[Alén dos espellos] Cine e transexualidade

O filme Emilia Pérez, leva unha triunfal carreira que semellaba dirixida a acadar o seu cume cunha morea de Oscar (ten 13 nominacións). Un éxito tanto de crítica como de recadación, cousa que non é demasiado común. Mais, xa antes de que o caso das mensaxes nas redes sociais da actriz protagonista, a transexual Karla Sofía Gascón, puxese en perigo esa triunfal carreira, a rara unanimidade era rota por unha discrepancia de xuízo radical non menos rara. O lector ou lectora poderá comprobalo accedendo aos artigos de Pilar Aguilar e Paul Preciado, accesibles na rede.

Pilar Aguilar, pioneira en España na análise cinematográfica con perspectiva de xénero, é unha activa detractora do discurso LGTBI desde as posicións do chamado “feminismo clásico”, que alerta contra o “borrado das mulleres” que se derivaría daquel discurso. Paul Preciado, filósofo, el mesmo protagonista dunha transición de xénero, é un destacado representante da teoría queer. É raro descubrir que a mesma película que, segundo a apreciación de Pilar Aguilar, é un canto ao “tema sagrado” do movemento LGTBI: “o transactivismo supermoderno-guai”; para Paul Preciado sexa “unha amálgama cargada de racismo e transfobia”.

Pode un mesmo filme ser simultaneamente un canto laudatorio do discurso trans e un libelo transfóbico? Semella difícil. Mais isto é o que acontece por veces cando se proxecta unha lectura ideolóxica sobre un relato cinematográfico (ou literario, ou de calquera outra arte). Non porque a tal lectura sexa impropia ou desaconsellable. Nesta sección eu non fago outra cousa, o cal implica, claro, que non só considero que a tal proxección é lexítima senón que mesmo é indispensable. Mais tamén considero que debe someterse a algunhas regras.

Dun lado ou doutro, o discurso económico neoliberal apropiándose do discurso trans.

A principal, distinguir ben a análise ideolóxica da avaliación estética, especialmente cando esa análise vai acompañada á súa vez dunha avaliación ética ou sociopolítica, coma acontece nos artigos de Aguilar e Preciado. Neste sentido, paréceme ben significativo que tanto unha como a outra admitan certo bo facer no traballo de Jacques Audiard, director de Emilia Pérez, mais, mentres que a segunda loa o traballo da actriz trans, a primeira redúceo a unha interpretación “plana e insulsa, sen matices”. Faise difícil evitar a sospeita do traslado das afinidades ideolóxicas ao plano estético e, cando digo isto, non falo dunha intencionalidade consciente, senón dunha propensión presente en calquera e sempre difícil de combater.

Como o límite de caracteres que rexe neste espazo xa aprema, eu voume limitar a engadir un elemento máis á conversa arredor deste polémico filme. O número musical da clínica tailandesa de cirurxía transxénica ben pode verse como un distanciamento irónico e crítico da instrumentalización mercantil das persoas trans, paroxismo do libre mercado. Doutro lado, a decisión da avogada de optar por un cirurxián israelí, que impón condicións para levar adiante a operación, parece situarse claramente do lado do discurso trans: hai “corpos equivocados” e só neses casos a intervención cirúrxica ten sentido e é “eticamente” xustificada. Mais, sen entrarmos nese complexo debate, o resultado final no filme é sempre … o mercado. Substituír os “corpos equivocados” é unha ocasión máis para ampliar o potente mercado da nova cirurxía, disposta a deseñar corpos ao gusto do consumidor que poida pagalos. Dun lado ou doutro, o discurso económico neoliberal apropiándose do discurso trans.