[Alén dos espellos] Tres momentos da memoria

Dúas películas (La virgen roja, Paula Ortiz; Soy Nevenka, Iciar Bollaín) e unha serie de televisión (Las abogadas, Patricia Ferreira, TVE 1) coinciden en ofrecer unha visión sobre tres momentos da historia de España desde unha perspectiva que concede á muller o primeiro plano. A primeira das películas, co tráxico caso da moza prodixio Hildegart Rodríguez, asasinada pola súa nai e mentora Aurora Rodríguez Carballeira, trasládanos aos primeiros anos, cheos de entusiasmo e esperanzas, da Segunda República; a serie de televisión convídanos a seguir a traxectoria de catro amigas avogadas laboralistas (Manuela Carmena, Francisca Sauquillo, Cristina Almeida e Lola González) nos anos sesenta, aínda no franquismo, e concluirá coa sanguenta matanza de Atocha en xaneiro de 1977; o terceiro filme céntrase no mal chamado “caso Nevenka” (debería chamarse “caso Ismael Álvarez”), primeiro xuízo por acoso sexual que se resolveu, no ano 2002, con sentencia condenatoria contra o daquela alcalde de Ponferrada, mais tamén cun alto custe para a vítima e acusadora, que sufriu un revelador rexeitamento social.

Son tres producións audiovisuais ao meu xuízo moi recomendables pola súa notable factura estética, aínda que non vai ser este aquí o meu enfoque. Interésame salientar esta tripla ollada sobre a prolongada loita polos dereitos da muller, porque o cuestionamento da memoria desa loita é un dos eixos da “guerra cultural” que a dereita e a ultra dereita veñen impulsando. É ben sabido que nesa fronte sempre teñen visto como un inimigo a abater aos creadores e creadoras audiovisuais españois, como acontece tamén nos Estados Unidos (faro inspirador nesta guerra), onde Trump e os seus ideólogos consideran a Hollywood un lugar hostil aos seus intereses.

Resulta ben curioso observar como neste punto o patriotismo da dereita deixa de exercerse: Almodovar, premiado en Cannes e en San Sebastián, é visto como un “anti–español”, e en xeral o cine made in España é sospeitoso de conivencia cos discursos da esquerda, pouco importa que como consecuencia dese reiterado ataque a débil industria cinematográfica española poida verse aínda máis debilitada. Probablemente Paula Ortiz, Iciar Bollaín e Paula Ferreira pasarán a formar parte, se non o formaban xa, dese listado de inimigos culturais a abater, por amosar que o feminismo, tan deostado polo discurso das novas dereitas, tivo unha difícil xénese e está aínda lonxe de completar o seu programa a prol dos dereitos da muller.

Ver á brillante Hildegart botando en cara aos líderes do PSOE republicano que as mulleres están sendo violadas e asasinadas sen que ese terrible problema ocupe o menor lugar no seu programa; á avogada Almeida descubrindo que non pode poñer unha denuncia sen autorización do seu marido, porque no franquismo as mulleres eran suxeitos absolutamente dependentes; á moza Nevenka que ela, a vítima, era a culpable a ollos da maioría social, isto apenas hai vinte anos, xa en plena democracia…, todo iso contribúe a desmontar tanto o branqueamento do réxime franquista ao que vimos asistindo desde hai anos, como a pretensión de que os dereitos da muller xa están definitivamente consolidados, polo que o feminismo teríase trocado nun movemento de esixencia de privilexios.

Volvo, como remate, á figura de Hildegart e da súa nai dadora de vida e de morte, porque me parece atopar aí unha poderosa e tráxica metáfora das pulsións autodestrutivas da esquerda: ese modo en que o propio proceso de construción dun ideal utópico (a súa propia filla, no caso de Aurora, destinada a actuar como axente vicario da súa vontade de cambio social) se torna en xustificación da súa destrución cando se afasta da “perfección” do ideal. Non é esa a historia de tantos desvaríos nos que ten incorrido a esquerda?