Venres 22, Setembro 2023
HomeGlobalYorgos Mitralias: "A solución á crise é un movemento social europeo contra...

Yorgos Mitralias: “A solución á crise é un movemento social europeo contra as políticas de austeridade”

Dous anos despois do rescate a Grecia, só a sociedade civil grega puxo sobre a mesa unha alternativa real para solucionar a situación grega, a Campaña pola Auditoría da débeda pública, moi popular nas redes sociais tras a difusión por Internet do documental Debtocracy (Debedocracia).Yorgos Mitralias, un dos impulsores desta iniciativa e membro fundador do Comité grego contra a Débeda estará en maio dando charlas en Portugal (Lisboa, 31 de maio) e España para que a súa experiencia axude a poñer en marcha campañas semellantes noutros países. A Campaña grega pola Auditoría da débeda pública sostén que o pobo ten dereito a non pagar se o préstamo non beneficiou o país e non foi aprobado polos cidadáns. O movemento baséase na teoría xurídica da débeda odiosa que foi alegada polos Estados Unidos tras a guerra de Iraq. Para poder acollerse a esta norma os gregos terían que facer primeiro unha auditoría e calcular canta débeda é odiosa, é dicir, é ilexítima coma os gastos adquiridos por políticos tras recibir subornos. Yorgos Mitralias e o resto dos membros da Campaña grega pola Auditoría da débeda pública levan xa máis dun ano traballando para que os cidadáns gregos demanden que sexan aclaradas as contas públicas.

O documental Debtocracy

É posible a cancelación da débeda grega?

É posible e non hai nada de revolucionario na iniciativa. De feito, hai deceas, incluso centos de exemplos de cancelacións de débeda soberana nos século XX, a maioría deles por iniciativa de países capitalistas como USA. Un dos primeiros casos foi a cancelación da débeda pública cubana como resultado da guerra entre América e España, no ano 1989, que obrigou a España a asumir a débeda enteira. Unha das últimas cancelacións foi a da maior parte da débeda pública iraquí xusto despois da derrota do exército de Sadam ante a coalición dirixida polos Estados Unidos.

Está o pobo grego de acordo coa anulación da débeda?

Segundo as últimas sondaxes, a terceira parte dos gregos estás de acordo non só coa cancelación da débeda senon tamén con facer unha auditoría da débeda por unha comisión independente de cidadáns. É dicir, que 3 millóns de gregos concordan coa nosa campaña de auditar a débeda e que adoptarían as súas esixencias e propostas, e o que é máis, a súa “filosofía”. Non sei exactamente que porcentaxe de gregos concordan só coa cancelación da débeda pública, pero a miña impresión é que é bastante máis que o 30%…

[quote style=”boxed” float=”right”]Tres millóns de gregos concordan coa campaña de auditar a débeda[/quote]

Por que o goberno contradi o desexo popular e insiste en garantir o pagamento?

A pouca sintonía entre o pobo grego e a clase política, polo menos cos dous maiores partidos neoliberais, o partido de dereitas Nea Demokratia e o socialdemócrata, PASOK, é obvia e así o proba o seu colapso nas sondaxes de opinión. Estes dous partidos que compartían o 80 e o 85% dos votos nos últimos 30 anos, obteñen agora menos do 40% xuntos, mentres o do 85-92% dos gregos desaproban as súas políticas de austeridade que só levan á destrución da sociedade grega para as vindeiras xeracións. Os dous partidos neoliberais non gobernan sós e todo o mundo sabe moi ben que obedecen ás ordes da Troika. Somos un país que perdeu case toda a súa soberanía nacional. Pero, ambos partidos están de acordo non só con ignorar os desexos do pobo grego senon tamén da lei internacional cando antepoñen os desexos dos acreedores aos das necesidades básicas da sociedade como a saúde ou a educación. Son protagonistas dunha guerra social declarada contra a súa propia xente…

[quote style=”boxed” float=”left”] Somos un país que perdeu case toda a súa soberanía nacional [/quote]

A auditoría que propón o seu colectivo é a saída á crise grega?

A Campaña grega pola Auditoría da débeda pública foi creada en decembro de 2010 e foi a primeira campaña deste tipo non só en Europa senon en todo o hemisferio norte. Despois dun ano de existencia e con moitas experiencias detrás, podo dicir que podería ser unha importante parte da solución á crise cunha condición: construír un vasto movemento social para xeralizar o control e a auditoría dos cidadáns sobre o lugar onde viven, traballan, estudan, crean e constrúen as súas relacións. Ademais esta é unha condición sine qua non terá éxito a auditoría da comisión cidadá, porque sen a participación activa do pobo quen ten o coñecemento de primeira man da maneira (normalmente ilexítima) de como esta débeda foi creada, os expertos da auditoría están incapacitados, non poderán facer case nada. O feito de que os gregos fósemos os primeiros en intentar a experiencia da campaña da auditoría da débeda xustifica, en parte, os erros cometidos. Por esa razón, insisto agora que as novas campañas emprendidas en Portugal, Francia, Italia e Bélxica aprenden da experiencia para non repetir os mesmos erros.

Existe unha solución real á crise económica que vivimos en Europa?

A solución a crise é un movemento social unitario europeo contra estas salvaxes políticas de austeridade. É un movemento que temos que construír xuntos Grecia con Francia, Alemaña con Romanía, Italia e Portugal, Inglaterra e o Estado español, en tódolos lugares e por toda Europa porque…xuntos podemos, divididos estamos perdidos. Contra o inimigo común, hai unha perspectiva e unha solución: a nosa loita organizada e coordinada conxuntamente, antes de que sexa demasiado tarde para nós, para o planeta, para a humanidade,…

**O cartel do documental Debtocracy é a imaxe da estatua do poeta grego Kostis Palamas, símbolo da resistencia grega contra os nazis