Teño reiterado que nesta sección non se pretende facer crítica cinematográfica ou de relatos televisivos, aínda que comentar relatos audiovisuais sexa o obxecto da sección. Comentarios que adoitan ter unha intencionalidade crítica mais que, con todo, non constitúen o que habitualmente se cualifica como crítica. Coido que este ben pode ser o momento de desenguedellar este enredo no uso da palabra “crítica”, con ou sen cursiva, con ou sen comiñas.
Desde hai ben tempo, a prensa abriu unha sección de crítica cinematográfica, ao modo que previamente se viña facendo respecto doutras modalidades artísticas (teatral, musical, literaria, artes plásticas). En todos estes casos, o crítico asumía o obxecto da súa análise como unha obra con pretensións creativas e xulgábao baixo criterios de maior ou menor acerto en canto aos logros acadados baixo esa perspectiva, isto é, á do maior ou menor logro no relativo á excelencia artística ou estética. Desde logo, sempre se partiu do suposto de que non existe un criterio inapelable (obxectivo, universal, científico) que, en caso de discrepancia entre os críticos, permita determinar quen acerta e quen erra. Pero si existía certo consenso en que quen exercitaba a crítica debía dispoñer dunha formación previa (coñecementos sobre a historia do cine, os recursos técnicos e expresivos, as correntes autoriais e estilísticas, mesmo tamén coñecemento da historia da propia crítica cinematográfica) sen a cal non se daría unha verdadeira crítica, porque se faría inevitable caer nos dous defectos habituais que delatan os comentarios de películas non críticos: limítanse a expresar o gusto persoal de quen escribe e a contar o que pasa na pantalla.
Cómpre aquí dicir que desde a súa orixe as recensións cinematográficas nos medios impresos apareceron como sospeitosas para os críticos académicos da cultura, formados en carreiras universitarias que só desde hai pouco tempo existen dirixidas ao estudo das artes da imaxe audiovisual.
Cómpre aquí dicir que desde a súa orixe as recensións cinematográficas nos medios impresos apareceron como sospeitosas para os críticos académicos da cultura, formados en carreiras universitarias que só desde hai pouco tempo existen dirixidas ao estudo das artes da imaxe audiovisual. Unha sospeita que se facía extensiva ao propio medio cinematográfico, considerado máis produto da industria do entretemento ca non, como as grandes modalidades artísticas, das aspiracións creativas do espírito humano, por dicilo mediante unha fórmula que, ela tamén, hoxe cae baixo unha sospeita antitética á que no seu momento afectou ao propio cine e aos seus críticos. Todo isto é ben coñecido: remite aos debates abertos pola crítica da industria cultural da Escola de Frankfurt e seguramente atopou un xiro clave coa publicación do célebre ensaio de Umberto Eco Apocalípticos e integrados na cultura de masas (1964).
Pero foi a irrupción das redes sociais o que cambiou radicalmente o, chamémolo así, ecosistema da crítica dos produtos audiovisuais dun modo probablemente aínda non ben estudado en canto ás súas consecuencias na recepción, avaliación e formación do gusto artístico–cultural dos consumidores (e o uso deste apelativo é xa de por si significativo) das películas e series televisivas. A partir de aí, todos e todas, teñan ou non formación previa, teñan ou non disposición a adquirila, son, somos, críticos.
Isto en si mesmo obviamente non é malo. O que si o é, é a entronización do gusto persoal como tribunal supremo e incontrovertible do que merece ser ou non valorado.
Isto en si mesmo obviamente non é malo. O que si o é, é a entronización do gusto persoal como tribunal supremo e incontrovertible do que merece ser ou non valorado. E o peor, comprobar de que modo o comentario persoal, disfrazado de “crítica”, desde hai uns anos ten saltado desde as redes sociais a non poucos dos asinantes das seccións de crítica dos medios impresos. Ocorre aquí como o que tamén está a acontecer cos debates políticos (e por extensión de calquera outra orde) nas mesmas redes sociais, onde a análise reflexiva e demorada dos argumentos é substituída pola aprobación e aplauso de quen coincide comigo, e o vituperio e desprezo de quen non. A morte, en definitiva, da crítica, de calquera tipo de dimensión crítica. E, con ela, a morte consecuente de calquera diálogo ou debate que aspire á mellora do propio xuízo e o respecto polo alleo, condición para a construción dunha auténtica conversa pública, sen a cal unha cidadanía culta e democrática non é posible. Queda por explicar en que consiste o comentario crítico, que non crítica, destes Alén. (Continuará)





