Teño unha amiga bonaerense pola que corre unha mestura de sangues galego e italiano. O primeiro foi o que a trouxo ata a terra do avó, cunha parte da súa vida comprimida en dúas maletas. Deixaba atrás dúas fillas e as risas, a casa e o terrenito, a heladera baleira e a infancia, as sepulturas dos seus e as penas, as amigas, os amores, o mate e a Maradona. Trouxo a gata, por traer algo vivo.
Dende hai dous anos vive acá, como diría ela. Paga mil euros pola casa amoblada e trescentos polo auto, e paga a luz, a auga e o móbil, e paga polo acento que a delata e a sitúa na fronteira cotiá de ser sudaca.
Ela paga. Traballa e paga. Produce e paga. Xera riqueza e paga. Non, non é a ela a quen a dereita española se refire cando pide o voto aos que non admiten que os migrantes ilegais lles ocupen as súas vivendas (Alberto Núñez Feijóo dixit, nun mitin co gallo das eleccións catalás deste mes de maio).
Non, non é a ela, porque ela é migrante, pero ela paga a vivenda, traballa e paga, e está legal (conste que o do sangue galego non computa). É certo que ser sudaca colócaa neste país dous o tres chanzos por debaixo dos brancos de acá —que semella que fosen outros— e non a trata como merece, mais o de ocupar vivendas… non. Iso non, ela non. Que tampouco todos os migrantes son iguais.
O odio da dereita española co discurso da ocupación ilegal —que existe en España desde os anos 60— vai dirixido a outras. A elas, a dereita española ódiaas porque ocupan un país que non é o delas, ao que chegan coas súas peles escuras, o hiyab e as súas linguas propias, e pídenlles mil euros por unha casa e papeis para o contrato. Non hai papeis. Non hai vivenda. E pídenlles de volta mil euros pola vivenda porque para pedirlles mil euros non teñen que ter papeis. Porque para pagarlles por traballos sen dereitos laborais non teñen que ter papeis. Porque para odialas e que marchen, mellor non ter papeis. Porque para que traballen, paguen e xeren riqueza, non teñen que ter papeis.
Tres millóns e medio de vivendas en España están baleiras coma pantasmas dunha cidade abandonada. Quérenas así pechadas os bancos, os fondos voitre (en España o pasado ano tiñan en arrendo máis de 115.000 vivendas), os promotores, todos eles propietarios do 80 por cento deses inmobles, esperando o momento de que lles paguen mil euros, dous mil, tres mil, seiscentos mil… E elas, e eles, os migrantes “ilegais”, sobreviven coas aves rapaces sobrevoándoos, coas súas vidas aínda nas súas maletas, logo de deixar atrás todo o que non lles cabía nelas.
A miña amiga bonaerense chámase Vera. Veu a Galicia por uns anos e, agora que as súas fillas están con ela, pensa en quedar. Gústalle este país onde ela é de segunda malia ser tan fermosa, tan válida, e malia que as súas risas, os seus amores, as súas penas e tanta vida lle quedasen no país que ama. Benvida, Vera. Dale, quedate, querida.
E contigo, todas as demais. Benvidas.
As aves rapaces non poderán sobrevoar sempre.