Un semanario que se difunde a escala estatal xunto con varios xornais publicou este titular na súa portada: “Xa non é sexi ser culto?” Recollía as respostas de varias personalidades da cultura, case todas ben interesantes na súa diversidade (e obrigada brevidade). O que a min me chamou a atención é que aparentemente ninguén cuestionaba a premisa da pregunta, é dicir, que en efecto houbo un pasado en que ser culto constituía un atractivo engadido no exercicio das artes amorosas. Ou sexa: que o home culto ligaba máis e mellor có inculto. Son ben consciente de que, formulado así, isto implica un claro nesgo machista, mais, este si ten un longo e indiscutible pasado desde, por non retroceder máis, As mulleres sabias de Molière (1672), que pon en boca do pai das “sabias” o aviso de que as mulleres, no canto de querer saber filosofía, mellor que aprendan a coser, cociñar… e calar (o cal aínda recomendará Rousseau para a súa Sophie case cen anos despois).
Mais non vaiamos tan lonxe. Quedémonos no tempo do cine. Vou aceptar que si hai certa liña que podería levarnos desde Ma nuit chez Maud (Eric Rohmer, 1969) ata o último filme de Jonás Trueba (Volveréis, 2024), onde mozos e mozas despregan as artes de sedución mentres citan e ata len textos de, por exemplo … Sloterdijk!, que cómpre recoñecer que é un ben improbable recurso para ligar. A cousa é que esta liña me parece máis ben a excepción e non a regra na historia xeral do cine. E moi especialmente se miramos o discurso cinematográfico dominante, é dicir, o cine USA. Neste o que manda é notoriamente o que sen esaxeración poderiamos chamar un explícito anti-intelectualismo. Non é só que o ser culto non adoita implicar ningún mérito á hora de triunfar no amor senón que en moitos casos é un demérito. Vou exemplificalo con tres filmes.
En Mr Deeds Goes to Town (distribuída en España co título El secreto de vivir, Frank Capra, 1936), Gary Cooper é un home chegado dunha pequena vila rural, honesto e sinxelo, que case é devorado pola corrupta cidade. Mr Deeds (Gary Cooper) toca a tuba na banda da súa vila e escribe poemas para cartas postais de felicitación, pero rebélase cando descobre que a fortuna que vén de herdar se usa para financiar … ópera! Velaí temos a oposición cultura popular / alta cultura co seu notorio estrambote: a segunda só é unha afección de pedantes que teiman por impoñer o seu gusto ao pobo sinxelo. Por suposto, ao final o vilego é quen se leva a moza.
No cine USA manda notoriamente o que sen esaxeración poderiamos chamar un explícito anti-intelectualismo.
Segunda parada: En Big (Penny Marshall, 1988) un rapaz de 13 anos desespérase porque as rapazas non lle fan caso, prefiren mozos de máis idade e, por un extraordinario acto de maxia, convértese no que tanto desexa: faise maior dun día para outro mais… maior de corpo (un Tom Hanks de trinta anos) pero coa mesma mente preadolescente, carencia de desenvolvemento intelectual que lle vai conceder un inesperado atractivo coas mulleres.
Isto mesmo acontece co avogado que interpreta Harrison Ford en A propósito de Henry (Mike Nicols, 1991), a quen unha gravísima lesión cerebral converte, dun home ambicioso e corrupto, nunha persoa cunha grave incapacidade intelectual pero boa, o que lle permite recuperar o amor da súa muller. Velaí o dilema: só renunciando á ambición intelectual, o que implica tamén a ambición ao goce coa alta cultura, se pode ser boa persoa e aspirar a un auténtico amor. Os tres filmes escollidos expresan a mesma fonda desconfianza contra a aspiración intelectual que, paréceme, está ben enraizada na cultura popular estadounidense.
O que podería ser unha excepción non fai máis que confirmar o esquematismo anti-intelectual: varias novelas de Philip Roth foron levadas ao cine con diferente fortuna e en todas elas non hai dúbida de que o intelectual protagonista liga moito. Mais o carácter cínico de depredador sexual dese protagonista (La mancha humana, Robert Benton 2003; Elegy, Isabel Coixet 2008) ben se podería dicir que non fai senón confirmar o esquema: os intelectuais non son de fiar. E que tal Woody Allen como excepción? Se cadra, avalialo, ben merece outro espazo.