[Alén dos espellos] O problema sanitario no cine USA ou Mata ao malo mais non cambies nada máis

En 1997 Francis Ford Coppola estreou The Rainmaker (en España distribuída co título Legítima defensa). Non forma parte das súas obras mestras pero é unha película moi digna. É un drama xudicial no que David vence a Goliat: un mozo e inexperto avogado (Matt Damon), defendendo os intereses da familia dun doente de leucemia a quen a compañía de seguros médicos nega o transplante de medula que lle podería salvar a vida, derrota ao experto e caro equipo de avogados da aseguradora. Catro anos antes, no comezo da súa presidencia, Bill Clinton lanzou un cobizoso Plan de Saúde que se propuña garantir a atención médica universal a nivel federal, plan que se atopou coa oposición do partido republicano e unha agresiva campaña publicitaria promovida polas aseguradoras médicas e a industria farmacéutica. O plan de Clinton foi derrotado. É moi posible que moitos espectadores que se indignaron co caso da familia do doente de leucemia enganada pola compañía aseguradora foran votantes republicanos. En todo caso, en 2001 o republicano George W. Bush jr. substituíu a Clinton como novo presidente. A política sanitaria dos republicanos seguiu apostando pola medicina privada.

En 2002, Nick Cassavetes estrea John Q cun estelar Denzel Washington ao fronte do reparto. A película, frouxa na miña opinión, foi un rotundo éxito e provocou un vivo debate, de novo co tema das aseguradoras médicas privadas no centro. John Quincy, o personaxe que interpreta Washington, é un traballador que descobre que un cambio que el ignora nas condicións do contrato de seguro médico da súa empresa o deixa sen cobertura para afrontar o custosísimo transplante de corazón sen o cal o seu fillo morrerá irremediablemente. John Quincy, ou sexa John Q, decidirá buscar a solución pola vía máis habitual no cine USA, a violencia. Secuestra a persoal médico e a outros pacientes para esixir que o seu fillo sexa operado. A intervención da policía para detelo verase obstaculizada por manifestantes que corean ao secuestrador coma un heroe. Mais nin o éxito do filme nin o debate subseguinte tiveron a menor repercusión no cambio da política sanitaria nos Estados Unidos. Houbo que agardar ata a presidencia de Obama para que, non sen fortes resistencias, se aprobase en marzo de 2010 o chamado Obamacare, unha moi moderada reforma sanitaria que aspira a proporcionar asistencia sanitaria universal, sen apenas afectar aos intereses das poderosas compañías privadas de seguros médicos, os malos das películas.

E agora vén o estrambote. O 4 de decembro Brian Thompson, un alto executivo de United Healthcare, unha das empresas de seguros médicos máis poderosa dos Estados Unidos, era asasinado en pleno Manhattan. De contado aparecían nas redes sociais, e non só, múltiples mensaxes de apoio ao anónimo asasino, que revelaban o fondo malestar existente na poboación estadounidense contra este tipo de empresas. Días despois a policía detiña o asasino, que resultou ser un mozo fillo dunha familia acomodada que, por razóns menos graves que as que moveron a denuncia da familia do doente de leucemia ou a violencia de John Q (parece que Luigi Mangione, nome do presunto asasino, quéixase da mala atención recibida polas súas dores de costas), decidiu exercer un castigo exemplar. É doado presumir que moitos dos que hoxe aplauden ao asasino xusticeiro, hai apenas un mes votaron a favor de Trump, quen promete derrogar o Obamacare en canto comece a gobernar.

Seguro que hai comentaristas máis sagaces ca min que saben explicar estes (aparentes?) contrasentidos. Eu, polo momento, limítome a levantar acta.