Ben se podería dicir que, no cine USA, Woody Allen é o prototipo de intelectual. Non hai dúbida de que o seu atractivo para as mulleres, nas películas por el protagonizadas, ten moito que ver coas súas habilidades no eido do intelecto: coñecementos culturais, citas enxeñosas, capacidade dialéctica. Como exemplo paradigmático, Play It Again, Sam (en España, Sueños de un seductor, Herbert Ross 1972), onde o protagonista, interpretado por Woody Allen (autor do guión e da obra teatral que o filme adapta), é un crítico de cine, namorado da muller do seu mellor amigo, que idolatra a memoria do Humphrey Bogart de Casablanca, a quen pretende imitar e só consegue mal parodiar. Pero, finalmente, o que non obtén coas artes do home duro acádao co seu enxeño. Esa mesma figura repítese, atenuando o lado paródico, nas magníficas Annie Hall (1977) e Manhattan (1979), estas xa escritas e dirixidas polo propio Allen. É dicir, un homiño baixiño, fráxil e feo, absolutamente antagónico dos actores (e personaxes) estrela dos filmes de éxito, conquista á moza da película pola súa rapidez mental e dialéctica, para a cal dispoñer dunha boa bagaxe cultural é un factor clave. Sen esquecer que na segunda non falta un lado escuro que no afastado 1979 apenas suscitou ningunha reacción pero que, tralas denuncias de Mia Farrow e dous dos seus fillos (denuncias non consideradas probadas en sede xudicial), cobra hoxe un desacougante sentido: ese xa maduro profesor (o propio Woody Allen) que seduce a unha adolescente Mariel Hemingway.
En todo caso, de novo o esquema do intelectual depredador sexual que xa vimos na entrega anterior coas adaptacións dos filmes de Philip Roth. Pero, é realmente o Woody Allen director de cine, creador total (tamén guionista e intérprete), un auténtico intelectual USA? Poderiamos lembrar o que o propio Allen ten dito repetidamente: que só a recepción europea ás súas películas lle permitiu seguir facendo cine, porque Hollywood nunca confiou nel. Poderiamos, logo, salientar isto e concluír: en realidade Woody Allen é máis un intelectual europeo (admirador do cine de Fellini e Bergman) ca un intelectual USA. Mais é realmente Woody Allen un intelectual á europea? Cre realmente na cultura europea coma un Henry James ou un T. S. Eliot, que abandonaron América para se instalaren en Gran Bretaña porque non atopaban no seu país o marco cultural por eles procurado? Comezando polo segundo, aínda que as últimas películas de Allen son películas “europeas”, filmadas en Europa con cartos maioritariamente europeos, adoitan ser un simple transplante dos filmes neoiorquinos, coa torre Eiffel ou o parque Güell como simples postais turísticas. E, en canto acaba de rodar, coma é ben sabido, marcha a escape de volta ao seu amado Manhattan.
Poderiamos lembrar o que o propio Allen ten dito repetidamente: que só a recepción europea ás súas películas lle permitiu seguir facendo cine, porque Hollywood nunca confiou nel.
Mais, sobre todo, atendendo á primeira das preguntas, non faltan nos seus filmes (e en non poucas declaracións en entrevistas) un distanciamento de toda pretensión cultural que por veces roza o menosprezo da “alta cultura”. Así, como interpretar a desapiadada crítica da pedantería da intelectualidade neoiorquina en Small Time Crooks (Granujas de melo pelo, 2000)? Mais, sobre todo, que dicir desa parodia definitiva sobre o “cine de autor” que é Hollywood Ending (Un final made in Hollywood, 2002), onde o director de cine Val Waxman (un Woody Allen que é, non un alter ego, senón o propio Woody Allen como quizais nunca antes) queda cego mentres roda a película que lle debe devolver o recoñecemento que lle negan os estudos de Hollywood, e continúa rodando ocultando á produtora a súa cegueira? O resultado é un filme incomprensible, que é un fracaso en Estados Unidos… pero un éxito en Europa! “Grazas a Deus existen os franceses”, exclama agradecido Woody Waxman. Ou dito doutro xeito: aínda que fixera cine a cegas, eles, os franceses, os europeos, seguirían aplaudindo o meu cine.
Mais, despois deste percorrido escéptico sobre Woody Allen e a intelectualidade, vou rematar cun estupendo gag de Everyone Says I Love You (Todos dicen I love you, 1996), aquel no que un matrimonio de liberais demócratas descobre horrorizado que o seu fillo ten ideas conservadoras e quere votar aos republicanos. Mais todo se explica cando é operado dun coágulo no cerebro e recupera a saúde e, con ela, o bo criterio político. Quen puidera sandar os Estados Unidos da doenza trumpista cunha simple operación cirúrxica!