A intelixencia artificial (IA) está a se desenvolver cunha celeridade tal que ameaza con arroiar a reflexión necesaria para analizar o seu impacto e establecer regulacións que reduzan os seus riscos. Recentemente saltaron as alertas de responsables dos proxectos de grandes compañías tecnolóxicas, bos coñecedores do estado da cuestión, sobre os riscos dunha IA que progresa vertixinosamente e que podería estar autonomizándose, tomando as súas propias decisións, o que se perfila como unha ameaza para os humanos.
Sen dúbida, urxe establecer controis sobre o alcance e a autonomía que adquira a IA. Alén disto, aquí queremos apuntar outro aspecto, menos debatido nos medios, pero tamén perentorio: como regular a expansión da IA co fin de non comprometer unha sustentabilidade ambiental e social, sen a cal a estabilidade da nosa sociedade tamén estará ameazada. Necesitamos visualizar, con moita transparencia, as externalidades que o despregue da IA xera, os beneficios que rende e as formas posibles de modular a súa evolución. Isto é, abrir o debate sobre a repartición de cargas, sobre os ritmos do seu desenvolvemento, sobre a regulación adecuada para que a súa expansión sexa compatible cos obxectivos climáticos e ambientais que temos formulados e para que sexa socialmente máis xusta.
Segundo a información da Axencia Internacional da Enerxía, un CD de IA pode superar o consumo de electricidade duns 100.000 fogares.
É un feito que a IA dispara a demanda de recursos naturais, consume cantidades inxentes de enerxía e auga. É así que sen marcos reguladores adecuados se comprometen os obxectivos da transición enerxética e de sustentabilidade ambiental, tal e como están formulados no contexto europeo. En concreto, os proxectos de novos centros de datos (CDs) – infraestruturas que son a columna vertebral da IA- están a proliferar de forma vertixinosa, aumentando con iso a presión sobre os sistemas enerxéticos e hídricos dos lugares nos que se asentan. A ONU advirte de que a construción acelerada de CDs a gran escala se está decidindo, ademais, nun contexto marcado pola falta de transparencia, sen os marcos regulativos que amortezan o seu impacto local. Segundo a información da Axencia Internacional da Enerxía, un CD de IA pode superar o consumo de electricidade duns 100.000 fogares; ademais, espérase que a demanda mundial de auga asociada á IA en 2027 rolde os 6.600 millóns de m³, cantidade que supera a extracción total de auga de moitos países.
España conta cunha Estratexia de Intelixencia Artificial que estima uns 2,5 GW de potencia de computación en 2030, pero as solicitudes de permisos para a instalación de CDs superan varias veces ese obxectivo. De aí a urxencia de establecer o marco de regulación do que sería un desenvolvemento da IA máis sostible ambiental e socialmente. Aquí está a cuestión: como ordenar un crecemento considerado estratéxico -aspecto que non se pon en dúbida-, pero que ten efectos potenciais sobre a rede eléctrica, a produción de enerxía e os recursos hídricos locais que haberá que acoutar.
A nova normativa afectará aos CDs de máis de 1 MW, que deberán acreditar no seu proxecto que son capaces dunha xeración de enerxía renovable que cubra polo menos o 80% do seu consumo eléctrico, hora a hora, en consonancia cos estándares europeos de eficiencia hídrica e enerxética máis esixentes.
Neste contexto, o Goberno lanzou en agosto a consulta pública o proxecto de Real Decreto que define as condicións para a instalación e expansión de CDs no noso territorio, e que, atendendo os obxectivos de descarbonización, eficiencia enerxética e soberanía dixital, busca o menor impacto ambiental e unha mellor distribución das cargas económicas que supón atender a dixitalización.
A nova normativa afectará aos CDs de máis de 1 MW, que deberán acreditar no seu proxecto que son capaces dunha xeración de enerxía renovable que cubra polo menos o 80% do seu consumo eléctrico, hora a hora, en consonancia cos estándares europeos de eficiencia hídrica e enerxética máis esixentes. Establécense tamén requisitos de eficiencia hídrica para optimizar o uso da auga e reducir o seu impacto sobre as reservas de auga dos territorios que acollen a instalación, zonas que en moitos casos están expostas ás secas derivadas da emerxencia climática.
A demanda de enerxía dos CDs pode comprometer, ou mesmo desbordar, a folla de ruta da transición enerxética que está en marcha no país e que está a lograr unha xestión enerxética modelo en Europa.
Sectores conservadores da política e da economía, coma sempre que se fala de regulación e de políticas ambientais sostibles, critican as esixencias mencionadas que pretenden limitar a demanda de enerxía e auga, esgrimindo que se desincentivará aos investidores e promotores internacionais dos servizos da IA que buscan asentar as súas infraestruturas no noso país. Obvian que unha concesión xenerosa de permisos, con menos requisitos como defenden, supoñería unha gran tensión sobre a rede eléctrica e a produción de enerxía, que ben podería comprometer o abastecemento do consumo residencial e industrial local. E que, en todo caso, obrigaría a investimentos públicos considerables para cubrir a reorganización do sistema enerxético necesario para soportar as demandas dunha proliferación de CDs; uns costes que pagaríamos todos, máxime se temos en conta que as grandes tecnolóxicas gozan dunhas taxas fiscais moi baixas. É necesario, logo, modular este crecemento para mitigar o seu impacto na rede eléctrica rexional, para evitar que repercuta no abastecemento e no prezo deste recurso para a poboación e para outros ámbitos da economía e a industria locais. É máis, a demanda de enerxía dos CDs pode comprometer, ou mesmo desbordar, a folla de ruta da transición enerxética que está en marcha no país e que está a lograr unha xestión enerxética modelo en Europa. Por non mencionar que estas instalacións non xeran apenas postos de traballo nin supoñen riqueza para a poboación local.
Outro tipo de obxeccións ao Decreto refírese á esixencia de “enerxía renovable”, e non simplemente enerxía “limpa”. De aceptarse esta obxección, abriríase a porta á xeración de enerxía nuclear –cualificada de limpa porque non emite CO2- como fonte para atender esta demanda inxente de electricidade da IA. Isto é, con esta formulación aválase atrasar o peche das centrais nucleares que temos programadas e requiriríase, sen dúbida, a ampliación desta produción de enerxía no futuro. Noutros momentos xa falamos dos custos reais da enerxía nuclear, do impacto dos residuos e a tensión que existe acerca de quen paga a factura da construción, do desmantelamento final das centrais e do tratamento dos materiais radioactivos.
En definitiva, a expansión da IA ten unha enorme pegada ecolóxica e uns grandes custos sociais, que serán maiores se o seu desenvolvemento é desordenado, nun contexto de presión cara unha crecente liberalización. Por iso, en tempos de eleccións, non é posible obviar avaliar as propostas políticas neste campo. É preciso ter claro quen cuestiona e quen non o principio de privatización de beneficios e socialización de custos.





