A Gripe Aviaria, alerta estacional

Outra volta coa chegada do outono as novas sobre o andazo da Influenza Aviaria activaron na cidadanía o temor atávico que xeran as “pestes” potencialmente perigosas para a saúde. 

Neste outono de 2025, as medidas preventivas ditadas polas autoridades de sanidade animal, especialmente a obriga de recluír ás aves de curral para protexelas de contacto con aves silvestres que son a orixe da enfermidade, reactivaron preocupación sobre os riscos derivados desta doenza.  O confinamento das aves de curral é unha medida con enorme eco na sociedade galega pois debe ser acatada, ademais de polos avicultores profesionais, por mais de 150.000 familias propietarias de galiñeiros de autoconsumo. 

A importancia da avicultura de autoconsumo en Galiza é outra das nosas singularidades. Sábeno ben os medios de comunicación que nestas semanas encheron páxinas estendendo así a preocupación pola repercusión que a gripe aviaria puidera ter para a saúde animal e a das persoas. Por iso sen pretender con este breve artigo facer unha exposición experta imos dar algunha clave para poder avaliar o risco de aparición da enfermidade no noso territorio, a importancia que tería a súa detección nas nosas aves de curral e a posibilidade de que esta enfermidade chegase a afectar ás persoas. 

Historicamente en Galiza nas aves de curral, nunca foi detectada a circulación do virus da Gripe Aviaria, causante da Influenza Aviaria de Alta Patoxenidade (IAAP), a producida polos virus da influenza A subtipos H5 e H7. 

Do mesmo modo que a gripe humana, a Gripe Aviaria presenta picos de incidencia estacionais, coinciden estes coas grandes migracións de aves silvestres entre as rexións frías e cálidas do planeta, no inicio do outono e na primavera que teñen á Península Ibérica como lugar de paso ou de residencia estacional. A meirande parte das rutas migratorias, do norte de Europa a Africa ou viceversa, agás as das aves mariñas, seguen como é lóxico o camiño mais curto, isto é atravesan a península nunha diagonal que trazan desde o sur de Francia ao sur español, buscando zonas aptas para o descanso temporal nos terreos brañentos, nomeadamente o grande terreo húmido de Doñana (Huelva). Así Galiza queda fora das grandes rutas migratorias agás das de aves mariñas que viaxan normalmente a varios quilómetros das nosas costas. 

Historicamente en Galiza nas aves de curral, nunca foi detectada a circulación do virus da Gripe Aviaria, causante da Influenza Aviaria de Alta Patoxenidade (IAAP), a producida polos virus da influenza A subtipos H5 e H7. Certo é que nos últimos anos, froito dos programas de vixilancia impulsados desde os servizo de Sanidade Animal da Xunta, téñense atopado na costa galega aves infectadas con virus H5, concretamente co H5N1, un dos principais causantes de IAAP, mais boa parte destes achádegos foron en cadáveres varados nas praias ou en aves enfermas que se achegarían por esa razón ás nosas costas. Aínda que as rutas migratorias principais que pasan por Galiza o fan relativamente afastadas dos lugares de cría das aves de curral, estes achádegos denotan a existencia dun certo risco que debe ser controlado, de aí a importancia da adopción de medidas de bioseguridade nas aves de curral, pensadas para evitar o contacto coas silvestres, directo ou indirecto por alimentos ou auga de bebida. 

Téñense detectado casos de transmisión dos virus da IAAP de aves a animais mamíferos, porén a transmisión a humanos é moi ocasional, focalizada nas persoas con estreito contacto con aves infectadas, xa sexan profesionais veterinarios ou traballadores do sector avícola. 

Porén no Estado español, durante os últimos anos, téñense detectado bastantes casos de IAAP en granxas avícolas. O último informe do Ministerio de Agricultura referencia dende xullo de 2025, 14 focos en granxas: Huelva, Badaxoz, Toledo, Madrid, Guadalaxara e no sur leste de Valladolid, debuxando practicamente así a diagonal antes referida. 

Hoxe por hoxe a IAAP é para as aves de curral unha enfermidade extremadamente grave, tanto pola súa sintomatoloxía e conseguinte caída na produción e a elevada mortalidade que provoca, como polas drásticas medidas de erradicación que deben obrigatoriamente ser adoptadas polas autoridades veterinarias (sacrificio e destrución de todas as aves da granxa, tratamento de estercos, limpeza e desinfección de instalacións etc.), tamén pola extensión das medidas a todas as granxas que potencialmente puideran estar afectadas nunha zona de protección de como mínimo 3 quilómetros de radio e polos controis e restrición de movementos de animais noutra zona de vixilancia que como mínimo terá dun radio de 10 quilómetros ampliable, como de feito o foi a 20 quilómetros nos últimos focos detectados en Valladolid. Na avaliación das perdas económicas non esquezamos tampouco as derivadas da declaración oficial desta enfermidade sobre o comercio internacional de aves e produtos avícolas. 

Quedando clara a gravidade da Gripe Aviaria para o sector avícola, cabe preguntarse: é grave para as persoas? O ECDC, Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades, de referencia na UE para a avaliación dos riscos epidemiolóxicos, emite anualmente informes referidos á Gripe Aviaria para os humanos. No correspondente a 2025 conclúe que o risco para a poboación xeral da UE segue a ser baixo, mentres que para persoas con exposición ocupacional ou directa a aves infectadas o cualifica de baixo a moderado. Téñense detectado casos de transmisión dos virus da IAAP de aves a animais mamíferos, porén a transmisión a humanos é moi ocasional, focalizada nas persoas con estreito contacto con aves infectadas, xa sexan profesionais veterinarios ou traballadores do sector avícola que actúen en granxas infectadas, tamén persoal que recolla aves silvestres enfermas ou os seus cadáveres, actividades nas que resulta imprescindible adoptar todas as medidas de bioseguridade pertinentes. Por outra banda o ECDC sinala que non hai evidencias de transmisión sostida entre humanos. 

Cantos máis pases do virus aviar por especies domésticas, nomeadamente por animais mamíferos xenéticamente moito mais próximos ao humano que as aves, mais probabilidades de adaptación do virus á nosa especie, pero isto non deixa de ser mais que un futuro hipotético.

Nos anos 2005-2007, nos que desde a subdirección xeral de Gandería da Xunta de Galiza, persoalmente tiven que dirixir os operativos creados para o control daquela primeira alerta mundial derivada do incremento da detección de casos de IAAP, os dirixentes da Organización Mundial da Saúde (OMS) advertían, na miña opinión actuando dun xeito pouco ponderado, dun risco certo de salto dos virus causantes da IAAP aos humanos e da posibilidade dunha pandemia. Recomendaban que os estados adquirisen no mercado cantidades suficientes de antivirais eficaces para afrontar esa eventualidade. Pasados xa vinte anos isto non sucedeu. O famoso Tamiflú (Oseltamavir), que fabricaba en exclusiva a farmacéutica Roche era o antiviral de referencia os virus H5 e H7 da IAAP. A consecuencia foi unha importante alarma social e unha notable mellora na conta de resultados da multinacional farmacéutica. 

É certo que nos anos sucesivos evidenciáronse contaxios por virus de IAAP en animais mamíferos e nos humanos, sen que por agora se evidenciase a transmisión entre os humanos. Mais os virus influenza caracterízanse pola alta capacidade de mutar, polo que non é posible descartar a aparición no futuro de mutantes adaptados á especie humana. Cantos máis pases do virus aviar por especies domésticas, nomeadamente por animais mamíferos xenéticamente moito mais próximos ao humano que as aves, mais probabilidades de adaptación do virus á nosa especie, pero isto non deixa de ser mais que un futuro hipotético. Entre tanto se queremos ser obxectivos e rigorosos só debemos falar da IAAP como enfermidade animal epizoótica. O seu control pasa por respectar as medidas de bioseguridade ditaminadas polas autoridades en sanidade animal. 

Rematará o outono, rematará a vindeira primavera e voltaremos falar de Gripe Aviaria o vindeiro ano.

 

Francisco Chivite Mosquera é veterinario