Que unha publicación como Tempos Novos, que naceu a contracorrente de discursos e políticas de intervención directa nos sistemas de produción informativa dos medios tradicionais galegos, fose quen de manter a salvo e durante todo un cuarto de século a súa desafiante carta de navegación, desabastece de argumentos a quen veñen sostendo, acomodados nunha prexuizosa e insolidaria resignación, que non hai alternativa viable ao modelo que aqueles representan.
Con maior razón cando nese tempo, e nesa singladura, nada cambiou que favorecese en Galicia os procesos de democratización nos medios e a conseguinte democratización informativa, que empeza e acaba no dereito de informar e no dereito á información, e teñen na liberdade de expresión o seu antecedente natural e legal, e na liberdade de prensa a súa consecuencia. O que motivou poñer na rúa esta revista no 97 -abrir unha fírgoa de liberdade no sistema de doma e castración mediática ideado por Fraga Iribarne- reactualizouno Núñez Feijóo ata o mesmo día en que sae publicada no Doga e no Boe a súa renuncia, por intereses persoais e de partido, á Presidencia do país. Sen que a alternativa de goberno que alentamos un día en busca de aire fresco para respirar, a da coalición de socialistas e nacionalistas, se atrevese a romper co que foi e seguiu sendo nestes 25 últimos anos o máis perverso e antidemocrático sometemento dos medios ao poder.
A persistencia no tempo dun sistema xeneralizado de compravenda de información e opinión editorial –directa ou a través de cooptados e cómplices editorialistas-, con millonarias entregas de diñeiro público a cambio, sen ningún tipo de oferta pública e a discreción, tería que estar en boa lóxica sancionada política, social e xudicialmente. Porque deu pé a todo un historial de corrupción mediática, no que as empresas tradicionais fixeron mangas e capirotes do valor ideolóxico da información (pluralismo, imparcialidade, veracidade…), entregándolles aos gobernos de quenda a capacidade de iniciativa tanto na selección das axendas diarias como na do enfoque que os xornalistas, reconvertidos en meros funcionarios, acaban dándolles aos feitos que as conforman.
Cando para atacar a quen, sempre desde medios de información alternativa, fan reconto e acaban deducindo a falsidade dese mantra madrileño que lle dá a Feijóo o marchamo dun gran xestor do público -que desnaturalizada hipérbole política!-, os seus haxiógrafos agárranse ás súas tres maiorías absolutas como argumento último. Non o é. Se a cidadanía tivese acceso, sen as restricións nin as censuras, manipulacións e silencios, ao que este gobernante foi dando de si neses seus trece anos de reinado, outro galo nos cantaría.
O sucedido no seu día con Fraga debera servir para cando menos poñer a remollo iso de confundir o ben demostrado pedigrí do xa ex presidente como un eficaz funcionario contable co que caracteriza a un bo xestor do público. O vilalbés nunca tería perdido o poder de non terse multiplicado os focos mediáticos na cobertura da catástrofe polo afundimento do Prestige, desbordando así a barreira de contención informativa prefabricada polos seus medios de cabeceira, públicos e privados. A crise política, que acabou alumbrando un goberno progresista de coalición, foi consecuencia daquel tsunami de rebeldía democrática que, alimentada polas contradicións que poñían ao descuberto outras fontes de información alleas ás habituais, rompía por vez primeira o control da iniciativa política que ata entón estaba, nun negociado pacto de mútua complicidade, nas mans de Fraga e dos medios tradicionais.
No caso de Feijóo, en cambio, malia poñer esa fraudulenta gabanza -o mito do gran xestor- panza arriba e de maneira obxectiva tanto os estudos dos expertos como as estatísticas oficiais, os desmentidos non chegaron á opinión pública porque ningún feito desbordou máis alá da barreira de protección instalada polos medios domésticos (e domesticados). Sexan estes os públicos TVG e Radio Galega, que o dos Peares mantivo secuestrados todos estes anos, ou os privados, coa prensa diaria -a bienpagá- por unha banda, e as emisoras cuxas licencias foron dar nunha mínima parte ás vellas cabeceiras de papel, e na súa maior parte ás canles xeneralistas cuxos centros de decisión e de programación radican en Madrid, pola outra.
Ir dopado desa maneira a tres procesos electorais asegura, de entrada, unha posición privilexiada que moi dificilmente pode correr, dentro e fóra dos platós, perigo algún. A costa, iso si, de introducir un factor desestabilizador do que en democracia conforma o núcleo básico da súa capacidade normativa. E tamén operativa. O da igualdade de oportunidades. Non o explica todo -entre outras cousas, porque o resultado dun proceso electoral tamén depende, coma no caso galego, das forzas políticas que comparecen pola esquerda, e porque o PP detenta unha estrutura de poder territorial moi potente-, pero esa dopaxe, e o descoñecemento que comporta a súa traxectoria de gobernante entre os votantes, foi sen dúbida o fórceps que contribuiu de maneira decisiva a forzar as tres maiorías absolutas de Feijóo.
Para valorarmos o que este estado de sitio comunicacional comporta en términos democráticos, teriamos que ter en conta, ademais, o que fai que a sociedade, e mesmo os organismos que teñen o deber de regular os espazos e sistemas de comunicación neste tempo de sobredose de canles mediáticos e de información, non se implique na esixencia de normas que limiten tanto os monopolios como os procesos privatizadores das redes e plataformas dixitais. Velaí, por caso, a compra de Twitter polo multimillonario Musk. Todo o que son as fake news teñen nese magma, e noutros, o seu caldo de cultivo.
Este mes estamos de celebración. Precisamente porque, fronte a ese estado de sitio mediático, que en Galicia non deixou de estar en vigor desde hai máis de 25 anos, un medio como TN, e con el cantos e cantas viñeron facendo del unha factoría de coñecemento, foi quen de chegar ata aquí, a contracorrente e sen outra dependencia que non sexa a do pacto pola verdade que a carta fundacional de Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., editora da revista (en papel e na rede) estableceu hai medio século cos seus lectores e lectoras. Revalidamos, pois, ese pacto, que ten en Galicia e na lingua que a identifica e singulariza no mundo a súa ancoraxe.