Orgullo Galego é o nome dun dos proxectos máis destacados, dende hai unha década, na creación de contidos dixitais en galego. Conversamos cun dos seus impulsores, Borxa Castro, sobre un proxecto que medrou e mudou moito nestes anos, sempre con Galicia e o galego no norte.
Orgullo Galego é un proxecto veterano. Se non me equivoco xa levades unha década de actividade.
Orgullo Galego naceu en xuño de 2016 no Facebook. Naquel momento a idea inicial era un pouco distinta ao que acabou sendo. Era unha conta de Facebook na que buscabamos dar a coñecer un pouquiño as actividades e todo o que facíamos no campo cultural e social, e tamén a experiencia das redes sociais. Eu investigo todo o que ten que ver coa nosa cultura, historia e tradicións, e quería levar todo iso a unha páxina.
E en galego.
Sobre iso non houbo nin debate. Non tivo un motivo concreto, simplemente era o noso idioma e fixémolo en galego. Buscabamos divulgar no noso idioma cuestións de cultura, de actualidade, sobre tradicións, lingüísticas… E todo naceu en Facebook, aínda que posteriormente fomos abrindo novas redes e unha web.
En que redes estades agora?
En Facebook e Instagram, en dúas canles de mensaxería -Whatsapp e Telegram-, en Youtube, en iVoox e Spotify para os podcast, e na nosa páxina web, que ten tamén unha renda online. E a maiores temos X, TikTok e Bluesky, pero con menos uso. O máis utilizado son o Facebook, o Instagram e os podcast. Fomos abrindo novas redes sociais a medida que vimos que o proxecto gustaba e tiña alcance, que xeraba interese. Máis do que agardabamos inicialmente. Iso axudounos a chegar a novos públicos. E aí empezamos a xerar contidos propios: podcast, artigos, audiovisuais…
Ademais de ser un dos proxectos máis antigos en galego, debedes de contar coa comunidade máis numerosa.
É difícil calcular os seguidores únicos, pero entre todas as redes andaremos en torno aos 520.00 máis ou menos. En Instagram, a principal agora mesmo, andaremos polos 180.000. E uns 264.000 en Facebook. É unha cifra moi grande que nos permite chegar a un público amplo, a pesar dos problemas co algoritmo.
Dá a impresión de terdes moito engagement fóra da propia Galicia. Por exemplo, na diáspora e os seus descendentes.
Historicamente tivemos moito alcance en Arxentina, no que se refire a fóra do Estado. Agora a cousa foi mudando e medramos en Portugal, con Arxentina terceira e Brasil cuarto, e despois países con comunidades galegas como Suíza, o Reino Unido ou Venezuela. Agora mesmo da lusofonía temos unha cifra importante, ao mellor 20.000 seguidores. En Portugal medramos moito este ano, tamén porque estamos facendo divulgacións de aspectos históricos e de interese a ámbolos lados da raia.
Cantas persoas formades parte de Orgullo Galego?
Somos dúas persoas, Anxo Sánchez e mais eu. Anxo ten o seu propio traballo e colabora con cousas da web, a tenda online, a facturación… Quen se dedica ao proxecto coa sorte de poder vivir del e traballalo a diario son eu.
Debedes de ser dos poucos proxectos en galego que chegaron á profesionalización total.
Durante a pandemia rematei no meu anterior traballo e, vendo que o proxecto medraba e que a única forma de mantelo a longo prazo e asumilo era intentar profesionalizalo, demos este paso en marzo de 2021. Os comezos foron duros, pero permitiume dedicarlle o tempo necesario. Agora facemos moitas cousas: alén da tenda, temos presenza en feiras de artesanía, impartimos charlas en institutos, elaboramos proxectos audiovisuais, publicacións en redes… E en marzo deste ano fixemos cinco anos neste novo modelo. De momento hai moi poucos creadores, dous ou tres, que vivamos disto, son casos excepcionais. E no noso caso non vivimos directamente das redes sociais, a base do noso proxecto non son os ingresos por visualizacións. Son a tenda online, colaboracións con empresas, colaboracións con institucións… Pero vexo que se vai asentando a posibilidade de que máis xente poida vivir dos seus proxectos nalgún momento.
En que andades metidos agora mesmo?
Pois ademais de impulsar a nosa tenda, estamos metidos en proxectos como unha investigación coa Sociedade Antropolóxica Galega que me permitiu o ano pasado visitar varias zonas, en Arxelia, do deserto do Tassili, do Sáhara, nunha investigación interdisciplinar onde coñecemos o patrimonio e a cultura tuareg, descubrindo mesmo as semellanzas co megalitismo peninsular. Sobre iso estase traballando nun documental. Tamén elaboramos cadernos, libros, un podcast, os contidos en redes… E como che dicía, dende hai catro anos damos charlas en centros de ensino, tanto sobre o galego en redes sociais como sobre tradicións galegas: San Xoán, Os Maios, Entroido… Sobre isto demostramos que as redes sociais poden servir para difundilos, pero tamén estamos preparando cadernos dixitais. E o ano pasado desenvolvemos o proxecto sobre o Reino de Galicia coa antropóloga Lidia Mariño e a Deputación da Coruña, en concreto sobre as lendas e crenzas do reino e a figura de Martiño de Dumio. Agora mesmo traballamos pensando no vindeiro ano, con proxectos do campo antropolóxico en fase de preparación. E tamén estamos facendo colaboracións con outros creadores, como David do podcast Descifrando a Historia. E despois está a web, que a fortalecemos cos contidos de redes, e a newsletter. Esta permítenos reforzar a nosa comunidade sen depender do algoritmo.
Con todo o que facedes por difundir a nosa tradición tanto fóra do país como nos lugares do mesmo onde máis se perdeu, sentídesvos embaixadores da cultura galega?
É unha palabra moi grande, pero si buscamos comunicar a cultura galega e as “novas culturas”, como se adapta ás novas realidades, tanto en Galicia como fóra. E o noso impacto no mundo urbano galego permítenos dar a coñecer aspectos da cultura e as tradicións que se están a perder na globalización. Sempre amosando a cultura como un ente vivo, non un fósil. Na nosa humildade opinión estamos colaborando a difundir aspectos do San Xoán ou do Entroido. Queremos seguir afondando nesa parte antropolóxica e na relación con outras culturas, tamén as minorizadas. Esa parte vai ter bastante peso nos vindeiros tempos.








