Hai pouco recibíamos con interese o adianto que facía Pedro Sánchez dunha proposta de lei integral para frear o acceso de menores ao porno en internet. Falou do deseño dunha ferramenta de verificación da idade, similar á sinatura dixital, que regule o acceso a webs e permita o control das plataformas da industria pornográfica. Sen entrar na análise das consecuencias sobre as persoas adultas, preguntámonos: por que é urxente este tipo de medidas? Por que é inaprazable meterlle o dente á pornografía?
Máis alá dos “datos arrepiantes” que compartía o presidente, son moitas as voces autorizadas, entre elas a nosa que, como expertas en educación sexual, levamos moitos anos advertindo do problema e da gravidade das consecuencias que constatamos na aula. Os informes e investigacións falan dun aumento das agresións sexuais a idades cada vez máis temperás, paralelamente sabemos que un de cada catro mozos menores de 12 anos consume porno. Trátase dun fenómeno complexo, que non é doado de resumir, pero que require ser abordado con rigor e contundencia.
Preocúpanos a confusión entre sexualidade e violencia que alenta a pornografía. Asfixias, golpes, humillacións, cuspir na cara, tirar do cabelo, pisar a cabeza e actos similares, non son sexo, pero a pornografía alimenta este imaxinario onde sexo vai da man da dominación e do sometemento. Os nenos aprenden a excitarse no rol de dominar ás nenas. Se no terreo do íntimo normalizamos estes discursos, estamos a socavar os esforzos por construír igualdade. É ben sabido que nas escolas e nas familias temos avanzado moito nestas conquistas, mais se deixamos que na sexualidade as mulleres se nos considere obxectos de consumo para eles, estamos a retroceder. A pornografía é unha escola de desigualdade que ataca todo o traballo coeducativo.
Tamén é perigosa a relación entre sexo e poder que valida o porno. Non só o poder da violencia explícita, senón tamén toda a normalización da insistencia a pesar da ausencia de desexo das mulleres, de situacións de abuso ou a infantilización cando as mulleres finxen ser nenas para a excitación masculina. Os nenos normalizan o privilexio de acceder ao corpo das mulleres cando queiran e as nenas aceptan acriticamente que poden sacar cartos rápidos de Onlyfans. Ademais, detrás da pornografía “gratis” está o reclamo publicitario para acceder á prostitución. É habitual atoparse mensaxes coma este: “Unha veciña moi quente agarda por ti a 500 metros e está desexando coñecerte”.
A solución para un problema desta envergadura non é doada. A lexislación e as ferramentas que se están a propoñer son un avance, pero é insuficiente. Noutros países, os menores xa se teñen amosado capaces de burlar os controis. Non bastará soamente coa prohibición. Precisamos tamén dunha abordaxe integral que coloque no centro a educación afectivo-sexual. Hai que tender cara un sexo pracenteiro, desexado e igualitario. Así, as prácticas que presenta a pornografía non soamente serán cuestionadas, senón consideradas inconcibibles para os homes e as mulleres do futuro. A sexualidade terá máis que ver co coidado, co respecto e co goce mutuo, e aí a pornografía non terá cabida.