísticos…); enerxía (autorización de proxectos de produción de enerxía e control de redes de gas, refinarías, almacenaxe de hidrocarburos…); cultura (impulso da industria cinematográfica, transferencia de arquivos, bens e fondos históricos…) e institucionais (garantir a presenza de Galicia no Banco de España, na Comisión Nacional do Mercado de Valores, en Aena…). Paso importante adiante, non maior que afianzar o autogoberno como xestión ecosocial dos nosos bens comúns. Ás políticas públicas sobre a enerxía eólica tan combatidas desde a indignación, non lle abonda un «non así», cómpre deseñar unha alternativa practicable. Máis no caso do BNG que, en 2008, impulsou unha alternativa eólica, aberta á participación pública, cunha elevada esixencia de protección ambiental e patrimonial, procurando evitar a concentración dos parques en mans de grandes operadores, vinculando as concesións ao desenvolvemento de novas iniciativas industriais e ao investimento de beneficios en proxectos sociais e ambientais. Cómpre coraxe.