Venres, Xullo 19, 2019

Home Global O Reino Unido vai de congreso

O Reino Unido vai de congreso

Tradicionalmente, o Reino Unido xogou un papel moi relevante na política e na economía europeas. Malia todo, e se cadra por mor da crise do euro, a día de hoxe a atención mediática no Estado Español está máis centrada en Francia e Alemaña, países que tamén gozan de moita influencia na escena internacional. De calquera xeito, e gústenos máis ou menos, o que se decide no parlamento de Westminster inflúe de forma moi determinante nos países do seu entorno. Por este motivo cómpre non perder detalle da situación política da illa e dos posicionamentos dos principais partidos políticos

Facendo un pouco de memoria, cómpre resaltar que o actual goberno británico formouse dun xeito un tanto anómalo xa que, por primeira vez desde a II Guerra Mundial, o gabinete non puido ser monocolor. Ao non haber ningunha forza política que acadase a maioría parlamentaria para gobernar en solitario, tornouse necesario crear unha coalición entre o Partido Conservador e o Liberal Demócrata (Lib Dem). Este último acadara uns importantísimos resultados electorais ao recoller boa parte do voto Laborista desencantado despois de 13 anos de goberno de Tony Blair e Gordon Brown.

A Coalición xa leva preto de ano e medio á fronte do Reino Unido e, ao igual que o resto de executivos de países europeos, tivo que afrontar unha situación económica particularmente difícil. A base das súas políticas nesta materia ten como obxectivo eliminar o déficit estrutural para o ano 2015, data na que remata o seu mandato. Para acadar esta meta, o goberno está a aplicar un amplo programa de recortes no investimento público que trouxo canda si unha conflitividade social con poucos precedentes. Comezaron os estudantes, coas revoltas en contra da suba das taxas académicas a finais do pasado ano. Seguiron os sindicatos, coas mobilizacións masivas en contra dos planos de austeridade, así como coa vaga de folgas coordinadas que está a ter lugar. Todo isto agravouse cando hai uns meses estouraron en Londres os disturbios que azoutaron os barrios máis humildes.

Neste contexto, as tres forzas políticas maioritarias, Conservadores, Laboristas e Lib Dem, celebraron ao longo deste mes as súas respectivas conferencias nacionais para actualizar o programar e medir o estado do partido.

 

Partido Laborista: Miliband na procura de si mesmo

Os laboristas xuntáronse a finais de setembro, entre o 25 e o 29. O partido chegou a esta conferencia encabezando as enquisas cunha certa marxe fronte aos conservadores. Porén, non todo ían ser boas novas. O seu líder, Ed Miliband, aínda conta cunhas taxas de aprobación popular moi baixas e só 2 de cada 10 votantes considera que sería a mellor opción para presidir o goberno. Por iso quixo aproveitar este congreso para mandar unha mensaxe ás bases do seu partido e resaltar que está aí para quedar.

Conferencia Laborista / Fonte: facebook.com/labourparty

[quote style=”boxed” float=”right”] Miliband trazou as liñas mestras do que vai ser o seu modelo económico para o Reino Unido, ao que definiu como “novo capitalismo” [/quote]
No discurso de apertura, Miliband trazou as liñas mestras do que vai ser o seu modelo económico para o Reino Unido, ao que definiu como “novo capitalismo”. Destacou a necesidade dunha “refundación de valores” que supere a economía do beneficio rápido e propuxo repartir parte das ganancias das empresas entre os seus traballadores. “Eu non son Tony Blair”, chegou a afirmar nun afán de rachar definitivamente co período anterior, aínda que isto fixese remover no seu asento a máis dun alto cargo que participou nos gobernos do chamado “Novo Laborismo”.

De calquera xeito, Miliband precisa espantar a mala fama de nefastos xestores en materia económica que se lle colgou ao seu partido. Por iso mesmo destacou que se volvían ao goberno “só gastarían o que se puideran permitir”.

 

Partido conservador: patriotismo en tempo de crise

Das tres principais forzas políticas británicas, os conservadores eran os que tiñan menos que demostrar nesta conferencia anual. A pesar do seu programa de recortes e da desaprobación popular do goberno de coalición, as enquisas sonlles moi favorábeis. Mentres que os seus aliados liberal-demócratas se afunden en intención de voto, eles mantéñense ou mesmo soben unhas décimas.

Conferencia Conservadora / Fonte: telegraph.co.uk

Por todo isto, ao longo do seu congreso non se lanzou ningunha proposta ou idea de calado, como si pasou cos outros dous partidos. Do discurso de David Cameron o que se extrae é un chamamento patriótico a que o “Reino Unido loite para sobrepoñerse ás dificultades”. O resto da conferencia centrouse basicamente en temas económicos que supoñen unha liña continuísta co seu programa de reducir o déficit estrutural para o 2015.

Como detalle curioso do conclave conservador destaca que o Primeiro Ministro amosou o seu apoio á unión de parellas do mesmo sexo. Cameron declarou que “non defende o matrimonio gay a pesar de ser conservador, senón por ser conservador”. Isto destácase como un avance moi importante nesta materia xa que no Reino Unido aínda se está a debater se os homosexuais sexualmente activos poden ou non doar sangue.

 

Partido Liberal Demócrata: entre o goberno e a desaparición

Os Lib Dem celebraron a súa conferencia baixo o lema “in government on your side” (“no goberno ao teu carón”). O slogan tiña que ser reproducido así, con todo en minúsculas e coa segunda parte en negriña. Como bromeaba a analista política Jackie Ashley, poñer “No goberno” en maiúscula podía quedar demasiado autoritario e cumpría resaltar “ao teu carón” por se nalgún momento se puido pensar que marcharan de alí. É que os Liberal-Demócratas non están no mellor dos momentos. Unha enquisa de YouGov publicada ao mesmo tempo que celebraban a súa conferencia dáballes un 8% dos votos, isto é 14 puntos menos que en 2010. O propio líder do partido, Nick Clegg, recoñeceu no seu discurso que estar no goberno lles está a traer moitos custes políticos.

Nick Clegg / Fonte: facebook.com/libdem

[quote style=”boxed” float=”left”] As liñas centrais da conferencia foron a economía e a influencia Lib-Dem no seo da coalición. [/quote]
As liñas centrais da conferencia foron a economía e a influencia Lib-Dem no seo da coalición. Clegg resaltou a capacidade da súa forza política para levar ao goberno polo “camiño liberal e de centro”. Para xustificar o acordo cos tories e a súa política de recortes, apelou ao interese nacional afirmando que “nunca vai pedir perdón pola cousas difíciles que tivo que facer” e resaltou que para eles sería máis cómodo ter ficado na oposición no canto de facer “o que era correcto”.

Malia esta forte defensa do seu labor de goberno, na conferencia tamén se permitiron facer algun brinde ao sol e lanzar propostas en materia social dificilmente asumíbeis polos seus socios conservadores. As máis destacábeis neste sentido foron as de despenalizar o consumo de drogas, non permitir as imaxes de mulleres espidas na páxina 3 dos xornais ou abolir a prohibición de doar sangue aos homes homosexuais.

 

Novidades