Na celebración dos 50 anos daquela tan sorprendente como emocional Revolução dos cravos, volvo ler as ‘Quatro histórias para crianças’ que repousan desde entón na miña biblioteca familiar.
Ten só 53 páxinas. Tres desas historias son de Eunicia Salgadinho (“Assín nasce uma flor”, “Na Biblioteca é que se está bem!” e “Quis ser jogador”), e unha terceira é da autoría de Arsenio Mota (“A bandeira escondida”).
E por que ten para min este libro un valor especial, ou esa querencia por descubrir nel cada 25 de Abril o que os seus autores quixeron comunicar a través dunha linguaxe tan creativa e suxerente?
Porque é un dos moitos libros que estaban prohibidos e que foron liberados desde o mesmo día en que os Capitáns de Abril acabaron pacificamente coa ditadura salazarista en Portugal.
E porque ese exemplar do que reproduzo a súa capa foi un regalo que me fixeron os soldados que me acompañaron só un día despois daquela epopeia democrática no percorrido polas estancias da Direção Geral de Segurança (DGS) de Porto, na que a temida PIDE (policía política) acabou rendéndose tras varias horas de tensísima resistencia. Como enviado especial de La Voz de Galicia para a cobertura daquel acontecemento no norte luso, o capitán Alves, que fora quen á fronte dun destacamento de soldados viña de forzar a rendición dos ocupantes dese aborrecido edificio, autorizou que eu e o xornalista e amigo Viale Moutinho poideramos percorrelo.
No patio central puiden recoller restos de papeis a medio queimar na fogueira que os máis de medio cento de pides e administrativos prenderan para desfacerse de toda a documentación que os comprometía. Entre eses restos, transcricións de conversas telefónicas, declaracións dos detidos e presos políticos, etc. Lembro a repulsión que me produciron as salas de tortura…E tamén un cuarto ateigado de libros, discos, revistas…que foran requisados pola censura. Entre eles, este libro de historias para crianças, que os soldados me regalaron cando puiden ver cos meus propios ollos o que durante 48 anos representara para moitos perseguidos aquel temido edificio no que encarceraban, torturaban, espiaban e recolectaban todo tipo de publicacións que a censura do réxime consideraba atentatorias contra os postulados do seu ideario totalitario.
Hai uns días, tiven a oportunidade de contarlles a un grupo de crianzas de 11 anos, alumnas e alumnos da escola Semente, o que durante cinco días e cinco noites daquel Abril revolucionario, e popular, vivín e celebrei como xornalista e como demócrata, e leveilles estas “Quatro històrias para crianças”, resumíndolles a que baixo o título “A bandeira escondida” máis e mellor podía transmitirlles as maldades daquel réxime represor. Entendérono: sen democracia, nada pode estar a salvo dos servidores dunha ditadura como a de Salazar en Portugal e a de Franco en España. Nin sequera un libro para crianças.
O que saíu daquel golpe democrático pode que estea hoxe en perigo (50 dos deputados lusos son herdeiros daqueles carcereiros e censores de entón), pero nada como o espírito do 25 de Abril para repoñerse coa forza que aporta a memoria. Cómpre celebrala cada ano, para mantela activa.
Eu fágoo coa enésima lectura deste libro -liberado- para crianças.