Se existen dous polos que actúan como potenciais disparadores de mobilizacións masivas, ou polo menos especialmente numerosas, en Galicia probabelmente sexan a ecoloxía e a política lingüística. Se botamos a vista atrás e ollamos para as últimas décadas, estes dous elementos -lingua e medio natural- están case sempre por tras das grandes manifestacións ou de ciclos de protesta sostidos no tempo. Por suposto, nun país cunha forte tradición de pancarta, estes dous campos non son únicos, pero si constantes. A última gran mudanza política na Xunta de Galicia non podería entenderse sen o ciclo de mobilización e desgaste partidario para o Partido Popular que supuxo a catástrofe do Prestige, complementada cun forte impulso dun Partido Socialista que acaba de substituír ao PP en Madrid tras oito anos de aznarismo traxicamente rematados cuns espantosos atentados islamistas. Á súa vez, a última campaña electoral en Galicia desenvolveuse pouco tempo despois da crise dos granulados que, se ben non foi un novo Prestige, evocou imaxes daquela marea negra e mesmo provocou unha masiva manifestación en Compostela poucas semanas antes dos comicios. O cambio político, pero tamén a continuidade, son fenómenos que se suceden, diríase, entre manifestación e manifestación.
Palas de Rei foi escenario da máis recente mobilización multitudinaria neste campo. O proxecto de celulosa de Altri, máis cuestionado canto máis se foi coñecendo, xuntou 20.000 persoas, segundo a organización, manifestándose nun concello que non chega aos 4.000 habitantes. Os accesos a Palas foron case imposíbeis durante toda a mañá do domingo 26. Rexistrábanse retencións dunha hora en tramos que decote non chegan a 15 minutos. Unha riada de coches e autobuses de todo o país converxeron sobre Palas. Un mar de xente en terras do interior. Pancartas, carteis e cánticos que expresaban o mesmo sentir: o rexeitamento a unha nova industria que parece non compensar custos con beneficios. De entre os máis de 40 buses que chegaron a Palas, moitos viñan da costa, de rías como a de Arousa onde desemboca o Ulla e cuxos habitantes temen o efecto da fábrica sobre o río que asolaga o seu mar. Un quilómetro de manifestación non foi dabondo para acoller tantas persoas: cando chegou ao seu destino, na Praza da Feira, aínda a maior parte da comitiva non abandonara o punto de saída no polígono industrial.
As reaccións chegaron axiña. O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, defendeu as bondades do proxecto nun dos principais xornais de Galicia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tirou do manual de comunicación de crise que herdou do seu antecesor, Alberto Núñez Feijoo: escrupuloso respecto polos asistentes -cada quen é libre de perder o domingo como queira, pareceu querer dicir-, alusións á suposta falsidade das afirmacións dos ecoloxistas sobre Altri e, por suposto, a acusación dunha “intencionalidade política” por detrás da convocatoria. Non cambiou unha coma.
A oposición, mentres, afronta con desigual espírito este ciclo de mobilización. O BNG apóiaa, coa presenza na mobilización de Ana Pontón e da candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda. Tamén Sumar (con Marta Lois e Juan Díaz Villoslada) e Podemos (con Isabel Faraldo) quixeron sumarse á manifestación. O PSOE ten unha posición máis ambigua. Cargos do partido, como a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, ou os portavoces municipais da propia Palas de Rei e de Monterroso, Ana Corredoira e Antonio Gato, estiveron presentes. O líder galego dos socialistas, Xosé Ramón Gómez Besteiro, tardou algo máis en posicionarse. Non foi ata o martes que afirmou que o proxecto non lle gusta polos sucesivos cambios que se foron coñecendo sobre o plan orixinal. Porén, foi unha afirmación o suficientemente calculada como para deixar a porta aberta a que os socialistas defendan a instalación de Altri en Palas de Rei se esta se axusta á normativa ecolóxica.