Cada vez máis cidades e municipios se preparan para a loita contra o cambio climático. As vagas de calor, secas, choivas torrenciais, inundacións… son eventos que nas cidades e nas vilas son cada vez menos estraños, e nos últimos anos ocorren con máis asiduidade. Por iso, traballar e prepararse para minimizar a contribución das áreas urbanas ao cambio climático debe ser un compromiso real por parte das entidades locais e do resto das administracións, como das empresas situadas nelas, así como por parte da cidadanía.
Hoxe en día as cidades a nivel mundial acollen á metade da poboación, e en Europa e no Estado español oito de cada dez persoas viven en contornas urbanas. Isto fai que as contornas urbanas sexan altamente vulnerables, ademais de altamente densas.
A mala planificación urbanística agravou os impactos climáticos, con moitas edificacións construídas en zonas inundables, así como por diversos intereses económicos, sociais, institucionais e políticos se cambiaron os ecosistemas naturais, e moitos municipios sofren de forma moi clara os efectos dos quecementos global, xa que existen poucas zonas verdes con árbores e unhas contornas de moito asfalto, cemento e formigón, que eleva as temperaturas moito máis que nas zonas rurais.
A mala planificación urbanística agravou os impactos climáticos.
As vagas de calor teñen que ver bastante co que se denomina “illas de calor”, que se trata dun efecto microclimático polo cal, debido aos materiais de construción, tanto dos edificios como das beirarrúas e as estradas, se dá un almacenamento de calor moita maior que ao das zonas verdes. O resultado é que a temperatura das contornas urbanas é moi superior á que habería, coas mesmas condicións meteorolóxicas, nunha zona do campo.
Tamén inflúe moito nas cidades e nas vilas o modelo de mobilidade imperante, onde o vehículo privado segue sendo o rei, e, por tanto, a rexeneración do tecido urbano e unha mobilidade sustentable son clave na loita contra o cambio climático. Niso, é fundamental e imprescindible que a cidadanía participe na toma de decisións e se corresponsabilice.
Transitar cara a unhas cidades e municipios onde haxa unha redución de emisións, máis zonas verdes, un aire respirable, onde se poida pasear e andar en bicicleta ou moverse en transporte público, equivale a mellorar a calidade de vida, o benestar e a saúde.
As chamadas solucións baseadas na natureza (SbN) foron identificadas como unha estratexia crítica para alcanzar os obxectivos de mitigar e adaptarse ao cambio climático, así como para deter a perda de biodiversidade.
Tamén inflúe moito nas cidades e nas vilas o modelo de mobilidade imperante, onde o vehículo privado segue sendo o rei.
Pero nas cidades e municipios tamén se dan, e cada vez máis, precipitacións torrenciais, que en moitas ocasións acaban en inundacións. Fronte a iso, débense mellorar os sistemas de alerta temperá, que, tras os episodios extremos ocorridos nos últimos tempos, entre eles o da DINA de Valencia, será necesario revisar e actualizalos, así como os sistemas organizativos e a capacitación e aprendizaxe sobre como actuar por parte da poboación.
No caso das precipitacións intensas e torrenciais que poden provocar inundacións, os chamados Sistemas Urbanos de Drenaxe Sustentable (SUDS) e a súa implantación son un elemento moi importante fronte aos problemas de escorrentía que se producen nestas circunstancias, dada a crecente impermeabilización e selado do chan, ademais de mellorar a calidade da auga a través da retención de contaminantes arrastrados pola escorrentía, e, mellorar a paisaxe urbana e a biodiversidade.
Os SUDS presentan diversas formas: alxibes, cubertas vexetais, pavimentos permeables, alcorques estruturais, xardíns de choiva, cunetas vexetais, balsas de detención ou infiltración, humidais artificiais, estanques… E, os SUDS forman parte dunha rede ampla e innovadora de solucións impulsadas polas institucións europeas e está aliñada cos obxectivos de sustentabilidade que as Nacións Unidas estableceron para o cumprimento da Axenda 2030.
Os SUDS son sistemas que permiten facer fronte aos problemas de escorrentía provocados polo exceso de choiva e a crecente impermeabilización das cidades e os municipios, que, ademais de amortecer os seus efectos e reducir o risco de inundacións, melloran a paisaxe urbana e a biodiversidade.
Trátase en definitiva de apostar e facer fronte a unha crise global, como a climática, que ten grandes implicacións no local.