Se aínda non as viron, apunten estes títulos: La virgen de la tosquera (Laura Casabé, 2025) e Sorry, Baby (Eva Victor, 2025). Corran a velas antes de que desaparezan das pantallas dos cines ou busquen nas plataformas para admiralas na pantalla do televisor. Son, quizais, de todas as películas producidas o ano pasado, as máis inxustamente relegadas. Non falo de premios, que sen dúbida non serían inmerecidos. Non falo de animar a conversa pública, o que sería desexable. Falo de simple excelencia cinematográfica en dous xéneros, o de terror o primeiro, a comedia o segundo, que habitualmente son vistos como “menores”.
En repetidas ocasións falei da dificultade de atopar, na representación dos medios de masas, figuras de muller que escapen dos estereotipos dominantes […]. As novas xeracións de mulleres creadoras comezan a construír relatos que cuestionan eses límites
Aquí, como adoito facer, orientarei o meu comentario cara un lugar acorde co xogo de espellos que anima esta sección. En repetidas ocasións falei da dificultade de atopar, na representación dos medios de masas, figuras de muller que escapen dos estereotipos dominantes: ou o obxecto de desexo ou a compañeira do prota, sempre pasivas, ou a “muller-macho” que acaba sendo unha parodia do heroe masculino tradicional, sen deixar de ser o obxecto do gozo escópico masculino. As novas xeracións de mulleres creadoras (escritoras, guionistas, directoras) comezan a construír relatos que cuestionan eses límites. Por caso, estas dúas películas.
A primeira, da arxentina Laura Casabé, adapta dous relatos de Mariana Enríquez, “El carrito” y “La virgen de la tosquera” (os dous incluídos en Los peligros de fumar en la cama, editado en España por Anagrama), dotándoos dunha convincente unidade, na que xoga un papel relevante a avoa galega (e “bruxa”) da protagonista, esplendidamente interpretada por Luisa Merelas, con algún retrouso en galego incluído. Ela é unha das figuras alternativas de muller que Casabé nos propón, aínda que é a súa neta arxentina a que acabará ocupando o foco. Co pano de fondo da terrible crise arxentina de 2001, cunha inflación que acabará destruíndo a xa precaria clase media, veremos a esa adolescente e ás súas amigas acceder ao espertar sexual nun clima oprimente ata que, coma unha nova Carrie. igualmente vingativa mais dura e resistente a calquera acoso, acabará ceibando os seus poderes e provocando a catástrofe dos outros. Unha rapaza mala, si. Como deixou dito a propia Mariana Enríquez: “As miñas mulleres e as miñas mozas son moi imperfectas. Algunhas son malas, algunhas vingativas e coido que iso conectou coa xente nova, coa necesidade de non estar sempre á altura”.
Eva Víctor, directora debutante, é tamén guionista e protagonista da súa película, Sorry, Baby. Creadora absoluta, logo, da súa obra. A película é unha comedia universitaria que se afasta radicalmente das comedias de college ao uso, onde reina o humor escatolóxico, os mozos deportistas descerebrados e os nerf feuchos (e feuchas), dun lado, e do outro as rapazas inxenuas na procura do amor ideal en dura competencia coas resabiadas dispostas a todo. Nesas comedias raramente hai espazo para amosar o estudo, o pracer intelectual, o interese polo saber. Nesta si, e ese é xa un xiro case inesperado, tendo en conta os antecedentes: na universidade vaise a estudar e hai rapazas que estudan porque teñen interese en saber, non por aparentar mentres o verdadeiro obxectivo é a procura de marido ou de facer contactos sociais. E, por suposto, está o sexo. Non se perdan o diálogo da primeira secuencia que marca o ton de todo o filme. Diálogos dun humor brillante que supera o enxeño da mestra Nora Ephron. Pero a secuencia cumio chega na resolución do momento dramático do filme. Lonxe do tratamento habitual da violación, que tantas veces acaba recorrendo a unha incómoda explicitude (a muller violada ofrecida como morboso obxecto do pracer visual, o espectador cómplice involuntario… ou non?), Víctor ofrece una lección excepcional da poderosa elocuencia da elipse.





