Dá a impresión de que o vello esquema freudiano, segundo o cal a tiranía das instancias morais funcionalmente exercida a través dos sistemas educativo e familiar, ten as horas contadas. A autocontención dun abandono ao principio do pracer non parece responder as demandas de produción das subxectividades no marco do capitalismo de consumo. O marco normativo non só desapareceu do horizonte das sociedades actuais, senón que, é máis, é mesmo reprobado desde instancias económicas e políticas, e, cando desde estas instancias a este se apela xa todo o mundo sabe que é retórica baleira. O anómico transformouse en nómico e o nómico en anómico. Con todo, conviría interrogarse se este desmantelamento do nómico favorecería unha auténtica liberación dos suxeitos respecto dos mecanismos de represión ou se, pola contra, provocaría a aparición de novas formas de represión máis sutís. Quizá o asunto clave radique en como valorar as consecuencias desatadas no plano dos costumes por mor da inflexión suposta pola xeración chamada sesentaeoitista. Quizá o equívoco fose a identificación da liberdade cunha liberación a secas dos costumes morais. Unha identificación que achandaría a lexitimación de novas estratexias de dominación no capitalismo tardío. De que serve matar o pai, a aquel que ten que dicir “non”, sen decatarse de que tras este “non” estivo sempre e está o Gran Pai, é dicir, a alianza entre o Estado e o Capital ao servizo da construción do eu? A identificación antedita é a que pode conducir a outra, a saber, que ser libre é chegar a satisfacer un desexo en grao sumo peregrino, sen outra lóxica que a de pasar o límite do “non”. Todo isto colleu co pé cambiado non só á psicanálise, senón tamén aos sistemas familiar e educativo que, como consecuencia do anterior, agora están deseñados para facer a xente feliz, non para traumatizala. O desafío dun novo discurso liberador tería que facer ver que este programa responde a un novo modelo de produción de subxectividades fiel aos reclamos do Gran Pai. Teno complicado, senón imposible, porque se o desexo está satisfeito, para que cuestionar nada, se isto propiciaría unha crise existencial, unha fenda na orde de significados instituídos? A día de hoxe unha tarefa titánica cunha peaxe demasiada cara e un beneficio ínfimo. O marxismo é fillo dunha sociedade da carestía, ten un difícil encaixe na sociedade da bonanza. E todo funciona, ou vai funcionando, ata o momento no cal a bulimia do desexo se dá de bruzos coa realidade, descubríndose que ese impasse liminal, esa gozosa e aparentemente libre felicidade, non é ilimitada, que o útero económico-político do capitalismo tardío non era outra cousa que unha burbulla fantasmagórica que tarde ou cedo estala. Aínda que nisto, como en todo, tamén hai clases. Unha vez que estale o suxeito damnificado pedirá contas ao rei, pero, como é lóxico, non achará resposta. A prolongación da entrada na madurez estendeuse enormemente nos países da órbita occidental. Mentres tanto a realidade non foi outra cousa que un continuo cantaruxo de sereas tecno-dixitais chamando ao cumprimento do desexo no marco dun espectáculo xeneralizado. Emporiso a realidade acaba sempre gañando a loita aos espellismos ficcionais. Igual por aí temos algunhas chaves de tanto diagnóstico psicopatolóxico xuvenil.