Foto de apertura: Román de Paz Nogueira
Hai un ruxerruxe que se repite cada vez que o Goberno intenta sacar adiante algo de vivenda: “non chega aos votos”. E é verdade, pero dicilo así, tan seco, agocha o importante. Non é que PP, Vox, Junts e UPN estean en contra de que a xente teña casa (ou si?). É que cada un ten un prezo distinto, e o Goberno leva meses negociando coma se todos pedisen o mesmo. Non o piden. E aí está a fenda pola que se pode coar un decreto que de verdade chegue ao Consello de Ministros con posibilidades de sobrevivir ao Congreso.
Imos separar o paquete, porque metelo todo nun mesmo texto é precisamente o que o fixo fracasar ata o de agora.
Junts non é un “non”. É unha lista da compra
Dos catro, Junts é o máis doado de entender porque foi o máis explícito. Quere exención de impostos para todos os inquilinos, non só para os mozos de 18 a 35 anos; deducións para pequenos propietarios hipotecados; medidas para axilizar os desafiuzamentos exprés; e desgravación nas contas de aforro para comprar vivenda. Ningunha desas catro cousas contradí, no fondo, o que defende a esquerda do goberno. Ampliar a dedución fiscal a todos os inquilinos non lle quita nada a ninguén, custa diñeiro, pero é diñeiro ben gastado se serve para desbloquear unha prórroga de alugueiros que protexe a millóns de familias. O mesmo co pequeno propietario hipotecado, hai unha diferenza real entre un fondo con 22.000 pisos e unha señora de Lalín que aluga o piso que herdou da súa nai para pagar a súa propia hipoteca. Tratalos igual na lei é inxusto e ademais regálalle a Junts (e á dereita en xeral) o argumento de que “a esquerda non distingue entre o rico e o que chega a fin de mes”. Distinguilos non é ceder terreo ideolóxico, é facer mellor a lei.
O único realmente delicado da lista de Junts son os “desafiuzamentos exprés”. Aí si hai un límite que non se pode cruzar sen traizoar o espírito do decreto que nace, precisamente, do caso de Maricarmen. Axilizar non pode significar deixar a alguén na rúa sen alternativa habitacional. Pero hai un punto medio que o propio goberno xa empezou a debuxar: manter a paralización do desafiuzamento mentres non haxa alternativa, pero que sexa a administración, non o propietario, quen cargue cos custos desa demora. Iso responde á queixa lexítima de Junts (que o propietario non pode ser o único que pague a lentitude do Estado) sen abandonar a protección ao inquilino vulnerable. É a fórmula que xa está sobre a mesa, e é a correcta. Hai que explicala mellor, non cambiala.
PP e Vox non van votar si, pero si poden deixar de votar en bloque
Aquí hai que ser honesta: é improbable que PP e Vox apoien activamente un decreto que inclúa prórroga de alugueiros e escudo antidesahucios, porque o seu electorado e o seu discurso están construídos, en gran parte, ao redor da defensa da propiedade fronte á regulación. Pero o obxectivo realista non é que voten a favor. É que deixen de ter unha escusa cómoda para votar en bloque coa ultradereita, e que o custo político de opoñerse a algo que nace dunha foto como a de Maricarmen sexa máis alto que o de absterse.
Para iso, o Goberno ten unha carta que ata o de agora xogou mal: a reforma da lei do chan para facilitar a construción de vivenda nova. É unha medida que, sorprendentemente, comparten no papel o PSOE, o PNV, Junts e a propio PP. O problema é que Podemos, cuxos votos tamén son necesarios, dixo que non apoiará nada que inclúa esa reforma. E aí está o nó real, que non é só que a dereita non queira ceder, é que a propia maioría de investidura ten unha contradición interna sen resolver. A solución máis honesta, e a que se está barallando dentro do goberno, é torar o decreto, sacar por separado as medidas antidesafiuzamentos, que poden concitar un consenso amplo porque ninguén con sentidiño quere ser o partido que votou en contra de protexer a unha muller de 87 anos, e deixar a lei do chan para unha negociación á parte, máis longa, onde o PP teña incentivos reais para achegarse sen que iso signifique renunciar á prórroga de alugueiros que esixe Sumar.
O erro que hai que deixar de cometer
O Goberno leva meses intentando construír “a cuadratura do círculo”, un só texto que convenza á vez a Podemos e a Junts, á esquerda que quere prohibir os desafiuzamentos e á dereita catalá que teme a inquiokupación. Ese texto único, sinxelamente, non existe, e perseguilo é o que tivo o decreto paralizado desde xullo. A vivenda non é unha soa política, son varias políticas distintas que comparten nome. Protexer o inquilino vulnerable, non é o mesmo que regular o alugueiro temporal, que non é o mesmo que construír vivenda nova, que non é o mesmo que axudar ao pequeno propietario. Cada unha desas pezas ten unha maioría distinta esperando no Congreso. O traballo do goberno non é atopar unha fórmula máxica que as contente a todas á vez, é ter a valentía de torar o decreto e sacar cada peza pola porta que ten aberta, no canto de deixar que todas queden encerradas xuntas esperando unha porta que non existe. Iso non é renderse diante da dereita. É, sinxelamente, aprender contado votos coa cabeza fría, sen que o resultado sexa outra Maricarmen esperando na porta da súa casa a que os antidisturbios acaben decidindo por ela.





