Luns 28, Novembro 2022
HomeGlobalO SUR TAMÉN EXISTE

O SUR TAMÉN EXISTE

por Manoel  Barbeitos 

Os acontecementos políticos que nas últimas décadas teñen lugar en Latinoamérica, de moitos dos cales intentamos dar cumprida conta neste medio son, con tódolos seus posibles erros, un claro exemplo de que “o Sur tamén existe”. De que cada vez hai máis dirixentes latinoamericanos sincera e honestamente interesados polo benestar dos seus pobos, moi especialmente por aqueles dos seus cidadáns que peor o están a pasar. Dirixentes que, a pesares da brutal ofensiva  tanto das oligarquías autóctonas como dun Imperio (USA) e unhas multinacionais (dende as sinistras United Fruit Company e I.T.T. hasta as Standard Oíl Company, Mac Donalds, Walt-Maart, Drumond….), sempre dispostas a apoiar golpes militares que aseguren as súas ganancias, son quen de chegar por vías escrupulosamente democráticas aos respectivos  gobernos nacionais grazas a un grande apoio popular. Dirixentes que, unha vez ao fronte do goberno, son quen tamén de poñer en marcha políticas expansivas que teñen como obxectivo central mellorar as condicións de vida da maioría da poboación,entre a que a pobreza alcanza índices insoportables (30,2%).

Ditaduras para sementar a pobreza, desigualdade e violencia

Para mellor entender a historia última de Latinoamérica, e necesario atender as seguintes evidencias empíricas. En primeiro lugar que, practicamente dende que rematara a II Guerra Mundial, os pobos latinoamericanos teñen sido vítimas dun rosario continuo de crueis e sanguinarias ditaduras militares (31) das que practicamente non se librou ningún deles. Ditaduras terroristas entre as que podemos subliñar pola súa violencia as de Castillo en Guatemala, Somoza en Nicaragua, Duvalier en Haití, Stroessner en Paraguai, Bordaberry en Uruguai, Videla en Arxentina, Banzer en Bolivia, Pinochet en Chile e Castelo Branco en Brasil.

Ademais de sementar de cadáveres esta rexión (aínda que a cifra exacta de vítimas é moi difícil de saber, fontes autorizadas sitúanas por riba do medio millón) aplicaron, baixo o patrocinio do chamado Consenso de Washington e o apoio financeiro dos organismos internacionais (FMI, BM), sumarísimas políticas de axuste estrutural. Políticas que tanto dispararon as desigualdades e a pobreza –Latinoamérica pasou a converterse nunha das rexións do mundo con maiores niveis de desigualdade: entre os 14 países con maior desigualdade, 6 son latinoamericanos, con índices de Gini que chegan ao 53,7-, como crearon as bases dun auténtico espolio financeiro. A respecto disto último, entre os anos 1970 e 2000 a débeda externa en toda América Latina e o Caribe pasou dos 33.000 aos 800.000 millóns de dólares, a pesar de que tiñan devolto entre os anos 1982 e 2000 como servizo de débeda (xuros mais amortizacións) máis de 1,4 billóns de dólares, catro veces o stock da débeda inicial (1982).

Por se isto non fora suficiente, a violencia disparouse de tal maneira que entre as 50 cidades mais violentas do mundo 42 están en Latinoamérica. A debilidade das institucións democráticas, a desigualdade social, a corrupción dos aparatos do estado, o excesivo poder dos militares, as inxerencias estranxeiras, o auxe do narcotráfico… son o caldo de cultivo dunha violencia que ten aos lideres locais e as mulleres como principais vítimas: en Latinoamérica unha media de 10 mulleres morren diariamente vítimas da violencia (no último ano do que se teñen datos, 2020, foron 4.091 as mulleres vítimas de feminicido). Dos dez países co maior número de asasinatos de lideres sociais a nivel mundial, sete localízanse en Latinoamérica (Colombia, Brasil, México, Honduras, Guatemala, Venezuela e Nicaragua), onde só no ano 2018 se produciron 321 asasinatos, practicamente un diario.

Novos dirixentes para novas políticas

Unha dinámica histórica que neste século XXI está experimentando, como sinalaba ao principio, cambios moi relevantes grazas a que un destacado número de lideres políticos (Hugo Chávez, Nicolas Maduro. Rafael Correa, Evo Morales, Luis Arce, Fernando Lugo, José Mujica, Lula da Silva, Nestor Kirchner, Alberto Fernández, Lopez Obrador, Gabriel Boric, Xiomara Castro, Pedro Castillo..) está accedendo, por vías escrupulosamente democráticas,  aos gobernos dun número crecente de relevantes países latinoamericanos: Venezuela, Ecuador, Bolivia, Paraguai. Uruguai. Brasil, Arxentina, México, Chile, Honduras, Perú…. Dirixentes que, coas súas diferencias pero coñecedores dos graves problemas que teñen os seus países, intentan poñer en marcha políticas dirixidas tanto a reducir as enormes desigualdades sociais, prestando especial atención aos sectores da poboación máis desfavorecidos, canto a liberarse do bota do imperio para así ser quen de emprender o seu propio camiño na escena internacional para, sen interferencias, ocupar o lugar que lles corresponde.

Co obxectivo de reducir as enormes desigualdades, con diferentes matices e niveis de intensidade, estes gobernos están poñendo en marcha políticas públicas expansivas co acento en aspectos fundamentais como a redución da pobreza e a desigualdade. Políticas grazas ás cales se están conseguindo resultados espectaculares: 72 millóns de persoas saíron da pobreza neste século.

Para lograr estes avances resultou fundamental o fortalecemento de servizos públicos básicos, con incrementos espectaculares do gasto público en atención sanitaria -a mortalidade infantil en moitos destes países reduciuse practicamente á metade-, ensino e pensións públicas. Non menos importancia ten a aposta polas melloras na cualificación profesional, o que permitiu, por caso, unha maior participación das mulleres no mercado laboral, tendo unha incidencia positiva na igualdade de xénero.

Paralelamente, estes dirixentes non esquecen a necesidade de dotar as súas políticas dunha visión latinoamericana. Practicamente dende que iniciaron os seus respectivos mandatos, foron conscientes da perentoria necesidade de unirse e superar as lóxicas diferenzas para así poder cambiar a situación herdada que viña marcada polo total dependencia do Imperio. Neste esforzo pola autonomía veñen creando importantes organismos rexionais dirixidos a potenciar a cooperación e a solidariedade entre os estados latinoamericanos como, por caso, UNASUR (Unión de Naciones Suramericanas), CELAC (Comunidad de Estados Latinoamericanos y Caribeños) e o ALBA-TCP (Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América-Tratado de Comercio de los Pueblos). Organismos cos que buscan “consolidar unha zona económica complementaria, diversa, desenrolada, cos seus mecanismos financeiros e monetarios que lle permitan a Latinoamérica converterse nun poderoso bloque económico que sexa quen de redefinir as relacións comerciais e económicas con Europa, con Estados Unidos, e onde Latinoamérica non volva a ocupar o papel de colonia”.

A reacción do Imperio

Estes cambios foron, e seguen sendo, obxecto de brutais ataques dende o primeiro momento. Ataques que teñen como finalidade eliminar politicamente, e se fora necesario fisicamente, aos novos e populares lideres políticos, para así descabezar estes movementos alternativos que cuestionan o secular dominio imperialista. Ataques que baixo o liderado dos USA e dirixidos polo Departamento de Estado,  teñen como axentes no terreo ás oligarquías locais, a destacados membros dos exércitos nacionais –educados nos escolas militares do Estados Unidos- e a policía, aos aparatos xudiciais e a maioría dos medios de comunicación e opinión locais.

No que vai de século XXI, aparecen como casos máis relevantes os de Chávez (2002) -intento de detención e asasinato-, Manuel Zelaya (2009) -golpe de estado militar-, Rafael Correa (2010) -intento de asasinato-, Fernando Lugo (2012) -xuízo político e destitución parlamentaria-, Dilma Roussef (2016) -golpe de estado parlamentario-, Evo Morales (2019) -golpe militar…- Accións de subversión da democracia nas que intervén o exército, pero sen que agora este asuma o poder: golpes brandos nos que é fácil ver as orellas do Imperio.

Neste marco resulta evidente que o camiño que emprenderon os novos líderes latinoamericanos, na procura dunha maior democracia e un meirande progreso social, está cheo de dificultades e conta con non poucos inimigos internos e externos. Un duro camiño porque no seu tránsito, como dicía o grande Pablo Neruda:

Ha quedado un olor entre los cañaverales:
una mezcla de sangre y cuerpo, un penetrante
pétalo nauseabundo.
Entre los cocoteros las tumbas están llenas
de huesos demolidos, de estertores callados”.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]