[Alén dos espellos] Cine e loucura (II)

Vimos na entrega anterior que a irresistible tentación da espectacularización no cine comercial actúa coma un factor de resistencia á hora de afondar no espazo insondable das doenzas mentais, e na complexa problemática da evolución histórica das institucións psiquiátricas. Acontece isto mesmo nos primeiros filmes que se aproximan con certo rigor a este dobre fenómeno, como The Snake Pitt (Nido de víboras, Anatole Litvak, 1948) ou La tête contre les murs (Georges Franju, 1959). Nos dous casos hai unha denuncia clara tanto das condicións en que se producían os internamentos, non só contra a vontade da persoa internada senón sen mediar un diagnóstico consistente; como das prácticas ás que eran sometidas as persoas internadas, máis coercitivas ca terapéuticas. Estes dous filmes relatan historias, ficticia a segunda, baseada nunha novela de Hervé Bazin; real a primeira, reconstrución autobiográfica do paso polo psiquiátrico da escritora Mary Jane Ward. Nos dous predomina un ben intencionado enfoque melodramático que seguramente contribuíu tanto ao éxito comercial dos filmes, como ao (relativo) da súa denuncia. O segundo ábrese con este texto de advertencia aos espectadores: “O mundo estraño no que van penetrar amosará a tarefa inmensa que se precisa para transformar as condicións de tratamento dos doentes mentais”. Unha tarefa que sen dúbida hoxe mesmo aínda está lonxe de ser acadada satisfactoriamente.

Quizais sexan filmes protagonizados por mulleres os que chegaron máis lonxe na indagación do fondo ignoto e perturbador da doenza mental. Falo de A Woman under the influence (John Cassavets, 1974) ou de Cara a cara (Ingmar Bergman, 1976). Ou, máis recente, da española La herida (Fernando Franco, 2013). Filmes sen concesións, desesperanzados, que mostran os estragos do malestar psíquico sen proporcionar solucións, lonxe de calquera compracencia, construídos a partir de monumentais interpretacións das actrices protagonistas. Gena Rowland, a “muller baixo a influencia” do filme de Cassavets, daquela o seu marido, transmutarase en Another Woman (Woody Allen, 1988) nunha fría profesora de filosofía que ve abanearse as certezas do seu mundo ao escoitar fortuitamente as confesións que unha paciente revela ao seu psicanalista. Velaí a irracionalidade atribuída á doente coma paradoxal espello que reflicte os límites, mesmo o engano, da medida vida racional da filósofa. Quen veu o filme sabe que este paradoxo non encerra nin ironía nin a máis mínima comicidade. Todo o máis, cabería atribuírlle unha chiscadela sobre a figura de tantos psicanalistas que aparecen noutros filmes de Allen. Psiquiatras que escoitan mais non curan. Pero é que hai algo realmente que curar?

Esta pregunta colócanos diante dun reto liminar: que é exactamente ser un doente mental?, que diferencia a unha persoa doente, louca, dunha corda, sa? Nos anos 70, un grupo de psiquiatras británicos promoveu o movemento antipsiquiátrico, que puxo radicalmente en cuestión as respostas tradicionais a estas dúas preguntas e propugnou o peche das institucións psiquiátricas de reclusión. Ken Loach tivo a audacia de colocar a súa cámara no centro mesmo desta conflitiva intervención en Family Life (1971). É un filme que doe mirar pola verdade do que amosa: a familia, a institución á cal a sociedade entrega o coidado das novas xeracións, é tamén a principal fonte de dor e sufrimento. E esta é a única definición que semella acaída ao doente mental: unha persoa que sofre e cuxo sufrimento escapa de todo control físico capaz de atenualo. Family Life ten feituras de cine documental mais ao tempo non se encerra no marco que adoitamos atribuír ao xénero. Ben se podería dicir algo análogo de Monos como Becky (Joaquim Jordà e Nùria Villazán, 1999): un filme enmarcado no xénero documental que incorpora dun xeito enormemente creativo as potencias da ficción. Este soberbio, por tantos motivos, filme sitúanos diante dunha das figuras máis controvertidas no campo da psiquiatría: o doutor portugués Egas Moniz, premio Nobel de Medicina. Moniz foi o introdutor da técnica da lobotomía (el chamouna “leucotomía frontal”), unha sinxela cirurxía que converte a “loucos e loucas furiosos” en persoas pacíficas, segundo prometía a propaganda dos neurólogos estadounidenses que, nas décadas dos anos 40 e 50 do pasado século, aplicárona para “curar” a miles de pacientes. Unha desas “beneficiadas” foi (aparentemente) a actriz de Hollywood Frances Farmer, segundo relata o filme Frances (Graeme Clifford, 1982). A paréntese é obrigada porque comprobo que, nas últimas referencias biográficas da actriz, aínda que se a presenta como unha vítima dos procedementos máis agresivos da psiquiatría da época (encerros involuntarios, electroshock, inxeccións de insulina), négase que fora sometida á lobotomía. Sería, logo, unha proba máis desa irresistible inclinación do cine comercial á espectacularización. Mais, como temos visto, hai outro cine que si é capaz de resistir. Ese é o cine no que podemos atopar un acompañamento para, se non entender, seguir pensando a loucura.

Artigo relacionado: Cine e loucura (I)