A finais do pasado mes de outubro, aos 89 anos, morría Armand Mattelart, unha das personalidades fundamentais no espazo da teoría e crítica da comunicación. De orixe francobelga, mantivo sempre unha especial relación co espazo iberoamericano. Non se me ocorre cousa mellor para honrar a súa memoria que percorrer a súa fecunda obra en apenas cinco escalas, que aspiran a actuar coma estímulo para continuar a súa lectura.
UN
Para leer el Pato Donald (1971), obra escrita e publicada por vez primeira en castelán, en cooperación co chileno Ariel Dorfman, foi o meu primeiro contacto con Mattelart. Se uns anos antes Umberto Eco nos amosara, en Apocalípticos e integrados, que os produtos culturais dos mass media tamén podían, e debían, ser obxecto de análise e valoración estéticas, Mattelart e Dorfman, sen menosprezar esa dimensión, propuñan unha lectura crítica das tiras cómicas e debuxos animados de Walt Disney desvelando como, alén da aparencia de simples pasatempos inocuos para a diversión da infancia, vehiculizaban un poderoso discurso ideolóxico claramente comprometido cos obxectivos e valores do capitalismo. Despois desa lectura, endexamais puiden atopar gracioso ao detestable e avarento Tío Xilito.
DOUS
Mattelart era un colaborador do goberno de Salvador Allende cando se produciu o golpe de Estado pinochetista, auspiciado pola CIA. Ao seu regreso a Francia, el mesmo produciu e dirixiu un documental, La Spirale (1976), no que reconstruía todos os mecanismos, complicidades (dentro e fóra de Chile) e decisións que levaron a instaurar unha ditadura que freou a transformación socialista en marcha.
O seu marxismo foi un dos compoñentes dun complexo multidisciplinar orientado ao estudo da comunicación de masas, sempre atento aos fenómenos mediáticos que inflúen nos públicos populares.
TRES
No título da obra de 1971 facíase unha chiscadela ao Para ler o Capital de Althusser, lectura obrigada de todo militante de esquerdas da época. E si, Mattelart pronto abrazou o marxismo como referente teórico, mais, lonxe do ríspeto estruturalismo althusseriano, o seu marxismo foi un dos compoñentes dun complexo multidisciplinar orientado ao estudo da comunicación de masas, sempre atento aos fenómenos mediáticos que inflúen nos públicos populares. Así, en O carnaval das imagens. A ficçâo na TV (Ed. Brasiliense, 1989, 1ª edición francesa de 1987), escrito en colaboración coa súa muller Michèle, pon o foco nas series dramáticas brasileiras de televisión, salientando a dobre face deses produtos que tanto éxito tiñan, especialmente entre as espectadoras das clases populares: por un lado, ofrecen unha reconciliación coa súa propia cotiandade; por outra, inducen a unha conformidade cun estado de cousas que lles nega a opción de saír da súa situación de dependencia.
CATRO
En La publicité (1990) desenvolve unha impecable análise que amosa como o discurso da publicidade se foi apoderando do discurso comunicacional global: “O medre do poder das estratexias publicitarias no seo tanto do Estado como das colectividades locais non sinala só a formación dun mercado profesional. Propón cuestións moito máis graves sobre a evolución dos nosos sistemas democráticos”. Porque a lóxica publicitaria, ao se impoñer tamén no debate social e político, contribuíu a que este debate non se resolva xa na apelación á razón e á reflexión senón no recurso “aos afectos e a formas de adhesión irracional”. Velaí un dos elementos cruciais na xénese das fake news e a posverdade.
CINCO
No limiar do novo século, Mattelart entrega tres estudos fundamentais arredor da noción de “comunicación” e a evolución histórica dos fenómenos comunicacionais: L’invention de la Communication (1994), Histoire des théories de la communication (1995) (de novo coa contribución de Michèle) e La mondialisation de la communication (1996). Sen pretender unha imposible síntese, interésame salientar como o marxismo (que en Mattelart nunca foi dogmático) se enriquece coas achegas de novas liñas de pensamento, nomeadamente as de Deleuze e Guattari. No epílogo que pecha L’invention…, acode a Guattari para advertir que cómpre ter en conta as “dimensións da máquina na produción de subxectividade” para comprender como “as máquinas tecnolóxicas de información e comunicación … operan no máis fondo da subxectividade humana”. Na era da “sociedade da información” xa non é posible reducir á cuestión da democracia política ao simple exercicio libre da vontade, como difunde o neoliberalismo, senón poñer o acento no “dereito a dominar o proceso de formación desa vontade” (palabras coas que se pecha a Histoire …). Nas tres obras denúnciase a progresiva perda de influencia dos discursos emancipadores, afogados polo poder sobre os medios de comunicación do complexo empresarial neoliberal que impón esa “mundialización da comunicación” na súa expansión globalizadora.
Armand Mattelart proseguiu aplicando a súa ollada lúcida sobre o estudo dos medios de comunicación no que levamos de século. Botaremos de menos a súa voz.





