O pleno do Parlamento europeo deu luz verde o 29 de febreiro ao Regulamento de Restauración da Natureza, a pesar da intensa campaña en contra despregada pola dereita e a extrema dereita, que non conseguiu deitalo mais si rebaixalo, introducindo mesmo un “freo de emerxencia”. Con todo, é “unha oportunidade histórica para devolver a natureza a Europa”, como sinalaron as principais organizacións ecoloxistas. Unha Europa cun territorio intensamente transformado no que apenas resta natureza merecente de tal nome. Tamén en Galicia, un “paraíso natural” que só existe na pródiga literatura turística.
Non abonda con conservarmos a natureza. A continua deterioración dos servizos ambientais derivados da perda de biodiversidade e a urxencia da mitigación (redución de emisións) e adaptación á crise climática esixen darmos máis espazo e vigor á natureza en Europa. Algo que debería facerse sen incrementar aínda máis a elevada pegada de degradación ambiental noutros continentes asociada ao sobreconsumo das economías europeas. Porque non só usamos e degradamos a propia natureza senón tamén unha parte considerábel da do resto do mundo. E isto tamén vale para o noso país.
O Regulamento de Restauración da Natureza, que aínda debe ser ratificado polo Consello da UE, pretende restaurar o 20% das áreas terrestres e mariñas para 2030 e polo menos o 90% dos hábitats en mal estado para 2050. Establece obxectivos e obrigas xuridicamente vinculantes concretos para diferentes ecosistemas terrestres e mariños. Un avance comparábel ao que supuxo hai 30 anos a Directiva Hábitats ao crear a Rede Natura 2000, a maior rede de espazos naturais do mundo, sen a cal a natureza galega estaría aínda moito máis desprotexida.
Mais como acontece coa Rede Natura 2000, o impacto positivo do novo Regulamento dependerá moito de como se aplicar en cada país. En Galicia, a Xunta reduciu ao mínimo a superficie abranguida pola Rede Natura 2000 e fixo moi pouco para a xestionar, contando para iso coa lasitude da Comisión Europea e unha baixa esixencia social. O novo regulamento prioriza precisamente a Rede Natura 2000 no desenvolvemento de accións de restauración durante os próximos anos. Cando entrar en vigor, a Xunta deberá elaborar unha estratexia galega para a súa implantación. Por pequena que for a súa ambición, enfrontará non poucas resistencias, particularmente no sector primario, o de maior impacto negativo sobre a biodiversidade, pero tamén o máis interesado obxectivamente na súa mellora e no combate ao cambio climático, como xa ve hai tempo a parte do sector máis responsábel.
Non hai razóns para crer que a Xunta será máis dilixente co Regulamento de Restauración da Natureza do que ten sido até hoxe coa Directiva Hábitats, sobre todo mentres estea dirixida polo Partido Popular, que votou contra o Regulamento no Parlamento europeo. O único eurodeputado galego que votou a favor foi Nicolás González (PSdeG-PSOE), pois o BNG decidiu absterse. Un voto difícil de explicar tratándose dunha forza política que reivindica máis e mellor rede Natura 2000.
En calquera caso, máis vale dispormos do Regulamento de Restauración da Natureza, por pouco que se aplicar, que non telo. Ademais, a súa non ratificación polo Parlamento europeo tería sido unha soada vitoria para os sectores negacionistas e retardatarios que teñen no punto de mira a transición ecolóxica en toda Europa. Unha transición ecolóxica cada vez máis necesaria e para a que vén ao caso o ditado portugués “mais vale feito que perfeito”.