A emisión en horario de máxima audiencia dunha produción de TVE (Colón ADN. Su verdadero origen) que prometía resolver de forma definitiva o “misterio” da identidade histórica de Cristóbal Colón, paréceme boa ocasión para revisar a cuestión da divulgación dos coñecementos científicos nos medios masivos. TVE conta cun ameno programa divulgativo, Órbita Laika, que emite a segunda cadea. Confeso que máis dunha vez sentín certo incomodo diante do uso de procedementos como presentar os expertos científicos vestidos de pallasos, de magos ou disfrazados de figuras históricas da ciencia, que en ocasións me fixo botar en falta algo de maior seriedade. Mais toda reserva desaparece no intre en que a explicación científica se abre paso, sempre co máximo rigor que cabe pedir. Aí xa non hai truco, non hai engano nin engado. Ben, se cadra un certo engado si, porque en efecto en Órbita Laika xogan lexitimamente co poder fascinante e abraiante da ciencia contemporánea que, certamente, ten algo de máxico. Mais o acerto do programa reside, coido eu, en usar esa aparencia máxica para amosarnos que atrás dela non hai outra cousa senón a forma de coñecemento máis complexa e rigorosa que a razón humana ten acadado. Nada máis, nada menos.
Os responsables de Colón ADN aplicaron tamén os recursos do espectáculo televisivo, mais non para logo desmontalo e amosar a diáfana precisión do ditame científico, senón para inverter os termos: dous pases máxicos invocando a ciencia, cuxos rigorosos procedementos nunca se amosan senón que se escamotean, para que logo toda a audiencia se sinta obrigada a aceptar o que eles deciden… que Colón non foi xenovés senón español e xudeu. O problema é, ao meu parecer, dobre porque afecta a dous campos científicos, o da historia e o da xenética.
Respecto do primeiro, proclamar que a súa revelación vai “cambiar a historia” define un concepto historiográfico que a estas alturas un pensaría definitivamente abandonado, ese que concibe a historia como o resultado da acción singular de personaxes extraordinarios e que calquera modificación na identidades deses personaxes (por caso, Colón xenovés ou xudeu español) implica per se unha transformación da historia.
É respecto do segundo onde se pon de relevo a mecánica do escamoteo. Desde o inicio mesmo do documental anúnciasenos que van resolver o “misterio” da identidade de Cristóbal Colón e toda a montaxe ponse ao servizo desta expectativa, isto é, organízase todo o relato segundo a lóxica dun filme de misterio cuxa resolución só poderá chegar na secuencia final. Mais, e isto é máis grave, combínase a mecánica do suspense coa dos programas de concursos televisivos. Así, veremos desfilar diante da cámara aos “aspirantes” ao recoñecemento final, concedendo a todos os candidatos (desde o Colón galego ou portugués ata o vasco, catalán ou xenovés) o mesmo nivel de credibilidade, e reproducindo unha multiplicación das pescudas de restos mortuorios, que inicialmente se concentraban en exclusiva nos de Colón e os seus parentes próximos recoñecidos. Seguindo esta dobre lóxica (a do filme de suspense e a do concurso televisivo), imos ver como o xuízo inapelable da “ciencia” (é dicir, o resultado dunhas sucesivas probas de ADN que en ningún caso se mostran nin se explican) vai eliminando candidatos ata quedar co finalmente triunfador. Reputados xenetistas e especialistas en arqueoloxía forense xa cuestionaron tanto a forma de presentar o resultado da investigación (nun telefilme no canto dun artigo científico) como a interpretación do resultado mesmo (cos datos que se aducen, mesmo deixando de lado que non se poden considerar aínda acreditados, non é posible nin desbotar a orixe xenovesa, nin asegurar a xudía). En definitiva, o rigor científico sometido aos intereses do espectáculo.
Por desgraza, mentres que a audiencia de Órbita Laika, un aceptable programa de divulgación científica, non mellora os menos que modestos datos de TVE2, a de Colón ADN. Su verdadero origen foron notables. O público quere espectáculo.