Leo nun xornal provincial un artigo dun xornalista, cuxo nome prefiro esquecer, sobre a actriz transexual Karla Sofía Gascón. Resumo: o “caso” Karla Sofía Gascón sería o exemplo perfecto do uso pro domo sua da liberdade de expresión por parte da esquerda woke; elevada a icona venerada mentres figuraba como representante do grupo oprimido trans dentro do movemento LGTBIQ+, cando se descubriu as súas mensaxes con contidos contraditorios coa “dogmática” progre, foi descabalgada do seu pedestal e cancelada. Conclusión: o puritanismo woke, identificado co pensamento de esquerdas, é unha forma de orweliana policía do pensamento, ou o que é o mesmo, unha proba de que os gobernos de esquerda (e aquí o goberno de Sánchez aparece como inmediato obxectivo a atacar) reprimen a liberdade.
Este discurso é usado pola extrema dereita, e unha parte da dereita autodefinida como moderada, para unha dobre operación que sen dúbida lles está dando os seus bos réditos. Por unha parte, apodéranse da palabra “liberdade”: que todo o mundo diga o que pensa, nada de pretender administrar as mensaxes nas redes sociais eliminando falsidades manifestas e discursos de odio; velaí Elon Musk e a nova X, antes twitter. Por outra, non teñen empacho en censurar eles as mensaxes previamente identificadas como pensamento de esquerdas; véxanse as intervencións de depuración de libros nas bibliotecas públicas tanto en USA coma entre nós, alí onde Vox conseguiu espazos de poder para facelo.
[A extrema dereita] non ten empacho en censurar as mensaxes previamente identificadas como pensamento de esquerdas.
É a xogada perfecta desta guerra cultural na que por veces semellan ir gañando. Primeiro descualifícase á esquerda, mesmo a máis moderada socialdemocracia, como inimiga das “liberdades” e polo tanto contraria á democracia, ao tempo que se baldeira de todo valor positivo ás ideas que se lle atribúe (feminismo, LGTBI, anti-racismo, políticas de igualdade). Logo, xustifícase calquera represión ou mesmo prohibición da difusión deses valores como defensa dos auténticos valores do “pobo”, isto é, dunha maioría social conservadora erixida como modelo de vida a defender.
Nesta novísima versión da guerra pola hexemonía, a lectura deturpada da concepción gramsciana por parte dos ideólogos ultras ameaza con derribar non só os avances en dereitos das minorías, conquistadas a partir dos movementos radicais do 68, senón tamén o consenso construído despois da Segunda Guerra Mundial; velaí temos á dupla Munsk – Vance defendendo os neofascistas alemáns e dando leccións de “democracia” á Unión Europea.
É absurdo negar valor á actuación dunha actriz, que ata onte se a consideraba merecedora do máis alto recoñecemento, tras coñecer hoxe que difundiu ideas racistas.
Mais, se cadra, desde a perspectiva das esquerdas, podería ser máis útil preguntarse que parte do que ela fixo mal puido facilitar esta deriva. Paréceme evidente que, no xusto combate a prol dos dereitos das minorías, se puido conformar certo puritanismo (puritanismo, si) dunha nova moral, erroneamente empeñado en garantir aqueles dereitos mediante unha perigosa expansión lexisladora. Mais, coa inxenua pretensión de que dese xeito se pode facer desaparecer os grupos que os negan, validaron que as dereitas xustifiquen decisións prohibindo discursos que consideran contrarios aos valores “maioritarios” (a familia heterosexual, a relixión tradicional, a sexualidade heteronormativa).
Como escapar desta perversa dinámica? Aquí acudo ás palabras de Spinoza, quen no seu Tratado Teolóxico Político argumentaba (alá polo século XVII!) que nunha república democrática non se deberían perseguir as palabras (as ideas, simplemente é imposible prohibilas, son sempre patrimonio individual), senón só os actos, ditame aplicable por igual ás ansias censoras da ultradereita como ás políticas da cancelación. É absurdo negar valor á actuación dunha actriz, que ata onte se a consideraba merecedora do máis alto recoñecemento, tras coñecer hoxe que difundiu ideas racistas. Iso si, que ninguén me negue tampouco a min o dereito de dicir que esas son ideas que non deberían ter cabida nun diálogo democrático. E que é ben lamentable que a “aldea global” teorizada por McLuhan acabe trocada en ruidosa taberna onde reinan os e as falabaratos mentres o intercambio de argumentos é cada vez máis escaso.