Saín de ver dúas películas imitando a frase de Asterix e Obelix, os dous irredentos galos: “Están tolos estes americanos”. Porque agora, ben se sabe (e, para quen o dubide, o novo emperador laranxa llelo lembra diariamente), o Imperio é americano.
Unha desas películas está estes días de nova actualidade: Una batalla tras otra acaba de arrasar nos Globos de Oro e postúlase como favorita para os Oscar. A outra é Eddington. Que teñen en común estes dous filmes, para provocarme a mesma reacción? O primeiro é dirixido por Paul Thomas Anderson, recoñecido, dentro da produción USA, como próximo ao cine “de autor”; o segundo polo moito máis novo Ari Aster, considerado un especialista no cine de terror. Os dous contan no seu reparto con estrelas (Brad Pitt, Sean Penn, Benicio del Toro en Una batalla…, Joaquin Phoenix e Pedro Pascal en Eddington) que constrúen os seus personaxes nunha clave excesiva e caricaturesca. Os dous poderían ser conceptuados dentro do xénero da comedia, nunha variante próxima á parodia política. E, si, tamén teñen algo os dous filmes do xénero de terror, cunha visión paranoica da sociedade estadounidense, na que o único que semella unir á cidadanía é unha desconfianza patolóxica respecto de todos os demais e a certeza de que o fogar propio está sempre ameazado por un perigo que vén de fóra. Os grupos que se acaban formando son colectivos reactivos que se moven tan só polo odio respecto dos outros. Polo demais, as diferencias son notables.
O arco espacial e temporal que describe Eddington circunscríbese a unha pequena cidade do Medio Oeste e a uns poucos días durante a primeira presidencia de Trump, nun período moi concreto: o confinamento durante a pandemia de Covid, cando as teorías conspiranoides se multiplicaron. Un microcosmo, representación condensada de todos os excesos da sociedade estadounidense que acababa de abrazar ao monstro laranxa como líder político. Una batalla…, seica moi libremente inspirada na novela Vineland de Thomas Pynchon (eu non a lin), esténdese a través de case dúas décadas por varios puntos dos Estados Unidos. Mais o que definitivamente unifica aos dous filmes é que resulta imposible atopar alguén con quen empatizar entre os personaxes e grupos que ocupan a pantalla perseguindo ou fuxindo, tentando mataren ou non seren matados, proclamando histrionicamente grandes ideais ou deseñando secretamente plans para restaurar as vellas xerarquías raciais (si, en Una batalla… a conspiración existe, personificada nunha parodia do Ku Klux Klan que daría risa se non tivésemos tantos datos para pensarmos que, se cadra, a realidade non anda moi lonxe da parodia).
Un non pode deixar de preguntarse: será posible que nese enorme país non existan individuos e grupos capaces de pensar racionalmente e actuar segundo fins morais e ideais políticos que superen os slogan baleiros copiados do universo publicitario? Porque tamén os grupos que se opoñen ao poder aparecen debuxados como ridículos e histéricos, cando non reducidos a descerebrados (e descerebradas!) terroristas. A min só se me ocorre un personaxe que escapa desta desolada unanimidade: o tranquilo e metódico instrutor de artes marciais interpretado por Benicio de Toro (tamén en modo paródico, claro), que axuda e protexe aos inmigrantes que cruzan a fronteira. O sensei Sergio San Carlos (nome do personaxe) como variante da dupla Asterix e Obelix. E isto lévame a un terceiro, e magnífico, filme dos anos 90: Lone Star (John Sayles, 1996). Nel, se a memoria non me engana (non puiden confirmalo mediante unha revisión), nun bar fronteirizo hai unha conversa na que alguén sinala a evidencia de que no exército USA a maioría dos soldados xa deixaron de ser americanos brancos e anglosaxóns, son negros e inmigrantes da “outra” América. Quizais, tal como algúns historiadores dos últimos anos do Imperio Romano sinalaron respecto das causas do seu colapso, sexa ese o inicio da inminente caída do Imperio Americano. A invasión dos bárbaros non vai chegar de fóra porque os “bárbaros” xa están dentro.





