[Alén dos espellos] As catástrofes nas pantallas

Penso, claro, na catástrofe que aínda agora, mentres escribo, afecta á conca dos ríos Turia e Xúcar, cando as cifras de mortos e desaparecidos segue medrando, cando hai xente atrapada sen poder recibir axuda, con grupos de voluntarios da sociedade civil que se atopan cun goberno autonómico que lles di que non son necesarios, mentres se escoitan na radio dramáticos laios de xentes que se senten abandonadas porque ninguén chega a axudalas. E non podo evitar lembrar que algo semellante (vítimas mortais aparte, afortunadamente) ocorreu en Galicia cando o Prestige e o movemento do Nunca Máis, neste caso ademais co goberno da Xunta e o goberno central aliñados no mesmo discurso desculpabilizador. Son catástrofes naturais, que ocorren sen que impliquen ningunha responsabilidade política, explican… agás que esa responsabilidade poida ser atribuída aos rivais políticos. E fágome esta pregunta: por que aqueles gobernos, autonómico e central, os dous do PP, non sufriron castigo no voto popular pola súa obvia mala xestión da catástrofe, para alén da breve paréntese do bipartito? Por que, anticipo, probablemente o PP valenciano, responsable de ter desmantelado un organismo de xestión de catástrofes que pretendía xusto prever unha situación coma a que hoxe está sufrindo Valencia, obvio responsable do retraso na resposta e da desorde organizativa, probablemente non vai sufrir o castigo electoral que merece? Por que temos chegado a esta situación, na que o electorado semella moverse por impulsos hooliganistas (perdoo todo aos “meus”, non paso nin unha aos “outros”, mesmo se fai falla invéntolles tachas que non son deles) e non por un xuízo racional e ben informado?

Como esta é unha sección que ten como tema preferente as pantallas, na procura dunha implausible resposta, lanzo unha rápida ollada sobre o modo en que o cine ten tratado o tema das catástrofes. Un cine que se fixo popular nos anos 70 da pasada centuria (Aeroporto, Terremoto) e desde entón vive eventuais rebentos (Twister, Volcano, 2012). Deixo de lado o subxénero límite posapocalíptico (zombis e demais) dos que xa me teño ocupado nesta mesma sección. Cales son as constantes que adoitan definir estes filmes? A catástrofe preséntase como un accidente natural inevitable e imprevisible (agás que a anticipación se atribúa a algún prognóstico hermético ao xeito da profecía maia de 2012), a intervención institucional de previsión, axuda e corrección dos danos apenas ocupa a atención do relato, que se centra na intervención heroica (ou covarde) de algúns individuos, cunha visión da sociedade atomizada agás no relativo ao núcleo familiar. Isto é, o discurso social dominante na maioría dos relatos populares do cine USA que, desde practicamente os seus inicios, oscila entre a visión acrítica dun poder político benévolo e paternalista (as veces censura mediante, lémbrese o Código Hays) e a representación cínica do político como esencialmente corrupto, fronte ao cal só a acción do individuo como protector da unidade familiar ofrece a esperanza dunha resistencia moral.

Como se pode contrarrestar o predominio deste relato simplista? Non existen modelos alternativos? Hainos, si. Penso na catástrofe do Katrina en 2005 e unha serie de televisión, Treme (2010 – 2013), que en tres temporadas e 34 episodios (non puiden velos todos) describe os movementos solidarios que grupos de cidadáns van trenzando na reconstrución da cidade de Nova Orleáns, sen que falten durísimas denuncias da corrupción dos poderes (económicos, municipais e do estado) aos que se responsabiliza da mala xestión tanto da previsión dos efectos do furacán como do proceso de reconstrución (a serie comeza despois do seu paso pola cidade). Outro modo de relatar as catástrofes é logo posible. Outra cidadanía e outras políticas tamén deben selo.