[Alén dos espellos] A representación da corrupción no cine

Hai películas notables sobre a corrupción política (a española El reino de Rodrigo Sorogoyen, 2018, bo exemplo), tamén económica (Inside Job, Charles Ferguson 2010; Margin Call, JC Chandor, 2011, dúas visións da crise de 2008, a primeira desde o documental, a segunda desde a ficción). Mais eu vou poñer o foco aquí en dúas comedias que tiveron unha importante recepción de público e que coido reflicten certa concepción popular da corrupción política: The Distinguished Gentleman (1992, distribuída en España co título Su distinguida señoría, dirixida por Jonathan Lynn e interpretada por Eddy Murphy) e Todos a la cárcel (Luis García Berlanga, 1993). As dúas películas coinciden en presentar á “clase política” como sistémica e inevitablemente corrupta. Diferéncianse notoriamente en que a primeira desemboca nun final de redención, mentres na segunda non hai redención posible.

No filme de Lynn, Eddy Murphy é un estafador que descobre sorprendido que a súa “profesión” é exercida legalmente por congresistas e senadores, traballando (e enriquecéndose) para os lobbys económicos. Así que, aproveitando un factor accidental, decide presentarse a congresista e entrar no congreso coa intención, naturalmente, de forrarse. E as cousas inicialmente funcionan como el prevía ata que, nun improbable final, se cruza cunha rara avis naquel ecosistema: un congresista que sinceramente quere cambiar as cousas e rexeita a corrupción.

Non hai distancia entre quen están no cárcere e quen están fóra, todos se moven por un mesmo interese de medre persoal e, xaora, seren castigados como delincuentes ou elixidos como representantes políticos é só un efecto do azar.

O filme de Berlanga probablemente sexa máis coñecido e lembrado por lectores e lectoras, sobre todo xa de certa idade, pois foi emitido por televisión varias veces. Coincide en presentar a un grupo, no que se mesturan políticos e empresarios, movidos todos por intereses (esencialmente medrar na carreira e na influencia políticas e… forrarse) moi diferentes dos que amosan nos seus discursos. O filme desenvólvese nun acto organizado nun cárcere, presentado como un evento benéfico para recadar fondos destinados a mellorar as condicións de vida dos presos, co apoio de representantes gobernamentais. Daquela presidía o goberno Felipe González e no PSOE afloraban os primeiros casos de corrupción que facilitaron o ascenso do PP de Aznar nas eleccións celebradas nese mesmo ano, ameazando por vez primeira a hexemonía socialista. O filme péchase cun final que ten un evidente e pesimista valor alegórico: o evento é aproveitado para unha fuga de presos mentres políticos e empresarios quedan dentro envoltos nunha barafunda colectiva, marca estilística do mestre Berlanga. A alegoría: non hai distancia entre quen están no cárcere e quen están fóra, todos se moven por un mesmo interese de medre persoal e, xaora, seren castigados como delincuentes ou elixidos como representantes políticos é só un efecto do azar. Unha visión cun dobre efecto: desmobilizar o compromiso da cidadanía coa persecución da corrupción e a rexeneración da vida política, consideradas inútiles xa que “todos os políticos son iguais”; como a crítica é dirixida contra un sistema democrático, permisivo coa e cómplice da corrupción, contribúe ao descrédito deste sistema.

Naturalmente, é imposible facer filmes críticos da actividade política nos sistemas autoritarios e ditatoriais, aínda que se poidan ler apuntamentos críticos entreliñas de algúns dos filmes de Berlanga realizados durante o franquismo. E, seguindo con Berlanga, a súa La Escopeta Nacional (1978) encerra unha denuncia do intento de proseguir o modelo corrupto da ditadura, onde as cacerías do Caudillo eran lugares de obtención de “favores”. Cando vin fotografada a concentración diante da sede do PSOE de Vox, un partido que proclama a súa admiración polo réxime franquista, portando unha pancarta que dicía “Todos a la cárcel”, non puiden evitar preguntarme que diría Berlanga se puidese ver esa descarada manipulación do título do seu filme.