Coincide estes días unha certa polémica sobre o transfondo da película «As Bestas» coa mobilización social contra da acelerada privatización dos recursos eólicos do país da man da Xunta de Galicia.
É sabido que o argumento da película ten que ver cun crime en Valdeorras que tivo de móbil de fondo, primeiro, a oposición de dous paisanos a partillar os ingresos do monte comunal cuns novos veciños. Na película eses paisanos seica tamén queren ingresar uns milleiros de euros por deixar instalar uns muíños eólicos, mentres o novo veciño oponse por razóns ecolóxicas.
*
Clarexar a radical diferenza dos feitos que dan lugar a este crime é importante. Porque vender madeira comunal e partillar, si ou si, os ingresos non ten volta de folla. Ou non debera tela. Pero vender o uso eólico dun monte xa é outro cantar. Porque sobre como aproveitar o vento temos que decidir todos os cidadáns e non só os donos dun monte. Estean estes a favor ou en contra de facer caixa. Máis ou menos caixa.
*
Sucede que o Goberno galego está a decidir por maioría parlamentaria sobre o modelo de aproveitamento eólico que lle parece mellor. Pero pode non selo. Pode selo para as multinacionais que reciben as concesións, para un sistema eléctrico centralizado e mesmo para algúns veciños (como en “As Bestas”), pero non para moitos outros cidadáns que levan anos mobilizándose a prol dun aproveitamento eólico non capitalista.
*
Convén saber que noutros países os seus Gobernos teñen desenvolvido modelos de aproveitamento de recursos naturais propios (auga, sol, vento, …) a escala municipal, por empresas públicas ou asociativas e con retornos plenos (mesmo no prezo da electricidade) a todos os veciños. Nada semellante ao que no seu día fixo o franquismo coa hidráulica, e o que quere facer agora unha parroquia galega do capitalismo de amiguetes.
*
Porque hai dous xeitos de facer a transición enerxética, de evitar o quecemento global. O de untar a uns poucos (como en “As Bestas”, ou da man da actual Xunta de Galicia) e o dos países desenvolvidos (Alemaña e máis aló), onde se coidan de que sobre os recursos naturais de todos mangoneen uns poucos. Nestes asuntos convén saber moi ben quen defende os intereses dos moitos e quen os poucos. Porque as aparencias enganan.
Xornadas 4 e 5 de febreiro en Pontevedra
Enlaces sobre o actual empurrón eólico
https://www.farodevigo.es/comarcas/2023/01/13/oia-alegara-parque-eolico-plantea-81118518.html